O meu lector de sementes comezou a botar fume, a palabra que máis se repetía era iPhone, e fun ver o que había. O que fora un rumor durante tanto tempo se facía realidade, anque non está previsto que saia ao mercado europeo ata finais de ano.
Conforme ía lendo e vendo as fotos, cada vez máis impresionado, non podía deixar de pensar en que eu tamén quería un deses, co multitouch ese para controlar o espectacular interfaz gráfico con dous dedos á vez.
Esta marabilla disque vén sendo un tres en un, un aparello que combina un ipod, o mellor que saiu ao mercado ata o de agora, un teléfono, que supera a funcionalidade e a facilidade de utilización dos Treo ou dos Blackberry e un comunicador móbil co mellor navegador do mercado, o Safari, os widgets para MacOs, que é como ter a internet no peto, bla, bla, bla… un aparello que vai reinventar o teléfono.
Á lectura de todo isto, o que me estraña é que só aspiren ao 1% do mercado, pois se todo é como din, se o seu prezo en Europa non sube dos 600 euros e se pode acceder a través dos programas de puntos, han de quitarllos das mans, ou como eles din, todo o mundo quererá levar no seu peto.
De calquera xeito, non creo que vaia ser eu dos primeiros en compralo, así que para desbotar un pouco máis a idea e non caer na tentación, comecei a pensar nos detalles a mellorar de aquí a que saia ao mercado e sen pensar no seu tamaño, a primeira vista, paréceme un fallo gordo pero solventable o non dispor de conectividade 3G e que aínda non se anuncian desenrrolos para el (poderei levar o meu Tomtom nel?), así como un disco escaso para o estándar de finais de 2007 (o de 4GB encheríase cos mapas do tomtom e algún video e mais uns cantos widgets, e a música xa non cabe) e, o que é peor, sen posibilidade de ampliación, a base de tarxetas SD, micro SD,…
Realmente, non anuncia ningunha novidade, nada que non exista no mercado, non sendo un novo xeito de navegación a través dun dispositivo con 200 patentes novas, outro máis con pantalla táctil e que non saberemos se paga a pena mentres non chegue ás nosas mans.
Polo de agora, toca agardar, coa sensación de que agora si, o 2007 poida significar o comezo da revolución móbil, se, como se comenta, este ano se implantan a tarifas planas de datos sobre UMTS a prezos asequibles e os aparellos con UMTS se xeralizan no mercado para finais de ano, para que cando chegue o 2008 a ubicuidade móbil sexa realidade.
O que si conseguiron en Apple foi dar que falar, e só a base de rumores e powerpoins. Seguimos agardando.
Ah! e de VoIP e de DRM non comentaron nada, non fose ser o conto que se estragase o día de festa.
Tqt