Hoxe volvín dar cun video que hai uns meses lle amosaba aos meus pais, un video que amosa os nosos lugares comúns ao redor dun tranvía que foi o medio de transporte de toda unha xeración e que se nos repetía nas historias de cando os meus pais eran novos, de como se coñeceron cruzando as súas miradas camiño do choio neses tranvías que unían a Baiona con Vigo, ou de como se subían por fóra del para aforrar os cartos do billete, ou de tantos bailes que foron botar a tantas outras verbenas…
Toda unha historia desmantelada do mesmo xeito que se fixo coas vías e, máis tarde, cunhas paisaxes que son case irrecoñecibles; a “feraz campiña” é agora un campo de especulación de chalés, adosados e pareados que chegan ata a mesma liña de costa. O único que quedou do tranvía, ademáis dalgunha estación e apeadeiro, foi o nome da estrada que une Vigo e A Ramallosa pola costa, que aínda segue a ser a estrada da vía.
Malia que o video xa fora publicado por A vella e nobre Gallaecia, cómpre volvelo postear por aquí para lembrar onde vivimos e ver o que lle fixemos ao noso.