Impresionante traballo é o que vén de realizar o Grupo de Investigación en Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade da Coruña ao crear unha capa para Google Earth con información das praias galegas.
Con esta capa, visible abrindo un kmz para Google Earth chamado Praias de Galicia, facilítase a visualización da información que xa, desde hai anos, existía na Guía de Praias de España do Ministerio de Medio Ambiente, pero que o equipo deste proxecto integra no interface de Google Earth ubicando todas as praias sobre a cartografía de google, algo no que falla a páxina do Ministerio, que na súa última revisión perdera os mapas esquemáticos de accesos ás praias que aparecían na versión anterior da guía.
Debido ás dificultades para localizar e obter calquera tipo de cartografía dixital temática, incluindo os datos máis básicos da nosa costa, cómpre destacar o traballo deste Grupo á hora de xerar a información cartográfica dixitalizada que ofrece, baixo licencia Creative Commons, desde a súa páxina de descargas e que inclúe capas con información desde das praias ata dos caladeiros de pesca ou bancos marisqueiros das nosas costas.
Fantástico!