Cando implantaron as peaxes nalgunha das autoestradas portuguesas que antes chamaban SCUT houbo moito rebumbio a conto da dificultade para comprar o dispositivo electrónico de pago, ou mesmo facer o pago desde esta beira do Miño.
Logo duns meses, o balbordo desapareceu pero o problema seguiu aí á vista do número de veces que me teñen preguntado polo de pagar as peaxes das autoestradas portuguesas e a dificultade que tiven eu mesmo para atopar información de como facelo, así que se tes pensado circular cun carro con matrícula estranxeira, ou só ir ao aeroporto Sá Carneiro, este post poder serche de utilidade.
A lembrar é que estas autoestradas son só de pago electrónico, non hai cabinas para pago manual con humanos dentro pero si hai cámaras que controlan as matrículas en tránsito e mais controis da GNR.
Se paras moito por Portugal xa saberás que a opción cómoda é ser cliente do Banco Caixa Geral, ter unha conta con eles e, previo depósito dunha fianza de 200€, comprarlles o aparello, 25€ máis 4,5€ pola xestión. É o que hai.
E a opción difícil é a do traballo que dá atopar o link que leva á páxina dos CTT, Correios de Portugal, onde baixo o nome de Pagamento de Portagens para veículo de matrícula estrangeira, na que previo rexistro e identificación como usuario só tes que poñer o tipo de vehículo e a súa matrícula para escoller unha das opcións, sempre de prepago e con tarxeta de crédito; a primeira delas é a de pagar 10€ como mínimo, lembra que unha carrinha aka furgo paga máis, que son válidos só durante cinco días e que se irán descontando conforme pases peaxes; ou a outra opción, de pagar apenas os tramos que vaias utilizar. En ambas as dúas opcións cóbranche unhas tasas que andaron, no meu caso, nos 0,62€. Logo de pagar só queda imprimir o recibo como xustificante de pago en caso de calquera incidencia.
E se é que nin sequera sabes se precisas de facer un prepago, na páxina de Estradas de Portugal hai un mapa dos tramos e prezos das peaxes e tamén un simulador de prezos das peaxes.
Só me queda dicir, logo de toda aquela campaña mediática que apuntaba a que as relacións comerciais entre as dúas beiras do Miño ían sufrir un atraso, que entre a Coruña e o Porto e case que equidistante das dúas está Vigo. Ir á Coruña pola AP9 custa de peaxe 12,90€, ir ao Porto pola A28 custa 4,05€.