Con P de Playstation

8 Xullo 2008

Porque os tempos están cambiando,

abecedario geek

van xurdindo abecedarios adaptados ás realidades cotiás dos nenos, coma este atopado no tumblr.

Hainos máis bonitos e feitos a man, coma os de Tiffany Ard e o seu ABC for nerd babies, malia apuntar que non hai bebés nerds, pero que debe haber pais nerds desexosos de aprendérenlle o B de código Binario. Logo algo irá nos xens.

Unha das experiencias máis satisfactorias á hora de comprar un libro quizais sexa a de pasear por entre centos de estanterías ateigadas de libros con ese seu arrecendo particular na procura do obxeto do desexo. Pero, de calquera xeito, pode que non teñamos tempo, ou que o libro que buscamos non estea nas librerías máis próximas, ou que prefiramos compralo desde a comodidade do navegador e acudamos a calquera das librerías online.

Nese tránsito entre a experiencia de compra nunha librería real rodeado de libros á compra a través da web vendo apenas listados enormes de títulos de libros cunha pequena imaxe da súa capa pérdense unha chea de sensacións, que son as que se tentan recuperar en Zoomii, unha librería online visual na que, ao xeito de google maps, cunha interfaz de visualización sorprendentemente cómoda, podemos navegar polas súas estanterías facendo zoom e movéndonos por elas coma se dunha librería real se tratase, coa diferencia de que en lugar de ver os lombos dos libros o que vemos é a súa capa, que amosa segundo o seu tamaño real a escala en comparación aos libros do redor, e estamos a un só clic de acceder á súa imaxe a alta resolución así como ao sumario e ás reviews do libro.

captura de Zoomii

Disque se pode navegar por entre 21.000 libros do catálogo de Amazon malia tamén poder facer búsquedas entre 173.000 títulos, pero o máis destacable desta iniciativa, que vén de nacer hai uns días, é que é o traballo dun só home, Chris Thiessen, que se aderiu a Amazon no seu programa de afiliados para vender libros levando unha comisión e, tirando do seu catálogo, botar man dos servizos web da mesma Amazon, o Elastic Compute Cloud (EC2) e o Simple Storage Service (S3) que, por exemplo, tamén utiliza Chuza para aliviar de traballo ao seu servidor. E é que de non ser por estes servizos de Amazon, como el mesmo apunta no blog dos Amazon Web Services, o proxecto sería demasiado caro e desalentador para levalo adiante; así que con esa base e un pouco de Java en servidores Linux e Javascript no navegador, o resultado non podería ser máis espectacular.

Terceira avaliación

25 Xuño 2008

Ás veces os días rematan coa sensación de que o fas todo mal …e, moitas veces, é certo.

Pero pasa que, cando volves pola noite do choio, o teu fillo vén correndo cos brazos abertos e, a berros, cóntache o que fixo durante a tarde ou che amosa o avión que fixo coas pezas de Lego e, mentres compartides un único sorriso, cavilas se é posible ser tan feliz que xa non te decates.

E é que hai días, e semanas enteiras, nos que parece que son un actor (secundario) dentro dunha obra de teatro, saltando entre actos deslavazados, nunha trama tan cotiá coma sen sentido que se diría sacada do teatro do absurdo.

Cae o telón e, mentres agardo polo seguinte acto, escaneo as notas de opedriño, sorrío e penso nun final feliz.

as notas d’opedrinho, terceira avaliación

Logo chegou o catro

18 Xuño 2008

Pasamos xa por catro aniversarios. Xuntando os catro dedos dunha man marca as velas que ha de precisar, unha, dúas, tres, catro…

primeiro aniversario opedrinho

segundo aniversario opedrinho

terceiro aniversario opedrinho

cuarto aniversario opedrinho

o meu nome feito con plastilina

e nun blufff alá van catro anos con cadanseu aniversario, que nos fan a nós máis vellos e, que nel producen, de seguido, enormes momentos de maxia.

