Experiencias co MiFi

Algún día haberemos de contarlle aos nosos fillos ou netos de como, ás veces, andabamos ás voltas para atopar unha cafetería con wifi, ou algún lugar onde podérmonos conectar desde unha wifi aberta, pero aquelas wifi abertas que saían das casas dos viciños foron esmorecendo a golpe de contrasinal.

Pero todo comezou a cambiar o día que a Internet móbil se fixo máis accesible aos orzamentos de todos os petos para o seu uso esporádico, coa popularización dos modems 3G calquera podía conectarse á rede en mobilidade; primeiro sairon en formato PCMCIA, máis tarde sairían para Express Card, e logo se popularizaron en formato USB e foron estilizándose ata os tamaños actuais, pouco maiores que as memorias USB.

Porén, malia ir evolucionando, o de ir pinchando cousas nos portos USB do noso equipo portátil cando actúa como portátil é sempre un atraso, sobresaen da carcasa do noso equipo e corren o risco de engancharse con algo ou con alguén, ademais de ser preciso pasar por un proceso de instalación de software e drivers que non sempre é fácil. Pero a maior limitación destes modems USB 3G é que a conexión está restrinxida a un só equipo, aínda que haberá quen diga crear unha rede adhoc desde un portátil.

Pero hai cousa dun ano, o panorama cambiou desde o momento que Novatel presentou o MiFi, un pequeno aparello que anda nos 100 gramos de peso e que vén sendo un modem 3G coa súa ranura para a SIM á vez que un router wifi. Úsase como un router convencional onde o que se comparte a través da wifi é a conexión 3G a internet. O modelo para as redes GSM, as que se usan en Europa, é o MiFi 2352 e parte da idea de que a conexión vai connosco, converténdose no router de viaxe perfecto que dá saida á rede a todos os nosos aparellos wifi pagando unha única tarifa de datos.

mifi_movistar

Vai xa para dous meses que veño utilizando un router MiFi e a experiencia non podería ser máis satisfactoria. Pódese utilizar coa batería incluída que dá, dependendo do uso da rede que fagamos, para entre 4 e 5 horas de conexión; tamén inclúe un enchufe á rede eléctrica así como cabo para conectalo ao chisqueiro do coche e, no caso de quedar sen batería, tamén pode cargarse a través dun porto USB, cabo tamén incluido, pero neste caso o fabricante desactivou a funcionalidade wifi e pasa a actuar coma un modem USB convencional, previa instalación de drivers e software. Pero se queremos utilizar o MiFi como router mentres se carga a través do porto USB dun ordenador hai solución, só hai que modificar no arquivo de configuración o valor de routeroverusb de 0 a 1 e subilo de novo ao MiFi.

A súa única limitación é que o número de aparellos conectados á wifi do MiFi non poden ser máis de cinco, unha cifra que podería parecer pequena pero que para un router de viaxe non debería supoñer maior problema; fóra diso, a experiencia de conexión cando estamos nunha zona con boa cobertura 3G é moi parecida á que temos cunha ADSL de velocidade similar, nótanse aí os seus 900MHz de procesador, así como a presencia de características como as que posúen routers de sobremesa: firewall, VPN, redireccionador de portos, acceso a redes VPN, soporta ata o protocolo HSUPA ou estandar G en wifi, protocolos de seguridade WEP, WPA e WPA2,… e todo configurable a través dun servidor web .

mifi_vodafone

Tamén hai que mencionar que o MiFi dispón dunha ranura MicroSD que permite compartir o contido da tarxeta MicroSD, soporta ata 16 Gb, con todos os dispositivos conectados á rede local, aínda que só a a través do interface web

En definitiva, o MiFi é un aparello pequeno, versátil, cómodo de utilizar e estable, e dá unha nova dimensión á nosa conectividade 3G, e é que cada día é máis habitual que levemos nos petos, ou na mochila, ou no bolso, algún trebello que podería tirar proveito dunha conexión de datos, xa sexan ordenadores, teléfonos, videoconsolas, cámaras fotográficas, reproductores multimedia,… trebellos aos que o MiFi lle ofrece a solución ideal para conectalos á rede sen agardar a chegar a casa ou ao choio nin ter que andar á busca dunha wifi amiga.

Latitude, xeolocalización no móbil

De cando en vez aos de Google dáselles por presentar unha manchea de novidades e sendo como era só unha cuestión de tempo que Google entrase no mercado da xeolocalización, vén de facelo da man de Google Latitude, unha aplicación para dispositivos móbiles (Symbian S60, Blackberry, Android, Windows Mobile e, nun futuro, para móbiles con J2ME e o iPhone) que tamén se pode utilizar desde un pc a través dun widget para iGoogle. Creada como unha extensión da versión móbil de Google Maps, permite compartir a túa ubicación cos teus contactos de Gmail, así como localizar e ubicar no mapa aos teus contactos desde a mesma aplicación.

