Metrominuto Pontevedra

Se o ano pasado chegaban a este blog as redes dun metro imaxinario en Pontevedra e mais en Santiago de Compostela, hai cousa dun mes o Concello de Pontevedra, a falta de metro, viña de facer pública unha nova iniciativa dentro do plan municipal de impulso á mobilidade alternativa.

Trátase do Metrominuto Pontevedra, un plano lineal que recolle 21 dos puntos máis representativos da cidade, a distancia que hai entre eles e o tempo aproximado que leva percorrelos.

Así, ademais de comprobar que entre o Hospital e a glorieta da Eiriña hai unha bandeira republicana, vale para confirmar aquilo de que en Pontevedra non hai distancias.

Omnes Viae: Itinerarium Romanum

Non é a primeira vez que a Tabula Peutingeriana sae neste blog; por entón referíame a ela como a Guía Michelin do século IV, xa que viña a ser iso mesmo, unha guía para os viaxeiros da antiga Roma que seguían o cursus publicus.

Daquela apuntaba a experimentar sobre o mapa e tentar chegar ata o río Ganges desde a Gallaecia romana, pero agora xa podemos facelo sobre Google Maps pois a novidade é que de entre os meus feeds, nomeadamente de Geographic Travels, chega un proxecto que usa os datos da Tabula Peutingeriana para crear un machuco con Google Maps, o Omnes Viae: Itinerarium Romanum, que traslada ao mapa a rede de camiños do Imperio Romano incluindo todas as cidades, vilas, pontes e lugares que se atravesarían ao longo dun roteiro polo imperio.

A destacar é que o servizo ata ofreza a duración do roteiro en tempo e distancia do mesmo xeito que o fai Google Maps, así desde Roma ata os Pirineos Atlánticos di que:

SUMMA DCCCXCIII MILIA PASSUUM / LEUGA GALLICA.
FERE LX DIES.

O que é unha mágoa é que o servizo non bote man dos cachos perdidos e recuperados da táboa peutingeriana correspondentes a Hispania e mais Britannia para podermos xogar a facer o camiño desde acó.

 

Cartografía dos Apelidos de Galicia

Co titular de que de continuar a primacía paterna na orde dos apelidos, en só dous séculos a maioría dos galegos pasará a ser Rodríguez, chegábame a noticia, primeiro polo IDEE de que hai unhas semanas fora renovado o sitio da Cartografía dos apelidos de Galicia, unha ferramenta do Instituto da Lingua Galega para podermos coñecer a difusión territorial dos apelidos de Galicia.

Volvo comprobar o mesmo que hai case cinco anos e andamos igual, a versión española, que amosa a distribución por provincias, tamén cambiou a URL e sigo sen saber da existencia de algo similar en Portugal.

Boa iniciativa a de relanzar esta web a conto da Lei de Rexistro Civil, e unha mágoa que non tire os datos dun Padrón máis actualizado …eu teño dous novos por engadirlle ao mapa

Mapa do metro de Pontevedra

Se hai uns meses apuntaba por acó a imaxinaria rede de metro de Santiago de Compostela, non podía menos que deixar aquí constancia doutro mapa máis que se une a este imaxinario de redes de metro, a rede do metro de Pontevedra[pdf],

subtePO

Realizado por anllo, que apunta que non é enxeñeiro pero que con imaxinación, paciencia e Illustrator logo se monta un metro para cumplir cos traballos académicos.

E por se non chegar, en Webdesigner Depot pódese atopar unha boa recopilación de mapas de metro de todo o mundo realizada por Jon Szczur.

Mapa do Metro de Santiago de Compostela

En Santiago de Compostela non hai metro, pero desde Flickr chega este precioso mapa dunha imaxinaria rede de metro compostelana, no que o usuario fdansv apenas apunta que é un proxecto persoal.

rede do imaxinario metro de santiago

Se xa de por si os mapas de metro entran ben pola vista e dan en xoíñas visuais, se lle engadimos nomes comúns aínda paga máis a pena parase a botarlle un ollo a este mapa.

p.s. esquecía comentar que souben deste mapa a través do que comparte o ictioscopio polo google reader

Momento Street View na Coruña

Pensaba eu que non ía ser difícil saber a data na que os de Street View pasaran polos Cantóns e xa o daba por feito, o 22 de setembro de 2008,

cantons08

pero vese que mourullo tivo algún tempo máis para pasear por alí e descubriu que, chegando polo Cantón Pequeno, na Coruña tamén había imaxes do mesmo lugar visto desde a outra banda da rúa do 31 de agosto de 2009,

cantons09

Bücherland, a Terra dos Libros

Xogando con lugares imaxinarios sobre un mapa e amosándoos coma se formasen territorios nun mundo real, o ilustrador alemán Alphons Woelfle (1938) cartografiou a Terra dos Libros nesta Karte des Bücher Landes, coa que din en Strange Maps,

buecherland

e dividiu Bücherland, a Terra dos Libros, en diferentes países, Leserrepublik (República dos Lectores), Vereinigte Buchhandels Staaten (Estados Unidos dos Libreiros), Recensentia (Reino dos Críticos), Makulaturia (Terra do Papel Malgastado), a península de Poesia e tamén incluiu un plano detallado de Officina, a cidade máis importante e capital dos libreiros.

Imitando un estilo antigo que lle acae a estes mundos imaxinario, desde as terras de Unerforschte Absatzgebiete (Mercados Inexplorados) na República dos Lectores ata o Meer des Neu Erscheinungen (Mar das Novidades) e pasando polas Pyramiden der Vergessbücher (Pirámides dos Libros Esquecidos) na Terra do Papel Malgastado, unha preciosidade que se pode ver en calidade alta na da Bayerische Staatsbibliothek.