加利西亚, un mapa chinés de Galiza

Na miña visita cotiá a reddit, hoxe arregalei os ollos á vista deste mapa, que polo que puiden saber vai en chinés mandarín.

galiza_chines

Coa curiosidade habitual déuseme por ir buscar se había máis, pero a falta de coñecemento da língua impediume chegar moito máis lonxe. Ao máis que cheguei foi, grazas ao redditor weigeren, a localizar unha web onde había algún mapiña máis da península ibérica.

corunha_chines

spa_lang_chines

Os mapas pódense ver no seu tamaño orixinal facendo clic neles. Agardo que vos presten tanto como me prestaron a min e aproveito para agradecer a quen sexa que fose que se lle dese por escanear todo isto.

Graecum est, non legitur

Aínda lembro ao profesor de latín a explicarnos a importancia do grego ata ben entrada a Idade Media. Unha das anécdotas era que o propio César, segundo contou Suetonio ao ver que o seu fillo estaba entre os que o asasinaban, non exclamou o coñecido “Tu quoque, Brute” mais si un “Kai su, teknon!” pois César era dunha familia nobre e xa daquela sabían os nobres que non podían sequera morrer como a plebe, falando latín.

E esa importancia do grego durou ata a Idade Media, na que os textos gregos foron esquecidos, gardados no mundo árabe e mais en Bizancio e só voltarían á Europa occidental co Renacemento. Así, no Medievo, os monxes copistas, que só coñecían o latín, ao dar con algún escrito en grego nos manuscritos a copiar engadían unha nota marxinal “Graecum est, non legitur” [é grego, non se pode ler].

De aí, desvinculada por completo dese contexto orixinal, a frase entrou en moitas línguas para designar algo que parece totalmente incomprensible e, así, cando un falante de inglés non entende algo, di o de que “it’s Greek to me” [para min, é grego], tal e como fan os noruegueses, suecos,… algo que nós traduciriamos como “sóame a chinés”. Do mesmo xeito que o galego, ou o español ou o portugués, outras línguas tamén utilizan fórmulas parecidas para esta metáfora, collendo as máis delas como referencia unha lingua cun alfabeto diferente.

Ao fío desta historia en Strange Maps veñen de publicar unha interesante gráfica, que á súa vez foi recollida de Language Log, na que se mapean estas metáforas da incomprensión.

incomprension

Chama a atención a relacións entre as diferentes línguas, información que se pode completar co que vén recollido na wikipedia baixo o Greek to me ou en Omniglot, ou o que resultará estraño para algúns, a aparición do español como língua incomprensible para os alemáns ou para os pobos eslavos, onde desde o checo ata o serbio pasando polo esloveno ou croata asocian algo que non entenden cun pobo español, pois segundo tiña entendido, e non puiden atopar máis que aquí, foi consecuencia do establecemento de moitos sefardís expulsados da Península Ibérica naquelas terras, onde mantiveron durante séculos as súas tradicións e a súa língua, estrañas para os habitantes dos Balcáns.

Agardo que vos preste tanto como a min.