Tonsilas, Amígadalas, Tonsils, Mandeln

Poucos coñezo que se librasen das anxinas, os máis temos pasado días en casa ser ir á escola con dor, febre, sen poder comer por non tragar e cheos de antibióticos, e case outros tantos temos pasado polo quirófano para unha extirpación.

Segundo os camaradas da sección sergas, eu e mais os da miña xeración entrabamos nos quirófanos en tempos nos que a práctica médica indicaba a extirpación case segura á maioría dos nenos con infeccións amigdalares. Foi logo cando as teorías médicas aconsellaron que cumpría conservalas polas defensas que lle proporcionan ao organismo e evitar o paso polo quirófano. E agora, disque a actividade nos quirófanos recuperou campo, non o que tiña hai corenta ou máis anos, pois agora só se chega aló cunhas indicacións máis claras e establecidas.

ice-cream.jpg

Nós, que perdemos xa a conta dos episodios de amigdalite que leva pasado opedro desde que rematou o verán, sabiamos da posibilidade que tiña de pasar polo que pasaron os seus pais, e todos os doutores que o examinaron concordaron no mesmo.

Pero opedro non habería de ter que pasar polo meu; daquela disque o primeiro era a anestesia, abrirlle a boca ao paciente e cunha guillotina, fóra amígdalas e, logo, boca abaixo para non afogar co sangue mentres non se paraba a hemorraxia. Agora o conto cambiou moito, tanto que logo de buscar consello e valorar as opcións optamos por ir, non sen dor de corazón e mais no peto, á sanidade privada, que foi a única que nos ofrecía a intervención nas amígdalas por radiofrecuencia inducida co que, en lugar de facelas desaparecer do organismo, se reducen ata un tamaño normal para que poidan seguir cumprindo a súa función.

E así, ao entrar no quirófano comezaba coa súa terceira quenda de antibióticos ininterrompida. Entrou tranquilo, sen preguntarse porque a súa nai quedaba fóra, rematou loguiño pero ao acordar na sala de reanimación era opedro contra o mundo. Seino porque, malia ter subido a súa nai a reanimación, por circunstancias que non veñen a conto eu tamén estiven alí cos dous.

Agora son días de mimos, de estarmos metidos no tobo, de xogar, de entrada dun ano novo e de xelados de moitos sabores diferentes.

4 thoughts on “Tonsilas, Amígadalas, Tonsils, Mandeln

  1. Lembro que o meu avó me regalara un cocheciño de plástico e que chorei e chorei cando me sacaron as anxinas.
    Pois nada, feliz 2009 a toda a familia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *