Ago 2 2008

Tres imaxes

Unha, de como a xente fedella nos seus trebellos para engadirlle capacidade extra á batería do seu MSI Wind e elimina así calquera posibilidade de levalo en avión. Porque non só é cuestión de que non sexa unha bomba senón que non debe nin parecelo.

batería extendida do msi wind

Dúas, do concurso de Gizmodo, retocando obras de arte para poñer tecnoloxía moderna nelas; isto seica é gadget art.

tecnoloxía en famosas obras de arte

E tres, para que comprobedes o ben que o pasei na chuzarrascada e de como non puiden eliminar o sorriso en todo o día da miña face; ictioscopio entrégame o premio do concurso Kara.o.ke, un cd do Carlos e mais dúas crachas. Obrigado a todos.

entrega do premio do concurso kara.o.ke


Xull 28 2008

Chuzalipse

Era a primeira vez que paraba na Disneylandia compostelana. Desvieime do meu camiño para pasar por Praterías e cheirar de cerca aqueles milleiros de persoas dos que falaban na radio, e se tivese que dar o número de asistentes á convocatoria que fixo Chuza diría que fomos 1.394, e só uns poucos poderían negar esa cantidade ou ningunha outra.

A crónica deste ano vai en dúas partes no sitio de costume, nas páxinas de sociedade do Correo Gallego, na Apocalipse do porco, acompañada de reportaxe gráfica. Eu, que non me quedei á segunda parte da Chuzarrascada, só podo dicir que rin como había tempo que non ría …e que aínda deu para recibir un premio, organizado por c’mmons baby! e no que colaboraba co seu último cd, o  Carlos Valcárcel. Non podía imaxinar que o das Chuzarrascadas fose tan grande.

E é que xa o dixo Belén Regueira, pode estar ben para un día de exaltación, pero vivir así todo o ano xa é máis grave.


Xull 16 2008

En bici

Non sei canto tempo tiña, se catro ou cinco anos, pero lémbrome enriba dunha bici BH verde pequeneira con rodíns; unha vez fora quen de manter un equilibrio, o meu pai dobrárame as rodiñas para ter maior grao de inclinación, e o seguinte que lembro é a mesma bici sen máis apoio que a pata.

Bastante máis tarde e viaxando fóra sorprendérame ver a nenos moi pequenos en bicis de dúas rodas e sen pedais, moita Puky dediós; os nenos aprendían a manter o equilibrio e deixaban o pedal para máis adiante. E podo dicir que funciona; nesta casa optamos polo sucedáneo maño, chámanlle bike in progress e, ao primeiro, é unha bici sen pedais, que xunto coa súa cadea se poden acoplar no futuro. O domingo pasado foi o día, manual de instruccións en man e axudado por unha chave inglesa de verdade, o kit de pedais da súa bici quedou montado. Vinte e poucos días desfois de facer catro anos xa tiña unha bici como a dos nenos maiores.

a bici d’opedro sen pedais

Foron uns segundos a amarralo polo sillín mentres el miraba para os pedais, solteino un par de segundos e volvín suxeitalo. Cando o soltei, foi a última vez.

a bici d’opedro con pedais

Aprendido o de mirar cara adiante, con algunha caída polo medio, e logo de oitomilduascentasvintesete voltas á praza, xa anda ás carreiras cos nenos maiores, perseguindo aos de oito anos. Seica está a prepararse para ser un neno grande e eu non me canso de velo.


Xull 10 2008

Mamá ten algo que contar

Boto a vista atrás mentres fedello por entre o arquivo deste blo, lembro sucesos, estados de ánimo, viaxes, hospitais, amigos, e identifico ciclos vitais. Tento atopar cando foi que deixou unhas letras aquí a mamá de opedro pero non dou co recado.

E é que hoxe a mamá de opedro volve escribir aquí, a seguir,

De pequena, a miña nai sempre me dicía, que cando eu fose maior e tivese fillos, ía entender o que se sofre e o que se chega a facer por eles…..canta razón tiña! O noso Pedriño xa ten 4 anos, e dende que naceu, alá polo 16 de xuño do ano 2004, se a vida de oPaco mudou, a miña non é a mesma.  As nais seguen sendo as nais, por moito que os pais axuden. Se algunha de vós sodes nai e enriba traballadora fora da casa, só vós, podédelo entender. Ninguén máis. As veces falo co Paco, que a liberación da muller non foi tal, se antes eramos escravas na casa, agora somos escravas no fogar e máis no traballo…

Planteeime entón, como se di agora, conciliar a vida laboral coa persoal, e niso levo estes catro anos. O día 22 deste mes mudo de traballo por terceira vez dende o momento que quixen con todas as miñas forzas que ese pensamento de conciliación se convertise nunha realidade…..

Ameazas de despido por pedir unha reducción de xornada nunha empresa que se las da de grande, cando a grandeza penso que empeza por cumplir a lei. Foron os meus peores anos, e xa se sabe, onde a responsable de, iso que chaman Recursos Humáns (que risa!) é unha muller, pois peor! Despois veu o peche doutra empresa, algo do que seguro algún de vós tamén saberedes. Logo veu un traballo no que o ver o Pedriño esperto é unha misión imposible….aínda que o de rañar na barriga está sendo unha nova experiencia….

Agora ven un novo reto, cerca da casa, un bo horario, un soldo que para os tempos que corren non está nada mal,….pero, debe ter algún pero, e niso estou….agardando a comezar e buscando todos os peros que van vir…ou non os haberá? Será que a vida as veces é tan perra que os nosos ollos non nos deixan ver as cosas boas?

Recordo un cadro que a miña irmá maior P me dera xa hai moitos anos e que rezaba así: “se choras porque non podes ver o sol, as túas bágoas non che deixaran ver as estrelas”. …aí van un par de esas bágoas…

Eu quero ve-lo sol, e tamén quero ve-las estrelas. E vós??

Mamá, volve cando queiras :*


Xull 8 2008

Con P de Playstation

Porque os tempos están cambiando,

abecedario geek

van xurdindo abecedarios adaptados ás realidades cotiás dos nenos, coma este atopado no tumblr.

Hainos máis bonitos e feitos a man, coma os de Tiffany Ard e o seu ABC for nerd babies, malia apuntar que non hai bebés nerds, pero que debe haber pais nerds desexosos de aprendérenlle o B de código Binario. Logo algo irá nos xens.


Xull 2 2008

Zoomii, as estanterías que lle faltan a Amazon

Unha das experiencias máis satisfactorias á hora de comprar un libro quizais sexa a de pasear por entre centos de estanterías ateigadas de libros con ese seu arrecendo particular na procura do obxeto do desexo. Pero, de calquera xeito, pode que non teñamos tempo, ou que o libro que buscamos non estea nas librerías máis próximas, ou que prefiramos compralo desde a comodidade do navegador e acudamos a calquera das librerías online.

Nese tránsito entre a experiencia de compra nunha librería real rodeado de libros á compra a través da web vendo apenas listados enormes de títulos de libros cunha pequena imaxe da súa capa pérdense unha chea de sensacións, que son as que se tentan recuperar en Zoomii, unha librería online visual na que, ao xeito de google maps, cunha interfaz de visualización sorprendentemente cómoda, podemos navegar polas súas estanterías facendo zoom e movéndonos por elas coma se dunha librería real se tratase, coa diferencia de que en lugar de ver os lombos dos libros o que vemos é a súa capa, que amosa segundo o seu tamaño real a escala en comparación aos libros do redor, e estamos a un só clic de acceder á súa imaxe a alta resolución así como ao sumario e ás reviews do libro.

captura de Zoomii

Disque se pode navegar por entre 21.000 libros do catálogo de Amazon malia tamén poder facer búsquedas entre 173.000 títulos, pero o máis destacable desta iniciativa, que vén de nacer hai uns días, é que é o traballo dun só home, Chris Thiessen, que se aderiu a Amazon no seu programa de afiliados para vender libros levando unha comisión e, tirando do seu catálogo, botar man dos servizos web da mesma Amazon, o Elastic Compute Cloud (EC2) e o Simple Storage Service (S3) que, por exemplo, tamén utiliza Chuza para aliviar de traballo ao seu servidor. E é que de non ser por estes servizos de Amazon, como el mesmo apunta no blog dos Amazon Web Services, o proxecto sería demasiado caro e desalentador para levalo adiante; así que con esa base e un pouco de Java en servidores Linux e Javascript no navegador, o resultado non podería ser máis espectacular.


Xuñ 25 2008

Terceira avaliación

Ás veces os días rematan coa sensación de que o fas todo mal …e, moitas veces, é certo.

Pero pasa que, cando volves pola noite do choio, o teu fillo vén correndo cos brazos abertos e, a berros, cóntache o que fixo durante a tarde ou che amosa o avión que fixo coas pezas de Lego e, mentres compartides un único sorriso, cavilas se é posible ser tan feliz que xa non te decates.

E é que hai días, e semanas enteiras, nos que parece que son un actor (secundario) dentro dunha obra de teatro, saltando entre actos deslavazados, nunha trama tan cotiá coma sen sentido que se diría sacada do teatro do absurdo.

Cae o telón e, mentres agardo polo seguinte acto, escaneo as notas de opedriño, sorrío e penso nun final feliz.

as notas d’opedrinho, terceira avaliación