Unha semana cun Nokia N900

Desde antes de que se anunciara a súa saída ao mercado xa me enchera o ollo e conforme foron aparecendo videos pola rede amosando o seu desempeño tiña claro que o Nokia N900 parecíase moito ao que eu lle pediría ao meu terminal móbil ideal.

Nokia_N900_48_lowres

Case que coa decisión de compra tomada, o @bertogg ofreceuse a prestarme un N900 para fedellar con el e acabar de decidirme, así que durante a última semana converteuse no meu móbil de cotío. A máquina é impresionante, con practicamente de todo, desde GPS a cámaras, unha frontal para webcam/videochamada e unha posterior de 5 megapixels para fotos/video, desde un teclado qwerty ata espazo para unha microSD por se os 32Gb de disco quedan curtos ou, mesmo un transmisor FM e saida AV.

A transición foi ben fácil desde un Nokia E71, uns cinco minutos de espera e o N900 recuperou, vía bluetooth, case 1.000 contactos e uns 200 apuntes no organizador/calendario . As primeiras probas co navegador a través dunha wifi adhoc foron espectaculares, é a mesma experiencia que a dun navegador de escritorio coa única limitación da resolución da pantalla, 800 x 480. E ao mando da máquina, Maemo 5, un linux deseñado para estes aparellos, do mesmo xeito que Ubuntu está feito para máquinas PC ou ben, Android para uns determinados terminais móbiles.

E se ben as cualidades de Maemo 5 e as melloras respecto aos Internet Tablets con Maemo 4 son evidentes, a maior diferencia é que a versión que acompaña ao N900 é a primeira que incorpora funcións de telefonía móbil, tanto para voz e datos.

Así, durante esta semana pasada o N900 fixo o traballo, e acompañou o ocio, tal como o fai o meu Nokia E71, ao que ás veces o acompaña o meu N800, pero quedei coa sensación de que o N900 aínda non é un teléfono de seu.

Coa posibilidade de integrar na aplicación de contactos os doutras redes coma Gtalk, Jabber, Skype ou outro SIP de modo nativo, ou de Facebook, Twitter ou MSN a través de aplicacións de terceiros, e poder ver o estado dos teus contactos nun widget no mesmo escritorio, a aplicación do teléfono prometía, pero a maior limitación que atopei foi que o deseño do terminal é para ser usado en posición horizontal, con ou sen o teclado aberto, e utilizalo en posición vertical e cunha soa man conleva unha dificultade engadida, xa que malia que funciona, a aplicación telefónica dá a impresión de ser un apaño para ter un interface que concorde coa posición do auricular e o micrófono nos seus extremos, deixando de ter nesta postura o teclado qwerty para ter un teclado numérico táctil standard, nula interactividade coas chamadas perdidas, sen posibilidade de ler nin escribir SMSs, e só poder navegar polos contactos nun scroll infinito polas súas letras iniciais, co que acabas por poñelo horizontal ata establecer a chamada só por ter unha experiencia satisfactoria de uso.

Probando case que todo, instalando aplicacións, activando servicios online, tuneando o móbil por facer o seu uso gratificante foi como pasei a última semana, decatándome de que é un terminal que está a outro nivel, que Maemo 5 lévao a unha posición a medio camiño entre os S.O. móbiles coma Symbian, Android ou AppleOS e e os de escritorio, sexa MacOS, Windows ou Ubuntu, sendo quen de facer todo o que fan os primeiros e moitas das cousas que fan os segundos.

Podería aturar o condicionante do seu uso horizontal polo seu tamaño e disposición, ou perdoar a disposición do teclado ou a súa pantalla resistiva, pero aínda así, precisa dun novo firmware, que seica está para sair e xa se está a traballar no subseguinte. Ata houbo quen fixo un post coas 35+10 cousas nas que precisa meter man o novo firmware e coas que concordo plenamente.

Así, contando con que Nokia é consciente de que se precisan moitas máis aplicacións e desde o momento de que a maioría dos problemas que ten este aparello teñen como protagonista ao software confío en que o N900 poida convertirse nun equipo redondo, malia que iso debería ser axiña, moito antes de que chegue o seu sucesor.

p.s. de querer ver unha review bastante ecuánime con video incluido, a de engadget, e de querer facer algunha pregunta, nos comentarios; e como sospeito que alguén vai aproveitar nos comentarios, feliz 2010.

7 thoughts on “Unha semana cun Nokia N900

  1. Está ben a crónica, alégrome de que estes días co N900 che axudasen a tomar unha decisión.

    Esencialmente estou de acordo contigo. Na miña opinión o N900 non é tanto un teléfono como un Internet Tablet que ademáis permite facer chamadas e enviar SMSs. Eles mesmos xa o venden como “Mobile computer”. Que se use principalmente en horizontal e que as funcionalidades de teléfono sexan básicas creo que son decisións deliberadas de deseño que se tomaron así con todas as consecuencias.

    No meu caso particular é algo que non me preocupa, porque para min o teléfono móbil é un aparello de uso moi ocasional.

    En cambio aprecio moitísimo o resto das funcionalidades, ata o punto de que moitas das veces que chego a casa xa non preciso encender o portátil para nada. Por iso tampouco é extraño que use moito máis o N900 que calquera dos móbiles que tiven antes.

    Por suposto que algunhas veces tamén me foden cousas como non poder ler SMSs facilmente con unha soa man, pero se poño os pros e os contras nunha balanza para min a decisión é obvia.

    A miña sensación por todo o que levo visto estas semanas é que Nokia é consciente da expectación creada polo aparello e está a solucionar algunhas desas limitacións (cónstame que por exemplo o navegador web vai ter versión vertical en breve), pero non teño moi claro ata que punto a funcionalidade en vertical se vai a estender a outras áreas.

    Afortunadamente moitos dos 35+10 problemas mencionados son facilmente solucionables e cónstame que Nokia está a facer caso ao que falan os usuarios no Bugzilla, pero creo que se o funcionamento en vertical ou o uso intensivo das funcionalidades de teléfono son requisitos moi importante para alguén, eu diríalle que mellor non espere porque probablemente o N900 non é o aparello que busca.

  2. Agardaba por esta reseña con impaciencia, porén non levar os feeds ao día fixo que demorara en lela até hoxe. Aproveitarei que hoxe veñen os Reis Magos por casa para pedirlles que me manden un N900 por correo.

    Eu, coma vós, pouco uso o meu móbil, ainda que o certo é que levo dous e o que uso mais non é o que vai sustituir o N900 ;-).

    Co que igual teño problemas é para sincronizar os contactos do meu vello 6630 co N900 porque o bluetooth acho que está escarallado.

    E respecto a compañías, ti tes contrato (ou vas contratar) con R? eu estou pensando en contratarlles o internet 3Gb e a tarifa de tarde para a voz. A min o de ter un mínimo mensual de 6€(+ive) para as chamadas vai facer que aforre moitos meses 3€(+ive) respecto a Vodafone. Tes idea de como andan de coberturas?

  3. @ghanito, pois non teño R móbil; son sufrido cliente de Movistar, pero o que si sei é que cobertura vas ter a mesma ca con Vodafone xa que R aluga a rede móbil de Vodafone e entre os seus plans non entra crear rede propia GSM/UMTS
    e a falta de bluetooth sempre podes pasar os teus datos conectando cun cabo usb vía PC con Ovi/PC Suite instalado, só para windows, por suposto :)

  4. Por sorte na casa agora temos un Xp porque a sra Colombo negouse a instalar no seu UMPC unha Ubuntu :D

    Grazas pola resposta, agardaba por ela para chamar a R e mercar o móbil XD

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *