17 anos

Logo de dezasete anos aínda conservo aquel Sonyericsson Z600 e mais a Palm Tungsten T que me permitiron contar case que en directo, entre as bágoas das alegrías, aquel momento único e indescriptible.

Opedrinho xa non é aquel carrouchiño pequeno, agora é un tipo máis alto ca min que está a rematar o seu primeiro curso de Bacharelato. Foron 6209 días os que pasaron e con eles marcharon moitas cousas e viñeron outras tantas.

As que seguen aí, malia estaren por outros motivos, son as bágoas. Vou vello

Que din os Cogomelos?

En 1988, cando chegou Super Mario Bros. 3 á primeira consola de Nintendo unha das cousas que se incorporou ao deseño do xogo foi o icónico mapa do Reino Cogomelo. Copiados ata o infinito, os mapas de Super Mario World son motivo de inspiración para unha chea de deseñadores e artistas.

Un destes deseñadores é Sir_Lazz, un mozo estudiando para desenvolver xogos, que na súa última achega tróuxonos esta marabilla de pixel art,

E si, poida que falte a Torre de Hércules, poida que a cova de Bowser debería ser a Catedral de Santiago, etc. pero este noso Reino Cogomelo non é máis que o traballo dun mozo francés de 20 anos que financia parte dos seus estudos facendo cousas coma esta poñéndoas á venta en Redbubble.

Via Reddit

Códigos das edicións europeas da Wikipedia

Mapa das edicións europeas da wikipedia, do código utilizado para as representar en candanseu subdominio e mais do alfabeto utilizado, via Mapologies.

Un tweet que ía ser moi longo

Un día destes teño que poñerme cun choio para casa e oxalá estea trabucado, pero dáme que vai ser todo un reto para o Sergas; por cousas da vida os cativos desta casa, como beneficiarios de asistencia sanitaria terán que cambiar de titular na súa tarxeta; ou o que vén sendo, que pasarán a ser beneficiarios meus en lugar de séreno da súa nai, así que supoño que terei eu que cambiar da Casa do Mar de toda a vida ao Centro de Saúde onde atenden aos cativos que, por certo, está nun concello diferente ao meu; así que, xente de Administración do Sergas, SEREDES QUEN?

Por pedir, só que conserven a atención primaria pola tarde; poderiamos facelo concertando unha cita, pola tarde, indo os dous titulares xuntos? …poderiamos levar aos beneficiarios connosco.

Poderiamos facelo a través de É-Saúde identificándonos cos nosos dni-e desde diferentes dispositivos desde a mesma IP?

Eu xa nin fun quen de atopar a posibilidade de cambiar a un beneficiario de titular usando a axuda da súa web. Oxalá un web spider do Sergas á procura de mencións dándome coa solución nos fociños. Ciencia Ficción. Oxalá tamén unha atención primaria de calidade, isto é posible, pero non viña contar iso.

P.S. isto ía ser un tweet, pero fóiseme facendo moi longo por motivos que contei nuns tweets e aquí quedou. Non me prestan moito os threads, fios, etc. e para algo tiña un blog.

O mapa dos destinos de Blablacar

Blablacar é un servizo orientado a compartir un vehículo entre usuarios que fai posible que as persoas que queren desprazarse ao mesmo lugar ao mesmo momento se organicen para viaxar xuntos compartindo os gastos da viaxe (combustible e peaxes).

Na actualidade ten ao redor de 60 millóns de usuarios a organizárense entre conductores e pasaxeiros compartindo traxecto e gastos. Así, por exemplo, o mes pasado máis de 39.000 conductores pasaron por París de camiño a outros destinos conforme pode verse en BlaBlaCar’s Destinations, onde tamén se pode comprobar cantos pasaron o último mes pola poboación que elixas no mapa.

Por Vigo foron 580 os que pasaron

Antique-Style Map of Europe

Inspirado nos mapas de finais do século XIX e dos comezos do século XX, Mike Hall desenvolveu un bonito traballo deseñando un mapa político da Europa de hoxe en día utilizando ferramentas modernas cun deseño que semella ter 100 anos: Antique-Style Map of Europe

Inclúe ata unha pequena homenaxe no título ao Mapa Standard de Europa de Bacon, de 1920.

Unha auténtica xoíña, ou como di @xurxosanz, que foi quen mo descubriu, Pure Mappr0n.