Isotype

O Isotype é un sistema de pictogramas proxectado por Otto Neurath e ilustrado por Gerd Arntz no que tamén participou a muller do primeiro, Marie Reidemeister, para comunicar información dun xeito simple, dándolle valor á  linguaxe non verbal, e facer do Isotype un sistema universal.

isotype_detail

Na súa orixe, aspiraban a que Isotype fose utilizada por educadores; as súas iniciais veñen a dicir International System of Typographic Picture Education [Sistema Internacional de Educación Tipográfica Pictórica], pero rematou influenciando a sinalética pública e os gráficos estatísticos e mais informativos.

Esta explicación vén a conto de que hai uns días din cun magnífico post en Making Maps, Mapping with Isotype, no que se recollen varios exemplos desta linguaxe cartográfica, dos que destaca un clásico entre o Isotype, o pdf do atlas Gesellschaft und Wirtschaft [Sociedade e economía], que co seu aire retro convértese nun auténtico pracer para a vista, convertendo información complexa en algo fácil de ler e comprender eliminando calquera barreira idiomática.

isotype_europe

E por se non chegase coa cantidade de links que hai no post de Making Maps, paga a pena pasar polo Isotype Institute onde se documenta a historia de Isotype con exemplos prácticos da súa aplicación en diversas publicación, ou o Gerd Arntz Web Archive, que recolle, agora dixitalizados, uns 600 pictogramas dos máis de 4000 deseñados por Gerd Arntz para Isotype, e que malia non conseguir a súa arela de facer destes pictogramas unha linguaxe visual transnacional, si que foron quen de inspirar deseños que hoxe nos parecen clásicos, como os pictogramas para os Xogos Olímpicos, o bonequiño que se utiliza na moderna infografía, ou os pictogramas de AIGA que nos acompañan na nosa vida cotiá.

E por se alguén pensa que o Isotype xa é historia e non é utilizado nas infografías, unha marabilla do NY Times nunha gráfica que amosa aos mortos do bando americano na ocupación de Irak durante 2007 segundo o lugar e o ataque responsable de cada un dos 2592 mortos nese bando.

Hofmeister kink

Moita xente é quen de recoñecer un BMW por calquera dos seus rasgos distintivos máis característicos, xa sexa o seu característico logo (Roundel) coas cores da bandeira bávara, ou polos riles da súa grella frontal que, con diferentes formas, acompañan aos seus carros desde 1933, ou ben polos catro faros circulares dianteiros que, malia aparecer nos seus coches na década pasada dos 80, xa supoñen un elemento diferenciador respecto a outros fabricantes.

Pero a que quizais o que mellor caracteriza aos BMWs é algo que moitos dos seus propietarios non coñecen, ou se o coñecen probablemente non saiban do seu nome, e que apareceu por primeira vez nos seus deseños no ano 1961 co gallo da presentación do BMW 1500 e que foi acompañando aos diferentes deseños na maioría dos seus coches desde entón.

hofmeisterknick-e36

Ese remate que lle deu o seu deseñador á xanela traseira facendo esa curva cara o frontal en lugar de rematala nun ángulo agudo contra o cu do coche foi chamado Hofmeister kink, pois así se chamaba o Director de Deseño da BMW, Wilhelm Hofmeister, converténdose no elemento de deseño máis característicos dos carros saidos da casa bávara.

hoffmeister-history1

Desde BMW sinalan que a curva Hofmeister destaca dun xeito sutil que os seus carros teñen propulsión traseira e quedoulles coma un sinal da calidade dos seus deseños, tanto que outros fabricantes teñen asumido o deseño dese remate da xanela para diferenciar aos seus coches con aspiracións elitistas. Para máis información, na fonte, new media campaigns.