Un tweet que ía ser moi longo

Un día destes teño que poñerme cun choio para casa e oxalá estea trabucado, pero dáme que vai ser todo un reto para o Sergas; por cousas da vida os cativos desta casa, como beneficiarios de asistencia sanitaria terán que cambiar de titular na súa tarxeta; ou o que vén sendo, que pasarán a ser beneficiarios meus en lugar de séreno da súa nai, así que supoño que terei eu que cambiar da Casa do Mar de toda a vida ao Centro de Saúde onde atenden aos cativos que, por certo, está nun concello diferente ao meu; así que, xente de Administración do Sergas, SEREDES QUEN?

Por pedir, só que conserven a atención primaria pola tarde; poderiamos facelo concertando unha cita, pola tarde, indo os dous titulares xuntos? …poderiamos levar aos beneficiarios connosco.

Poderiamos facelo a través de É-Saúde identificándonos cos nosos dni-e desde diferentes dispositivos desde a mesma IP?

Eu xa nin fun quen de atopar a posibilidade de cambiar a un beneficiario de titular usando a axuda da súa web. Oxalá un web spider do Sergas á procura de mencións dándome coa solución nos fociños. Ciencia Ficción. Oxalá tamén unha atención primaria de calidade, isto é posible, pero non viña contar iso.

P.S. isto ía ser un tweet, pero fóiseme facendo moi longo por motivos que contei nuns tweets e aquí quedou. Non me prestan moito os threads, fios, etc. e para algo tiña un blog.

O primeiro mail

Hoxe, con nove anos, oito meses e tres días, opedrinho abriu a súa primeira conta de correo electrónico, en google que disque é o que usa para buscar.

E si, xa sei que isto podería ser un tweet pero isto é meu e twitter non, e seguro que algún día opedro ou a súa irmá chegan lendo ata aquí.

 

Primeiro ano

E foi que tiña que chegar, doce meses máis tarde aínda nos preguntamos por este ano que parece que se nos escurriu por entre os dedos, un tempo que transcorre só a través dos avances e cambios dun bebé.

Hoxe, antes de sairmos de casa, descubrimos á Clara subida e sentada no seu carriño de paseo, a primeira vez que o fai ela soa como dicindo que tiña gana de sair… botamos unha ollada atrás e o sentimento é de que todo ocorreu rápido de máis, unha manchea de sensacións que se misturan nun percorrido vital que vai medrando a base de apertas, sorrisos e aloumiños.

Clara xa ten desde o martes pasado un ano, e opedro vai camiño de facer sete anos que nos fan a nós máis vellos pero quizais máis sabios.

Parabéns, nenos!

Aniversarios varios

Entre tanto, desde a última actualización, pasamos por un sexto aniversario e por un primeiro cabodano,

P1040190

e a cativa xa ten dous meses e está no percentil 115.

Primeiro mes

Logo dun mes, Clara segue a adaptarse a este mundo tan diferente ao que ocupara os meses anteriores, e vai rápido, enfiando neuronios e facendo conexións que nos sorprenden a cotío. Pero, como lle pasou a opedrinho, é ao seu sistema dixestivo ao que lle está a dar traballo adaptarse, ao seu irmán levoulle mes e medio.

Mentres agardamos a que chegue ese día imos de visita pediátrica na que, logo dun mes, mediu 55 cm. e pesou 4,600 kg. …camiño a casa preguntábamonos se teriamos unha filla enorme.

20100526clara

Pero quen agora nos parece enorme é opedrinho, que debe andar nos 20 kg. e chega aos 1,22 m., que nos sorprendeu moi disposto a axudar en casa para atender á súa irmá exercendo de irmán maior, como tamén para ser o primeiro en comela a bicos, cousa que non nos estrañou.

Estase ben así, aínda me viro para onde chaman por senhor feliz.

Habitación 111

Vai case para seis anos que, desde este mesmo lugar e só dúas portas máis alá, na habitación 109, lle pregoaba ao mundo que viña de ser pai do mellor que lle tiña pasado ás nosas vidas ata aquela, opedrinho.

Se daquela me acompañaban nesta aventura de escribir apenas un Palm Tungsten T saindo á rede a través da conexión GPRS dun Sony Ericsson Z600 e conectándose entre eles por bluetooth, nestes anos mudou moito o conto, e agora mesmo estou a escribir a través dun teclado bluetooth nun Nokia N800 que se conecta a internet a través da rede wifi creada cunha aplicación chamada Joikuspot para o Nokia E71 que o transforma nun punto de acceso wifi compartindo unha conexión 3G.

Pero é que tanto cambiou o conto, que esta aventura da vida xa a contei onde había que contala, en twitter, onde desde a miña conta fun largando tweets conforme podía, tiña gana e me petaba.
Só faltaba vir aquí para contarvos iso e mais vos dicir que sigo sendo o pai máis feliz do mundo, sobre todo ao ver a opedrinho a facerlle aloumiños á súa irmá recén nacida, Clara, de 3600gr. de peso e de 52cm. de longo

clarinha

Por ti, Clara, e pola túa avoa, que nos deixou hai case un ano e que, sen coñecerte, agardaba que este día chegase algunha vez, unha nena na familia para encher de amor, na lebranza e no presente.