Dec 31 2009

Unha semana cun Nokia N900

Desde antes de que se anunciara a súa saída ao mercado xa me enchera o ollo e conforme foron aparecendo videos pola rede amosando o seu desempeño tiña claro que o Nokia N900 parecíase moito ao que eu lle pediría ao meu terminal móbil ideal.

Nokia_N900_48_lowres

Case que coa decisión de compra tomada, o @bertogg ofreceuse a prestarme un N900 para fedellar con el e acabar de decidirme, así que durante a última semana converteuse no meu móbil de cotío. A máquina é impresionante, con practicamente de todo, desde GPS a cámaras, unha frontal para webcam/videochamada e unha posterior de 5 megapixels para fotos/video, desde un teclado qwerty ata espazo para unha microSD por se os 32Gb de disco quedan curtos ou, mesmo un transmisor FM e saida AV.

A transición foi ben fácil desde un Nokia E71, uns cinco minutos de espera e o N900 recuperou, vía bluetooth, case 1.000 contactos e uns 200 apuntes no organizador/calendario . As primeiras probas co navegador a través dunha wifi adhoc foron espectaculares, é a mesma experiencia que a dun navegador de escritorio coa única limitación da resolución da pantalla, 800 x 480. E ao mando da máquina, Maemo 5, un linux deseñado para estes aparellos, do mesmo xeito que Ubuntu está feito para máquinas PC ou ben, Android para uns determinados terminais móbiles.

E se ben as cualidades de Maemo 5 e as melloras respecto aos Internet Tablets con Maemo 4 son evidentes, a maior diferencia é que a versión que acompaña ao N900 é a primeira que incorpora funcións de telefonía móbil, tanto para voz e datos.

Así, durante esta semana pasada o N900 fixo o traballo, e acompañou o ocio, tal como o fai o meu Nokia E71, ao que ás veces o acompaña o meu N800, pero quedei coa sensación de que o N900 aínda non é un teléfono de seu.

Coa posibilidade de integrar na aplicación de contactos os doutras redes coma Gtalk, Jabber, Skype ou outro SIP de modo nativo, ou de Facebook, Twitter ou MSN a través de aplicacións de terceiros, e poder ver o estado dos teus contactos nun widget no mesmo escritorio, a aplicación do teléfono prometía, pero a maior limitación que atopei foi que o deseño do terminal é para ser usado en posición horizontal, con ou sen o teclado aberto, e utilizalo en posición vertical e cunha soa man conleva unha dificultade engadida, xa que malia que funciona, a aplicación telefónica dá a impresión de ser un apaño para ter un interface que concorde coa posición do auricular e o micrófono nos seus extremos, deixando de ter nesta postura o teclado qwerty para ter un teclado numérico táctil standard, nula interactividade coas chamadas perdidas, sen posibilidade de ler nin escribir SMSs, e só poder navegar polos contactos nun scroll infinito polas súas letras iniciais, co que acabas por poñelo horizontal ata establecer a chamada só por ter unha experiencia satisfactoria de uso.

Probando case que todo, instalando aplicacións, activando servicios online, tuneando o móbil por facer o seu uso gratificante foi como pasei a última semana, decatándome de que é un terminal que está a outro nivel, que Maemo 5 lévao a unha posición a medio camiño entre os S.O. móbiles coma Symbian, Android ou AppleOS e e os de escritorio, sexa MacOS, Windows ou Ubuntu, sendo quen de facer todo o que fan os primeiros e moitas das cousas que fan os segundos.

Podería aturar o condicionante do seu uso horizontal polo seu tamaño e disposición, ou perdoar a disposición do teclado ou a súa pantalla resistiva, pero aínda así, precisa dun novo firmware, que seica está para sair e xa se está a traballar no subseguinte. Ata houbo quen fixo un post coas 35+10 cousas nas que precisa meter man o novo firmware e coas que concordo plenamente.

Así, contando con que Nokia é consciente de que se precisan moitas máis aplicacións e desde o momento de que a maioría dos problemas que ten este aparello teñen como protagonista ao software confío en que o N900 poida convertirse nun equipo redondo, malia que iso debería ser axiña, moito antes de que chegue o seu sucesor.

p.s. de querer ver unha review bastante ecuánime con video incluido, a de engadget, e de querer facer algunha pregunta, nos comentarios; e como sospeito que alguén vai aproveitar nos comentarios, feliz 2010.