加利西亚, un mapa chinés de Galiza

Na miña visita cotiá a reddit, hoxe arregalei os ollos á vista deste mapa, que polo que puiden saber vai en chinés mandarín.

galiza_chines

Coa curiosidade habitual déuseme por ir buscar se había máis, pero a falta de coñecemento da língua impediume chegar moito máis lonxe. Ao máis que cheguei foi, grazas ao redditor weigeren, a localizar unha web onde había algún mapiña máis da península ibérica.

corunha_chines

spa_lang_chines

Os mapas pódense ver no seu tamaño orixinal facendo clic neles. Agardo que vos presten tanto como me prestaron a min e aproveito para agradecer a quen sexa que fose que se lle dese por escanear todo isto.

Coitus Topographicus

Xa había tempo que dera con esta ilustración pero non fora quen de atopala cunha resolución decente para ser lexible. É o Coitus Topographicus, obra publicada por  Push Pin Studios en 1980. Foi creada por Richard Mantel, Seymour Chwast e Liz Gutowski sendo este último o ilustrador.

coitus

Como ben apuntou alpoma na súa Cartoteca, é unha obra mestra na aplicación da semioloxía cartográfica nun proxecto editorial que non ten nada que ver coa xeografía; o orixinal da imaxe pódese atopar en AIGA Design Archives.

Mapa da diferencia entre a hora solar e a oficial

Unha viaxe a España de Stefano Maggiolo foi o que o animou a facer un mapa recollendo a diferencia entre a hora solar e mais a oficial e resultou que había moitos máis lugares nos que o abrente e mais o solpor chegan tarde, como pasa aquí, que lugares onde a hora solar vaia por diante da hora oficial. Así, editou o mapa da Wikipedia para facelo de máis clara lectura; canto máis encarnado, máis adianto da hora oficial respecto da solar e canto máis verde, máis atraso da hora oficial respecto da solar.

SolarTimeVsStandardTime

Destaca no seu post como o caso máis parecido ao de España o de China onde, na súa parte máis occidental e ao teren un só fuso horario para todo o país, a diferencia entre a hora solar e a oficial chega ás tres horas. Todo isto, xunto con máis información e o mapa completo a 4000 x 2048, pódese atopar no seu How much is time wrong around the world?

 

Mapa dos cables submarinos 2014

TeleGeography leva anos creando un mapa dos cables submarinos de comunicacións  e este ano non podía ser menos, así que vén de publicar a edición 2014 do seu popular Submarine Cable Map.

telegeography

mapa-cable-2014

telegeography_api

Tamén poñen á nosa disposición un machuco sobre google maps do mesmo Submarine Cable Map, que amosa as conexións físicas a terra que fan posible o tráfico de datos baixo o mar. Esta versión permite obter máis información dos cables e tamén dos lugares aos que chegan eses cables para distribuir o tráfico de datos. Falta algunha información, coma que o GLO-1 ten un punto de unión co continente en Vigo pero, malia así, é digno de ver.

Earth wind map

O mapa de vento da Terra, unha visualización interactiva do noso planeta coas condicións climatolóxicas en tempo case real, actualizada cada tres horas con datos de vento e temperatura e mais unha predicción das correntes mariñas que se actualiza cada cinco días.

earthwind

earthcurrents

earthtemperature

Cameron Beccario fixo un traballo ben bonito tirando dos datos do Global Forecast System e unha chea de ferramentas e servizos máis; aquí ten máis información sobre o seu proxecto. Via o meu tumblr.

O mapa dos carteiros

Agora que xa van máis de oito anos con este blog por aquí é fácil botar a vista atrás e comentar que hai cinco anos falaba do ZIPScribble Map, un mapa que conectaba con liñas de cores os códigos postais existentes nun determinado territorio seguindo unha orde ascendente.

Desta, a novidade é que Robert Kosara, o autor, vén de actualizar e engadir unha versión interactiva do ZIPScribble Map na que podemos facer zoom, eliminar o mapa base e ver os detalles, ademais de engadir uns poucos mapas máis que fan un total de 38 países cubertos. O resultado segue a ser unha serie de mapas da que tirar reflexións en relación á densidade de núcleos de poboación, no que segue a destacar a enorme densidade de trazos na nosa terra así coma nos distritos portugueses de Viana, Braga e mais do Porto.