Esta localización faise de tres xeitos diferentes, ben ubicándonos a través do GPS nos terminais que o incorporan, ben ubicándonos a través das antenas de telefonía móbil ás que o noso terminal se conecta para sair a internet, ou ben manualmente, dándolle nós a nosa posición (real ou imaxinaria) no mapa.

latitude_symbian

Sempre haberá quen diga que se non chegaba con que desde Google saiban o que andamos a buscar na rede, ou das webs e feeds que lemos, ou do contido dos nosos documentos e do noso correo electrónico, que agora tamén poderán saber onde estamos. E por iso mesmo, Google traballou o tema da privacidade para asegurarse de que o usuario mantén un completo control sobre a quen quere amosar a súa localización, dándonos opción de controlar con quen compartimos a nosa posición, contacto a contacto, e a que nivel de detalle (a nosa posición exacta ou apenas a cidade onde estamos).

Son da opinión de que esta presentación ha de marcar un fito tanto na rede móbil coma nos servizos de xeolocalización, pois se ata o de agora para Google era importante o que andabamos a procurar, de agora en diante a nosa localización ha de funcionar como filtro á hora de amosar resultados e informacións, que non dubidará en utilizar para ofrecer publicidade ou algún servizo relacionado coa nosa localización.

Así, e mentres andei a probar Latitude, non me levou máis duns minutos decatarme das súas posibilidades, xa que desde Google fixéronno dun xeito fácil pois en lugar de crear unha nova aplicación, implementárona coma unha extensión nunha aplicación, Google Mobile Maps, para convertirse máis que nunha rede social, nunha nova funcionalidade nun producto xa existente e instalado, quizais, en millóns de terminais, no que ademáis de ubicarnos como ata o de agora, podemos, dun xeito fácil e intuitivo, compartir esa información, ver aos nosos contactos no mapa, enviarlles un mail, un SMS, chamalos por teléfono, facer búsquedas no seu entorno,  todo desde a mesma aplicación e dispoñendo sempre da información extra que dá a súa localización e sabendo do seu do status, o “que estás a facer” que utilizan outras redes sociais, que se amosa baixo o seu nome e avatar.

latitude_symbian_contacts

Agora resta por saber se Google vai seguir evolucionando a versión móbil de Google Maps e utilizala para entrar no mercado das redes sociais ou, se ben, vai ir cara ao mercado da xeolocalización, onde malia a entrar con bo pé, lle queda moito camiño por percorrer, entre outras cousas ao concentrarse só na localización en tempo real sen gardar un histórico das localizacións ou, polo de agora, ao non dispoñer dunha API  e servir de plataforma para terceiras aplicacións, que é o lugar onde están xogando servizos como Fire Eagle, Brightkite, Plazes e mesmo a galega Ipoki, que aínda teñen moito por dicir, e máis agora que google acelerará este segmento. O tempo dirá…

Prefixos e sufixos móbiles

Co móbil nas mans e antes de abrir o navegador cavilo nas diferentes opcións que teño para averiguar a dirección dun sitio web que se supón optimizado para as pequenas pantallas destes aparellos.

palm_pre_browser

Visto que o ter que teclear o http:// xa non é necesario, e cada vez son máis os sitios que non forzan a poñer o www. malia haber algún por aí que dá erros se vai sen as tres uves dobres por diante, só queda acertar se o creador da páxina se decidiu por un dominio .mobi, se é dos que lle engade o /mobile, ou ben optou polo /m ou só lle puxo o m. por diante. Por se fosen poucos, hai quen tira por apuntar a un i. ou /i para dicirnos que foron deseñados co iphone na mente, e outros optan por deixar o nome de dominio igual e que sexa o servidor o que detecte se a visita chega desde un dispositivo móbil para darlle unha versión optimizada.

De entre as páxinas que consulto con máis frecuencia desde dispositivos móbiles, e tamén desde máquinas maiores cando a única opción de conexión é a través de GPRS, teño de todo,

De entre os lectores de feeds,

Na prensa escrita,

apenas española, xa que ningún xornal galego ten unha versión que se poida ver dun xeito decente desde o móbil.

Para o correo de google, o mellor é calquera das aplicacións móbiles que existen, pero a falta delas pódese acceder en

Para Twitter, ademáis da versión móbil e aplicacións varias para xestionar os twits desde o dispositivo, eu utilizo

pero hai outras,

Para facebook, teño comprobado que apenas o utilizo fóra da páxina móbil, moito menos abafante que a súa irmá maior,

Para a wikipedia, moito mellor a wapedia que a versión móbil que veñen de lanzar,

Para a previsión do tempo,

E logo, no caixón aínda me quedan,

E para as páxinas que non se deixan ver en pantallas pequenas, utilizo os escuchimizadores de google e de skweezer,

E se a alguén lle quedan dúbidas de como se ve unha determinada páxina, Opera ten no seu sitio un emulador do Opera Mini, o seu navegador web móbil que é quen de funcionar en case que todos os teléfonos.

Agardo que a alguén máis lle sirvan estas direccións á hora de lanzarse a utilizar internet desde o móbil, ou para suxerir outras; se por min fose, utilizaría a mesma url do sitio e que nos ofreza a posibilidade de acceder á súa versión móbil, e no seu defecto, o prefixo m. ou o sufixo /m, e vós?