Recreacións históricas de Vigo

Leva un tempo agochado por entre o meu mail agardando por tempo para irlle botar unha ollada, un fio do foro de urbanity.es onde se recolle documentación gráfica dos cambios urbanísticos e arquitectónicos da cidade de Vigo durante a súa historia.

Recreación de Vigo en 1880 desde A Guía co Areal en primeiro plano. Uxio Noceda

Un fio espectacular con fotos e planos do seu pasado, moitas delas, dunha web que recrea de xeito gráfico o que puido ter Vigo e os seus arredores desde a súa prehistoria ata a actualiade: Historia de VIGO. VICUS/VIGO: unha Reconstrucción Visual e Histórica, por Uxio Noceda; unha mágoa que algúns dos links desa web non conduzan a ningures xa que parecía tamén ofrecer a recreacións doutras cidades.

Vigo ao fondo, en primeiro, Bouzas, 1881. Uxio Noceda

Con todo, o fio do foro apuntado enriba dá para perderse por entre máis imaxes completando un percorrido feito varias veces desde este aquí.

Desde planos ás primeiras fotos aéreas, pasando por planos do terreo gañado ao mar, videos de Vigo no ano 1929 e por moitas outras máis cousas descoñecidas.

Coma esta vista do estreito de Rande.

Posteando desde o espazo

Soichi Noguchi non é un actor, nin unha celebridade, ni un blogueiro famoso,… pero a súa conta en twitter, Astro_Soichi, ten máis de 137.000 seguidores. A peculiaridade é que  Soichi é astronauta e traballa no espazo, o seu centro de traballo, a Estación Espacial Internacional [ISS], está a uns 360 km de altura  realizando órbitas completas ao noso planeta cada 92 minutos.

E aproveitando que na ISS teñen conexión a internet, Soichi vai tirando e subindo fotos do noso planeta desde o lugar máis privilexiado que houber, estampas de cidades, desertos, ríos, illas, montañas, fervenzas, etc. a compartir con todos nós desde a súa conta en twitpic, de visita recomendada.

Hai unhas horas pasaba por riba das nosas cabezas e xogaba cos seus seguidores por ver que daba co nome da cidade fotografiada.

riavigo_soichi

A Ría de Vigo, a maior tamaño, no twitpic de Astro_Soichi.

Pola estrada da vía

Hoxe volvín dar cun video que hai uns meses lle amosaba aos meus pais, un video que amosa os nosos lugares comúns ao redor dun tranvía que foi o medio de transporte de toda unha xeración e que se nos repetía nas historias de cando os meus pais eran novos, de como se coñeceron cruzando as súas miradas camiño do choio neses tranvías que unían a Baiona con Vigo, ou de como se subían por fóra del para aforrar os cartos do billete, ou de tantos bailes que foron botar a tantas outras verbenas…

Toda unha historia desmantelada do mesmo xeito que se fixo coas vías e, máis tarde, cunhas paisaxes que son case irrecoñecibles; a “feraz campiña” é agora un campo de especulación de chalés, adosados e pareados que chegan ata a mesma liña de costa. O único que quedou do tranvía, ademáis dalgunha estación e apeadeiro, foi o nome da estrada que une Vigo e A Ramallosa pola costa, que aínda segue a ser a estrada da vía.

Malia que o video xa fora publicado por A vella e nobre Gallaecia, cómpre volvelo postear por aquí para lembrar onde vivimos e ver o que lle fixemos ao noso.