Intenso de máis para esquecelo, este mes e medio no que a miña nai non deu acordado leva o camiño de quedar gravado a ferro na memoria.
Ata aquela chamada do meu pai anunciando que mamá non espertaba nunca nos tocara a morte tan cerca e, malia unha mínima esperanza que disque non había que perder, mamá, a avoa de opedro, non deu recuperado e, o luns pasado, deixaba de respirar.
Convencida de que con 61 anos aínda lle quedaba unha vida por diante e sabendo dos seus medos a unha morte de dor gustaríame que sequera lle dese tempo a dicirnos que a súa despedida non foi como ela temía, que en ningún momento foi consciente de que marchaba, que lle dese tempo a contarnos que sentiu o noso amor e que sabe que nunca a esqueceremos mentres esteamos vivos, que, con todo o que lle tocou vivir, foi feliz e que lle pagou a pena vivir e crear a familia que somos, que sabe que, desde que lembra a memoria, llo debemos case todo, incluida a mesma vida, que tivese tempo para un consello, ou unha bronca, para unha ollada e un sorriso, tempo, malia que for só un segundo, para darlle un bico ao meu pai, que merece iso e máis.
Entre bágoas soño que estas semanas non existiron e que imos chegar a casa dos avós e ela vai recibir a opedro cunha aperta e un bico, sígueme a parecer imposible pero o certo é que lembro a UCI, a 4 do hospital, as noites ao seu carón, esa mañá do día 22, e como foi que chegamos desde o tanatorio ata o cemiterio, onde agora opedro corre e xoga ás agachadas por entre os nichos. Estamos co avó e o avó quere estar cerca dela.
e despois pasa o tempo e algún día te preguntas como aquilo puido suceder e pensas e pouco a pouco te vas despedindo como a moitos xa nos ten sucedido. ánimo.
Moitos ánimos!
Además, por encima de todo querrás recordarla en el día a día, querrás recordar esos consejos, sus sonrisas, broncas y abrazos, y sus besos, su cara y su voz. Y entonces pasa el tiempo, y sin darte cuenta habrás borrado el infinito dolor y angustia de las últimas semanas, y podrás sonreir al recordarla.
bonitas palabras Hester :)
grazas a todos
Meu pai morreu no 1999 e miña nai no 2000. Non pasa un só día sen saudades deles, tantas, que ás veces sorpréndome coa intención de coller o teléfono para lles contar isto o outro, alegrías pequenas que se toldan ao non as poder xa compartir con eles.
Ai, con tanto repetir o escrito (porque sempre faltaba algo nos campos obrigatorios), esqueceume o final: a aperta forte e as grazas pola visita.