2016

Foi hai trece anos que abría unha conta en blogspot e comezaba a botar por fóra cousas pola rede adiante; só tres anos despois, hai dez xa, comprei este dominio e mudábame a un servidor propio. Desde aquela moito cambiou o panorama na rede; e tanto cambiou que hoxe, o último día deste ano, é o primeiro post que publico en 2016.

2016, outro ano máis, coas súas tristezas e mais tamén coas súas alegrías alá vai, un ano a esquecer que non esqueceremos polos ocos que deixa e é que, estes días de xuntármonos na mesa, malia que non se diga, o que máis ou o que menos é consciente de que nos faltan dous sentados connosco, dous dos mellores, dos nosos, dos que máis queriamos e queremos.

2016, vá embora.

Foi hai trece anos tamén que opedro medraba na barriga da súa nai; o que non sabiamos se sería neno ou nena agora ten doce anos, unha irmá de seis anos, mide 1,67m e, hoxe, afeitou, ou afeiteille como xa fixera o meu pai comigo, eses catro pelos do bigote.

Oxalá un 2017 cheo dos desexos da postal de @ascarida.

ascarida_xmas

O primeiro mail

Hoxe, con nove anos, oito meses e tres días, opedrinho abriu a súa primeira conta de correo electrónico, en google que disque é o que usa para buscar.

E si, xa sei que isto podería ser un tweet pero isto é meu e twitter non, e seguro que algún día opedro ou a súa irmá chegan lendo ata aquí.

 

Aniversarios varios

Entre tanto, desde a última actualización, pasamos por un sexto aniversario e por un primeiro cabodano,

P1040190

e a cativa xa ten dous meses e está no percentil 115.

Primeiro mes

Logo dun mes, Clara segue a adaptarse a este mundo tan diferente ao que ocupara os meses anteriores, e vai rápido, enfiando neuronios e facendo conexións que nos sorprenden a cotío. Pero, como lle pasou a opedrinho, é ao seu sistema dixestivo ao que lle está a dar traballo adaptarse, ao seu irmán levoulle mes e medio.

Mentres agardamos a que chegue ese día imos de visita pediátrica na que, logo dun mes, mediu 55 cm. e pesou 4,600 kg. …camiño a casa preguntábamonos se teriamos unha filla enorme.

20100526clara

Pero quen agora nos parece enorme é opedrinho, que debe andar nos 20 kg. e chega aos 1,22 m., que nos sorprendeu moi disposto a axudar en casa para atender á súa irmá exercendo de irmán maior, como tamén para ser o primeiro en comela a bicos, cousa que non nos estrañou.

Estase ben así, aínda me viro para onde chaman por senhor feliz.

Alegría

Xa foi hai máis de cinco anos cando comecei a deixar pegadas na rede, a escusa era deixar constancia da experiencia de como era aquilo de agardar por algo que non sabiamos sequera que ía ser opedro.
Tanto foi así que, por algunha estraña razón que non sabería explicar, contabamos que o noso cativo ía ser unha cativa e o blog naceu co nome de Catuxa, que sería o nome de opedro se non viñese con pirola incorporada. Pero a realidade foi outra e só soubemos que se chamaría como se chama a mesma mañá que saiu do ventre da súa nai.

E agora voltamos a estar nas mesmas, foron días de alegrías contidas pola expectación, alegrías contidas polo que vivimos estes últimos meses, alegrías engalanadas con bágoas ao contarllo ao meu pai e alegrías e risadas ao escoitar as preguntas de opedro a todas as dúbidas que lle xurden,

e como chegou o bebé á barriga de mamá?

E así, respostando preguntas foi como saimos da visita que lle fixemos á xinecóloga logo de escoitar os latexos do corazón dese carrouchiño de 9 cm. que a mamá de opedro leva dentro. Aínda non temos data marcada no calendario pero sabemos que  algún día do mes de abril debería ser un día de alegría.

20091015eco

No cemiterio

Intenso de máis para esquecelo, este mes e medio no que a miña nai non deu acordado leva o camiño de quedar gravado a ferro na memoria.

Ata aquela chamada do meu pai anunciando que mamá non espertaba nunca nos tocara a morte tan cerca e, malia unha mínima esperanza que disque non había que perder, mamá, a avoa de opedro, non deu recuperado e, o luns pasado, deixaba de respirar.

Convencida de que con 61 anos aínda lle quedaba unha vida por diante e sabendo dos seus medos a unha morte de dor gustaríame que sequera lle dese tempo a dicirnos que a súa despedida non foi como ela temía, que en ningún momento foi consciente de que marchaba, que lle dese tempo a contarnos que sentiu o noso amor e que sabe que nunca a esqueceremos mentres esteamos vivos, que, con todo o que lle tocou vivir, foi feliz e que lle pagou a pena vivir e crear a familia que somos, que sabe que, desde que lembra a memoria, llo debemos case todo, incluida a mesma vida, que tivese tempo para un consello, ou unha bronca, para unha ollada e un sorriso, tempo, malia que for só un segundo, para darlle un bico ao meu pai, que merece iso e máis.

Entre bágoas soño que estas semanas non existiron e que imos chegar a casa dos avós e ela vai recibir a opedro cunha aperta e un bico, sígueme a parecer imposible pero o certo é que lembro a UCI, a 4 do hospital, as noites ao seu carón, esa mañá do día 22, e como foi que chegamos desde o tanatorio ata o cemiterio, onde agora opedro corre e xoga ás agachadas por entre os nichos. Estamos co avó e o avó quere estar cerca dela.

5 semanas, 5 días …e 5 anos

Mentres opedriño inflaba as fazulas para apagar o lume do número 5 que coroaba a súa tarta e lle cantabamos desexándolle un feliz aniversario, un nó na gorxa apretaba tanto que os sorrisos se confundían coas bágoas e facía difícil seguir a cantar.

cumple_pedro

A emoción tinguía os ollos, era un momento feliz, opedro facía cinco anos canda nós pero a súa avoa tamén se aboaba ao cinco, eran 5 semanas e 5 días os que levaba no hospital, onde segue atada ao seu fio de vida, aínda en coma.

Parece increible o que nos cambia a vida; non hai tanto que a miña nai lle preguntaba a opedro cando ía ser o seu aniversario e se a ía convidar á festa e agora é el o que pregunta cando vai ir ao parque coa avoa. Todos sabemos que para iso faría falta unha miragre.

Desde aquí, no hospital, onde está máis demostrado ca en ningures o fráxil que é a vida, só desexo que podamos seguir xuntándonos para seguir contando aniversarios ao redor do máis grande que pasou nas nosas vidas, porque pase o que pase, a avoa seguirá con nós mentres teñamos vida.