Recreacións históricas de Vigo

Leva un tempo agochado por entre o meu mail agardando por tempo para irlle botar unha ollada, un fio do foro de urbanity.es onde se recolle documentación gráfica dos cambios urbanísticos e arquitectónicos da cidade de Vigo durante a súa historia.

Recreación de Vigo en 1880 desde A Guía co Areal en primeiro plano. Uxio Noceda

Un fio espectacular con fotos e planos do seu pasado, moitas delas, dunha web que recrea de xeito gráfico o que puido ter Vigo e os seus arredores desde a súa prehistoria ata a actualiade: Historia de VIGO. VICUS/VIGO: unha Reconstrucción Visual e Histórica, por Uxio Noceda; unha mágoa que algúns dos links desa web non conduzan a ningures xa que parecía tamén ofrecer a recreacións doutras cidades.

Vigo ao fondo, en primeiro, Bouzas, 1881. Uxio Noceda

Con todo, o fio do foro apuntado enriba dá para perderse por entre máis imaxes completando un percorrido feito varias veces desde este aquí.

Desde planos ás primeiras fotos aéreas, pasando por planos do terreo gañado ao mar, videos de Vigo no ano 1929 e por moitas outras máis cousas descoñecidas.

Coma esta vista do estreito de Rande.

Imaxes da construcción da Ponte de Rande

De preguntarlle aos meus pais, haberían dicir que a Ponte de Rande lles cambiou a vida. Daquela obra que nos cambiou a vida é esta impresionante  galería de imaxes da Ponte de Rande desde o inicio da súa construcción ata a súa apertura para o tránsito en 1981, galería publicada hai un tempo polo Faro de Vigo e recuperada por  tecnoloxia.org

A que quizais máis me impresionou foi esta do Estreito de Rande sen a ponte,

estreito_rande

De cando se abriu para o tránsito, en 1981, lembro que no Faro de Vigo, durante un tempo, sairon uns vales para circular gratis, só había que entregar na peaxe o cachiño do Faro co cupón, cupóns que a miña nai se encargaba de recolectar entre os coñecidos que compraban o Faro e non eran usuarios da autoestrada.

ponte_rande

Daqueles días é esta foto, unha marcha ciclista que se fixera pouco antes da inauguración do tramo Pontevedra – Vigo. Boto contas e levamos 28 anos pagando peaxes, unha vergoña!