Non é a primeira vez que a Tabula Peutingeriana sae neste blog; por entón referíame a ela como a Guía Michelin do século IV, xa que viña a ser iso mesmo, unha guía para os viaxeiros da antiga Roma que seguían o cursus publicus.
Daquela apuntaba a experimentar sobre o mapa e tentar chegar ata o río Ganges desde a Gallaecia romana, pero agora xa podemos facelo sobre Google Maps pois a novidade é que de entre os meus feeds, nomeadamente de Geographic Travels, chega un proxecto que usa os datos da Tabula Peutingeriana para crear un machuco con Google Maps, o Omnes Viae: Itinerarium Romanum, que traslada ao mapa a rede de camiños do Imperio Romano incluindo todas as cidades, vilas, pontes e lugares que se atravesarían ao longo dun roteiro polo imperio.
A destacar é que o servizo ata ofreza a duración do roteiro en tempo e distancia do mesmo xeito que o fai Google Maps, así desde Roma ata os Pirineos Atlánticos di que:
SUMMA DCCCXCIII MILIA PASSUUM / LEUGA GALLICA.
FERE LX DIES.
O que é unha mágoa é que o servizo non bote man dos cachos perdidos e recuperados da táboa peutingeriana correspondentes a Hispania e mais Britannia para podermos xogar a facer o camiño desde acó.