Vén de sair a versión 5.0 de Google Earth e, a cada nova versión, non deixan de sorprender. De entre as novidades, destacan o Google Ocean, co que podemos explorar mergullarnos nos océanos e explorar os fondos mariños e consultar videos e información relacionada, así como tamén poder datos de naufraxios e incluso pecios, como o do Titanic, en 3D ou consultar datos oceanográficos en tempo real recollidos de boias espalladas polos mares con fins meteorolóxicos.
Do mesmo xeito, tamén se vén de anunciar a incorporación de Google Mars e poder visualizar a superficie de Marte; ou do novo engadido, Record Tour, co que se pode grabar nun arquivo kml o percorrido que fagamos coa aplicación, podendo incluso grabar a nosa propia voz para ir narrándoo ou engadirlle música, para compartir cos demais.
Pero de todas estas novas características, a que me pareceu máis interresante é a opción de viaxar ao pasado, podendo ver imaxes históricas e comparar como foi cambiando unha determinada área co paso do tempo. Só hai que facer clic no icono do reloxo na parte superior e aparecerá un timeline, unha barra de progreso temporal, na que apareceran diferentes marcas correspondentes coas fotografías aéreas das que dispón Google.
Esta información non só vén das imaxes que Google leva incorporando durante estes últimos anos, pois tamén veñen incorporando para determinadas zonas, as máis delas nos Estados Unidos, imaxes aéreas que nalgúns casos son da década dos 40 do século pasado.
Neste recuncho da Península Ibérica, esta característica aínda non pode ser gozada no seu maior, pois son poucas as zonas que contan con máis de dúas capas de imaxes históricas, pero con todo aínda me deu para localizar, neste caso en Vigo e ás beiras do monte da Guía, como é que se foi transformando o entorno.
O que se ve é o clube náutico de Punta Lagoa, polémico el desde hai uns anos, na que se observa como se foi construindo diante dos narices dos responsables políticos, con imaxes que se remontan ao ano 2003 ata chegar ao presente ano 2009.
Con todo e malia á falta de imaxes históricas, polo menos por aquí, esta característica é impresionante, pois a cantidade de datos que vai almacenando Google para este servizo vai camiño do infinito, diferentes capas de imaxes históricas para millóns de quilómetros cadrados e a intención de incorporación no futuro de máis imaxes históricas que proveñan do pasado. Probádeo e logo contades.
Que non tenten meter o becho de Google Ocean en Lourizán…
lol :)