Tres traballos publicados, dúas mulleres e un mesmo apelido, e onte era a primeira vez que as viamos en directo a Cocorosie; nas súas dúas últimas visitas o noso cativo fora a excusa que nos impedira ir velas e, desta vez, nada o ía impedir.

Chegados ao Pazo da Cultura, o primeiro foi topar co L, involucrado na organización e sorprendido con que venderan as máis de 700 entradas; o seu comentario irónico foi o de isto é Pontevedra, e moi desencamiñado non ía, pois hoxe non fun quen de atopar ningunha liña nas follas parroquiais locais facendo referencia ao evento.

cocorosie

Sentados case ao pé do escenario e baixo o espectro visible daquela luz ultravioleta que apenas deixaba adiviñar os aparellos que había nel, non tardou nadiña en aparecer Rio en Medio, que xa me gañara á súa causa co pouco que tiña escoitado dela nesta semana pasada, pero que en directo non acabou por convencerme a pesares dos seus prometedores e recomendables Tiger’s ear e Let’s groove.

Logo apuntouse á festa o Quinn Walker, do que non sabía absolutamente nada, pero que coa súa voz enorme, a súa guitarra e mais os aparellos que arrastrou ao escenario deixou un moi bo regusto nos meus oidos que confirmaría máis tarde cando acompañou, tamén con Rio en Medio, ás irmás Casady no escenario.

E despois dun descansiño xusto para engadirlle uns aditivos ao tabaco que nos mantivesen naquel estado de gloria entraron a Bianca (Coco) e mais a Sierra (Rosie) a comezar co que remataría nun concerto impresionante no que foron quen de levarnos ao seu mundo, no que din que God has a voice, and she speaks throgh me. Unha experiencia a lembrar, onde o directo deixa as súas grabacións a anos luz, con sons oníricos e perversos, ruidos de xoguete e voces próximas á perfección; e acompañadas por un baterista, espera, que non tiñan batería nin caixa de ritmos nin nada parecido, senon que era TEZ, un crack que, cando o deixaron só deu unha auténtica exhibición de beatboxing, cuns ritmos e uns sons que parecía increible que puidesen sair polo seus fociños e cos que conseguiu meter aos espectadores no peto.

Despois dun par de bises, unha hora e media de concerto quedara atrás e marchabamos para a nosa casa coa sensación de presenciar algo único, encantadísimos e felices de termos comprado os billetes para a fila 4 cando Bianca pediu que nos puxesemos en pe para acompañalas no fin de festa.

Actualización: a información do Diario de Pontevedra na súa edición en papel, Como dos gatas maullando en plan Billie Holiday.

Do mundo das consolas de xogos me chama a atención a actividade da comunidade de usuarios que teñen; sexa cal sexa o modelo de consola, non é difícil atopar dentro de esa comunidade xente que tenta levar un paso máis adiante o hardware e tirar proveito do que comprou con funcionalidades non ofrecidas polo fabricante.

Dá igual a consola que sexa, o tempo que se precisa desde que sae ao mercado ata que aparecen solucións que permitan usos para os que non foi deseñada é cada vez menor. E a, xa veterá, Nintendo DS non ía ser menos, apenas chegou a casa, foron un par de días nos que só valía para que a mamá de opedro lle dese estopa aos seus neuronios co Brain Training, o xogo que traía.

Ese par de días foi o tempo que levou elixir un cartucho, pedilo, e que dese chegado. Despois de investigar na rede da scene nds, de entre o Cyclo DS e o R4DS, decidín coller este último por ser, nese momento, o único do que había existencias para entrega inmediata nas tendas online que me inspiraron confianza.

cartucho na nintendo ds

O R4 Revolution for DS, chamado R4DS, é un cartucho para a NDS, coma calquera dos seus xogos para slot1 (o dos xogos da NDS), cun oco para introducir unha tarxeta de memoria microSD, na que ademais do firmware do cartucho poden ir xogos e aplicacións creadas pola comunidade e, así, o que moitos pensan que só é unha consola de xogos para os máis cativos, pasa a converterse nunha Nintendo DS que lle din pirateada, unha maquiniña con capacidade wifi, con dúas pantallas, unha delas táctil e un potencial que vai máis alá dos xogos, e así, hai clientes de mensaxería, de correo electrónico, lectores de libros electrónicos, reproductores de audio e de video, …

E é que se non fose por ese tipo de cartuchos e solucións similares para outras consolas, probablemente ningunha delas tería entrado en casa.

