Cartografía histórica do IGN

Din con el hai case un mes polo blog IDEE, un novo servizo do Instituto Geográfico Nacional (IGN) que permite buscar, visualizar e baixar arquivos a unha boa resolución por entre os fondos cartográficos do IGN (Séculos XVI-XIX).

Unha chea de mapas de todo tipo, desde xeodéscicos ata de comunicacións e mais de transporte, unha marabilla pola que paga a pena perderse, malia que nolo poñan difícil ao ter feito o sitio en flash, unha mágoa.

Alfabetos en Google Maps

Hai uns meses apuntaba nas miñas cousas a ligazón a un australiano que localizara todas as letras do alfabeto nas imaxes de google earth para Australia.

gearth_letraz

Chego agora, a través dun tweet de @alpoma apuntando a Brand Avenue, á historia dunha moza que apenas precisou de cinco horas durante tres días para facer o mesmo traballo tirando das imaxes de google maps para o Reino Unido.

gearth_letrad

Aquí, as imaxes aéreas do alfabeto británico e, a seguir, as da versión australiana. E se alguén ten tempo no que non sabe que facer, que avise cando teña outro alfabeto aéreo.

gearth_letrab

Isotype

O Isotype é un sistema de pictogramas proxectado por Otto Neurath e ilustrado por Gerd Arntz no que tamén participou a muller do primeiro, Marie Reidemeister, para comunicar información dun xeito simple, dándolle valor á  linguaxe non verbal, e facer do Isotype un sistema universal.

isotype_detail

Na súa orixe, aspiraban a que Isotype fose utilizada por educadores; as súas iniciais veñen a dicir International System of Typographic Picture Education [Sistema Internacional de Educación Tipográfica Pictórica], pero rematou influenciando a sinalética pública e os gráficos estatísticos e mais informativos.

Esta explicación vén a conto de que hai uns días din cun magnífico post en Making Maps, Mapping with Isotype, no que se recollen varios exemplos desta linguaxe cartográfica, dos que destaca un clásico entre o Isotype, o pdf do atlas Gesellschaft und Wirtschaft [Sociedade e economía], que co seu aire retro convértese nun auténtico pracer para a vista, convertendo información complexa en algo fácil de ler e comprender eliminando calquera barreira idiomática.

isotype_europe

E por se non chegase coa cantidade de links que hai no post de Making Maps, paga a pena pasar polo Isotype Institute onde se documenta a historia de Isotype con exemplos prácticos da súa aplicación en diversas publicación, ou o Gerd Arntz Web Archive, que recolle, agora dixitalizados, uns 600 pictogramas dos máis de 4000 deseñados por Gerd Arntz para Isotype, e que malia non conseguir a súa arela de facer destes pictogramas unha linguaxe visual transnacional, si que foron quen de inspirar deseños que hoxe nos parecen clásicos, como os pictogramas para os Xogos Olímpicos, o bonequiño que se utiliza na moderna infografía, ou os pictogramas de AIGA que nos acompañan na nosa vida cotiá.

E por se alguén pensa que o Isotype xa é historia e non é utilizado nas infografías, unha marabilla do NY Times nunha gráfica que amosa aos mortos do bando americano na ocupación de Irak durante 2007 segundo o lugar e o ataque responsable de cada un dos 2592 mortos nese bando.

Novo Google Earth 5

Vén de sair a versión 5.0 de Google Earth e, a cada nova versión, non deixan de sorprender. De entre as novidades, destacan o Google Ocean, co que podemos explorar mergullarnos nos océanos e explorar os fondos mariños e consultar videos e información relacionada, así como tamén poder datos de naufraxios e incluso pecios, como o do Titanic, en 3D ou consultar datos oceanográficos en tempo real recollidos de boias espalladas polos mares con fins meteorolóxicos.

Do mesmo xeito, tamén se vén de anunciar a incorporación de Google Mars e poder visualizar a superficie de Marte; ou do novo engadido, Record Tour, co que se pode grabar nun arquivo kml o percorrido que fagamos coa aplicación, podendo incluso grabar a nosa propia voz para ir narrándoo ou engadirlle música, para compartir cos demais.

