De cando en vez aos de Google dáselles por presentar unha manchea de novidades e sendo como era só unha cuestión de tempo que Google entrase no mercado da xeolocalización, vén de facelo da man de Google Latitude, unha aplicación para dispositivos móbiles (Symbian S60, Blackberry, Android, Windows Mobile e, nun futuro, para móbiles con J2ME e o iPhone) que tamén se pode utilizar desde un pc a través dun widget para iGoogle. Creada como unha extensión da versión móbil de Google Maps, permite compartir a túa ubicación cos teus contactos de Gmail, así como localizar e ubicar no mapa aos teus contactos desde a mesma aplicación.
Esta localización faise de tres xeitos diferentes, ben ubicándonos a través do GPS nos terminais que o incorporan, ben ubicándonos a través das antenas de telefonía móbil ás que o noso terminal se conecta para sair a internet, ou ben manualmente, dándolle nós a nosa posición (real ou imaxinaria) no mapa.
Sempre haberá quen diga que se non chegaba con que desde Google saiban o que andamos a buscar na rede, ou das webs e feeds que lemos, ou do contido dos nosos documentos e do noso correo electrónico, que agora tamén poderán saber onde estamos. E por iso mesmo, Google traballou o tema da privacidade para asegurarse de que o usuario mantén un completo control sobre a quen quere amosar a súa localización, dándonos opción de controlar con quen compartimos a nosa posición, contacto a contacto, e a que nivel de detalle (a nosa posición exacta ou apenas a cidade onde estamos).
Son da opinión de que esta presentación ha de marcar un fito tanto na rede móbil coma nos servizos de xeolocalización, pois se ata o de agora para Google era importante o que andabamos a procurar, de agora en diante a nosa localización ha de funcionar como filtro á hora de amosar resultados e informacións, que non dubidará en utilizar para ofrecer publicidade ou algún servizo relacionado coa nosa localización.
Así, e mentres andei a probar Latitude, non me levou máis duns minutos decatarme das súas posibilidades, xa que desde Google fixéronno dun xeito fácil pois en lugar de crear unha nova aplicación, implementárona coma unha extensión nunha aplicación, Google Mobile Maps, para convertirse máis que nunha rede social, nunha nova funcionalidade nun producto xa existente e instalado, quizais, en millóns de terminais, no que ademáis de ubicarnos como ata o de agora, podemos, dun xeito fácil e intuitivo, compartir esa información, ver aos nosos contactos no mapa, enviarlles un mail, un SMS, chamalos por teléfono, facer búsquedas no seu entorno, todo desde a mesma aplicación e dispoñendo sempre da información extra que dá a súa localización e sabendo do seu do status, o “que estás a facer” que utilizan outras redes sociais, que se amosa baixo o seu nome e avatar.
Agora resta por saber se Google vai seguir evolucionando a versión móbil de Google Maps e utilizala para entrar no mercado das redes sociais ou, se ben, vai ir cara ao mercado da xeolocalización, onde malia a entrar con bo pé, lle queda moito camiño por percorrer, entre outras cousas ao concentrarse só na localización en tempo real sen gardar un histórico das localizacións ou, polo de agora, ao non dispoñer dunha API e servir de plataforma para terceiras aplicacións, que é o lugar onde están xogando servizos como Fire Eagle, Brightkite, Plazes e mesmo a galega Ipoki, que aínda teñen moito por dicir, e máis agora que google acelerará este segmento. O tempo dirá…