Nunha das visitas á pediatra nestes días de calor e mais de Ventolin ía opedro laretando historias de monstros e alieníxenas cando, de súpeto, parou co lercheo que viña contando para preguntar:

-Papi, verdad que en el planeta Marte hay muchos catres?

O certo é que ás primeiras non sabía do que me falaba, pero ao repetilo debuxando círculos no aire souben, facendo por que non me vise rir, que falaba de cráteres e non de catres.

E é que se algún día damos saido deste planeta para chegar ao planeta bermello teremos onde deitármonos. E digo se damos saido, pois á vista dos satélites e mais do lixo que orbita ao redor do noso planeta semella que a cousa vai ser difícil.

lixo ao redor da Terra

Foi na Cartoteca que din con esta imaxe, facilitada pola Axencia Espacial Europea (ESA), que preparou uns gráficos que amosan a cantidade de chatarra espacial que orbita por riba das nosas casas. Desde o Sputnik foron uns 6.000 satélites os que sairon ao espazo, dos que aínda andan operativos uns 800 acompañados polo lixo que fomos deixando aló.

Aconséllase ampliar as imaxes, como a que acompaña este post e amosa os obxetos que andan en órbita baixa vistos por riba do Polo Norte, para ver o que ronda o noso planeta. Sorprendente.

Un bar en Fisterra, na televisión está a piques de comezar o futbol e, ao fondo, xa se oe o chunda chunda de España; apúntolle ao meu interlocutor que xa me é tarde pero, antes de despedirme, vén un home falando español a saudar e intercambiar unhas palabras de cortesía con el.

fondeados en Fisterra

Cando marcha o forasteiro, dime que é da competencia e mais viciño meu, malia dubidalo pola súa fala:

-Ha ser inmigrante, fala demasiado ben o castellano para ser do País

A rir dígolle que non o coñezo e despídome dicíndolle que goce do futbol e que gane o mellor, ao que con cara de sorpresa comenta:

-Eló? ti de que país es? que gane España, non somos españoles?

Agora tamén cavilo en enviar un escrito á RAG solicitando a pertinencia ortográfica de País para denominar o noso País.

En casa fomos usuarios activos da ratiña Lola durante un tempo pero case a tiñamos esquecida ata que vin publicado en Chuza que a ratiña Lola morrera. Ao saber da súa morte tiña sentido o que dun tempo para acó notara nesta casa, que google traía unha chea de visitas ata aquí na procura dela.

a ratiña Lola en opaco.org

Accesible durante moito tempo a través do dominio cativadas.com é unha aplicación en flash creada desde a Xunta polas consellerías de familia e deporte e mais a de innovación e industria que se podía reproducir desde calquera navegador e que ofrecía unha achega aos cativos ás novas tecnoloxías, ben nas aulas ou na casa a través do ordenador, na que ratiña Lola vai guiando aos nenos a través de diferentes actividades, todas moi sinxelas, nas que as imaxes e mais os sons levan da man aos cativos a realizar as diferentes e atractivas actividades.

Pero parece que o desleixo dos responsables da ratiña Lola fixo que o seu dominio caducase e que alguén máis espilido ca eles rexistrase e okupase o dominio para agardar, supoño, por un rescate; así que polo de agora, calquera que se dirixa ao dominio comentado só dará cunha páxina chea de publicidade e mais spam.

Para tentar resolvelo, ancho de banda mediante, veño de subir ao meu servidor tanto a aplicación flash para vela a través do navegador, aínda que desactivando a opción para os mestres, que se pode visitar en cativadas.opaco.org, así como a aplicación completa que distribuía a Xunta de balde, que puxen nun arquivo zip e que se pode baixar desde acó, cativadas.zip, ben para grabar nun cd ou instalala nun pc con windows.

Malia todo, agardo que os responsables da criatura, arranxen a desfeita e os cativos poidan ir visitar á ratiña Lola na súa casa de sempre, que aquí só está de paso.