Pero de todas estas novas características, a que me pareceu máis interresante é a opción de viaxar ao pasado, podendo ver imaxes históricas e comparar como foi cambiando unha determinada área co paso do tempo. Só hai que facer clic no icono do reloxo na parte superior e aparecerá un timeline, unha barra de progreso temporal, na que apareceran diferentes marcas correspondentes coas fotografías aéreas das que dispón Google.

historical

Esta información non só vén das imaxes que Google leva incorporando durante estes últimos anos, pois tamén veñen incorporando para determinadas zonas, as máis delas nos Estados Unidos, imaxes aéreas que nalgúns casos son da década dos 40 do século pasado.

Neste recuncho da Península Ibérica, esta característica aínda non pode ser gozada no seu maior, pois son poucas as zonas que contan con máis de dúas capas de imaxes históricas, pero con todo aínda me deu para localizar, neste caso en Vigo e ás beiras do monte da Guía, como é que se foi transformando o entorno.

lagoas1lagoas2lagoas3lagoas4

O que se ve é o clube náutico de Punta Lagoa, polémico el desde hai uns anos, na que se observa como se foi construindo diante dos narices dos responsables políticos, con imaxes que se remontan ao ano 2003 ata chegar ao presente ano 2009.

Con todo e malia á falta de imaxes históricas, polo menos por aquí, esta característica é impresionante, pois a cantidade de datos que vai almacenando Google para este servizo vai camiño do infinito, diferentes capas de imaxes históricas para millóns de quilómetros cadrados e a intención de incorporación no futuro de máis imaxes históricas que proveñan do pasado. Probádeo e logo contades.

Como de limpo está o teu ceo?

Non son fanático da astronomía pero unha das lembranzas que teño da infancia no rururbán era ter o ceo limpiño para poder ver as estrelas e de cando, todos os veráns, quedabamos ata tarde para ver as primeiras Bágoas de San Lourenzo, bágoas que desapareceron e só fomos quen de volver ver logo de estar obrigados a coller o coche e desprazármonos a algún punto limpo.

Polas visitas á de pawley xa sabía da existencia da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas e, agora, sei grazas ao apunte da Cartoteca que onde vivo é zona branca, con moi alto nivel de polución lumínica que apenas dá para ver segundo as condicións atmosféricas entre 0 e 15 estrelas.

contaminacionluminica_gz

O mapa, onde se distinguen as grandes concentracións de poboación do sur de Galiza así como as vías de comunicación como fontes de contaminación lumínica, é da AVEX, que ademáis de manter o Cartes de pollution lumineuse de France cunha chea de mapas sobre contaminación lumínica de Francia entre os que inclúen capas para Google Earth, tamén alberga outra serie de mapas sobre a contaminación lumínica da Península Ibérica. Ademáis do mapa interactivo de polución lumínica de España e Portugal para ver desde o navegador, baixo o  Cartes de pollution lumineuse d’Espagne et Portugal hai versións en PDF nas que paga a pena pararse a ler o texto das lexendas.

E ti, de que cor tes o ceo?

OpenStreetMap 2008

Ito é unha empresa británica que ofrece servicios para profesionais do transporte e que, á súa vez, colabora en varios proxectos relacionados con  OpenStreetMap, dos que quizais o máis substancioso é osm mapper, un producto que permite monitorizar cambios nos contidos dentro dunhas determinadas áreas xeográficas e analisar os datos aportados.

Con eses datos, Peter Ito e o seu equipo veñen de crear unha animación en vídeo no que se pode ver como foi o ano 2008 desde OSM [OpenStreetMap] amosando a actividade das aportacións en todo o planeta ao longo do ano.

Con liceza Creative Commons CC-BY-SA e combinando os datos de OSM, a música de Vincent Gerès e mais a experiencia de Ito para visualizar datos xeo-espaciais: OSM 2008, a Year of Edits