Un tweet que ía ser moi longo

Un día destes teño que poñerme cun choio para casa e oxalá estea trabucado, pero dáme que vai ser todo un reto para o Sergas; por cousas da vida os cativos desta casa, como beneficiarios de asistencia sanitaria terán que cambiar de titular na súa tarxeta; ou o que vén sendo, que pasarán a ser beneficiarios meus en lugar de séreno da súa nai, así que supoño que terei eu que cambiar da Casa do Mar de toda a vida ao Centro de Saúde onde atenden aos cativos que, por certo, está nun concello diferente ao meu; así que, xente de Administración do Sergas, SEREDES QUEN?

Por pedir, só que conserven a atención primaria pola tarde; poderiamos facelo concertando unha cita, pola tarde, indo os dous titulares xuntos? …poderiamos levar aos beneficiarios connosco.

Poderiamos facelo a través de É-Saúde identificándonos cos nosos dni-e desde diferentes dispositivos desde a mesma IP?

Eu xa nin fun quen de atopar a posibilidade de cambiar a un beneficiario de titular usando a axuda da súa web. Oxalá un web spider do Sergas á procura de mencións dándome coa solución nos fociños. Ciencia Ficción. Oxalá tamén unha atención primaria de calidade, isto é posible, pero non viña contar iso.

P.S. isto ía ser un tweet, pero fóiseme facendo moi longo por motivos que contei nuns tweets e aquí quedou. Non me prestan moito os threads, fios, etc. e para algo tiña un blog.

O mapa dos destinos de Blablacar

Blablacar é un servizo orientado a compartir un vehículo entre usuarios que fai posible que as persoas que queren desprazarse ao mesmo lugar ao mesmo momento se organicen para viaxar xuntos compartindo os gastos da viaxe (combustible e peaxes).

Na actualidade ten ao redor de 60 millóns de usuarios a organizárense entre conductores e pasaxeiros compartindo traxecto e gastos. Así, por exemplo, o mes pasado máis de 39.000 conductores pasaron por París de camiño a outros destinos conforme pode verse en BlaBlaCar’s Destinations, onde tamén se pode comprobar cantos pasaron o último mes pola poboación que elixas no mapa.

Por Vigo foron 580 os que pasaron

Antique-Style Map of Europe

Inspirado nos mapas de finais do século XIX e dos comezos do século XX, Mike Hall desenvolveu un bonito traballo deseñando un mapa político da Europa de hoxe en día utilizando ferramentas modernas cun deseño que semella ter 100 anos: Antique-Style Map of Europe

Inclúe ata unha pequena homenaxe no título ao Mapa Standard de Europa de Bacon, de 1920.

Unha auténtica xoíña, ou como di @xurxosanz, que foi quen mo descubriu, Pure Mappr0n.

2016

Foi hai trece anos que abría unha conta en blogspot e comezaba a botar por fóra cousas pola rede adiante; só tres anos despois, hai dez xa, comprei este dominio e mudábame a un servidor propio. Desde aquela moito cambiou o panorama na rede; e tanto cambiou que hoxe, o último día deste ano, é o primeiro post que publico en 2016.

2016, outro ano máis, coas súas tristezas e mais tamén coas súas alegrías alá vai, un ano a esquecer que non esqueceremos polos ocos que deixa e é que, estes días de xuntármonos na mesa, malia que non se diga, o que máis ou o que menos é consciente de que nos faltan dous sentados connosco, dous dos mellores, dos nosos, dos que máis queriamos e queremos.

2016, vá embora.

Foi hai trece anos tamén que opedro medraba na barriga da súa nai; o que non sabiamos se sería neno ou nena agora ten doce anos, unha irmá de seis anos, mide 1,67m e, hoxe, afeitou, ou afeiteille como xa fixera o meu pai comigo, eses catro pelos do bigote.

Oxalá un 2017 cheo dos desexos da postal de @ascarida.

ascarida_xmas

Europa, máis mapas

Dous mapas curiosos, pero sen relación ningunha entre eles; o primeiro, da distribución do catolicismo en Europa,

catolicismo_europa

e o outro, un máis da serie “como se di…?” e neste caso, cervexa por esta banda do mundo.

cervexa_europa

Se hai a quen lle presten, facendo clic nos mapas hai máis info, os fíos de reddit onde as atopei.

Chromjuwelen

Para que non se diga; aí vai unha beleza,

mercedes w111_220se

un Mercedes 220 SE do ano 1961 chasis W11.