Feb 10 2009

Vida de batería

Sendo a mobilidade unha das principais vantaxes dos ordenadores portátiles, esta depende en grande medida da autonomía da súa batería que, porén, ten unha duración limitada no tempo que se vai reducindo conforme pasa por ciclos de carga e descarga.

coconut_battery

A aplicación que sae na captura chámase coconutBattery e apenas vale para che dar información da carga da batería do teu portátil baixo MacosX e gardar un pequeno histórico, coñecendo dese xeito o estado da mesma e da súa disponibilidade para facer o seu traballo de portátil.

Segundo Apple, a batería dun portátil ben coidada debería conservar ata un 80% da súa capacidade orixinal logo de 300 ciclos completos de carga e descarga. Se lle fago caso aos datos que dá coconutBattery suponse que aínda conservo o 96% da carga orixinal logo de 24 meses e, malia o que amosa a captura, máis de 1000 ciclos de batería desde os 5200 mAh  orixinais ata os 4995 mAh actuais pasando por uns estraños 5391 mAh.

En todo este tempo non tiven ningún coidado especial fóra das recomendacións habituais, como as que recollen nas mesmas páxinas de Apple; cunhas indicacións xerais para o mantemento das baterías así como uns consellos para maximizar a carga da batería, ou os que no seu momento apuntaron en Consumer baixo o título de trucos para que dure máis a batería do portátil.