Toleando con Movistar

16 Maio 2008

Só por poder acceder á rede a maior velocidade foi o motivo polo que se me deu por aproveitar o programa de puntos de Movistar para sustituir o telemóvel que facía as funcións de módem, un Samsung Z240 con só capacidade 3G (UMTS) por outro que permitise aproveitar a cobertura 3.5G (HSDPA).

Á hora de cambialo, o substituto debía de cumprir un par de requisitos, que se puidese conectar a HSDPA e que tivese bluetooth. Unha vez comprobado que se comunicaba sen problemas cos Nokia Internet Tablets, cos PCs, ben cun Windows ou cun Linux, e que había script para usalo co MacOsX Leopard, o módem elixido foi o Nokia 6120 classic, un pequerrechiño que tiña iso e máis.

Todo correcto agás que as conexións que nos días previos foran sen incidencias co Samsung, agora veñen chea de timeouts, con páxinas que non cargan imaxes, outras que cargan a medias, e algunhas que ata vai fluida, as menos,…

movistar internet proba velocidade

como esta captura no N800 conectado vía bluetooth co 6120, unha velocidade decente contra o servidor de mundo-r.com con conexión de Movistar móbil, agás que, nesa mesma sesión, só dou con timeouts nas páxinas da wikipedia.org, de blogspot.com, de elpais.com… cunha linda mensaxe de se ha superado el tiempo límite de espera para la conexión; e apuntar tamén que a páxina de movistar.es sempre vai, iso si, conectando desde unha máquina windows co explorer.

timeout desde o N800 con Movistar 3.5G

A falta de conectar por fóra das Rías Baixas, creo que non me queda nada por tentar; sen éxito probei con outros terminais, cun par de SIMs doutros clientes de Movistar, cambiei drivers, cambiei, DNSs, cambiei scripts e todo seguía igual.

Comprobado que con Vodafone e Simyo, ou mesmo co lento GPRS de Movistar, podía navegar con normalidade chamei ao Centro de Relación con el Cliente agardando que me dixesen que a súa rede caíra. Non foi así, seguimos todo o seu protocolo, conteille a miña viaxe, viu que estaba conectado, díxome de cambiar o nome e o contrasinal a MOVISTAR_DIRECTO, algo que ao instalar o Escritorio Movistar xa probara, disque polo aquel de desactivar a navegación optimizada, ou evitar proxies, que dirían outros; acabei de falarlle da miña experiencia e concluiu cun “le llamarán de un departamento superior a la mayor brevedad posible”.

A la mayor brevedad foi xa a semana pasada, e mentres agardo, preguntábame se alguén que pasase por aquí conecta con Movistar…

P.S. e sen saber como, nove días despois, todo volveu á normalidade, e supoño que non saberei o que pasou… e dos cartos, nin falemos.

Anomalías tuiteiras

7 Maio 2008

Cando o twitter apareceu moitos falaron del como un servizo inútil, pero, a pesares das primeiras impresións, moitos fomos os que o comezamos a utilizar, ben por curiosidade ou por explorar ese novo sistema de comunicación. Agora, despois dunha auténtica masificación, twitter veu a chegar a un lugar na web que poucos creían posible naqueles primeiros tempos.

No meu caso, deu para unha vía máis para deixar mensaxes, preguntas, respostas e compartir información na arañeira dun xeito tan sinxelo que, de seguro, non chegarían sequera a ser posts neste blog.

tuit opaco

Nesta captura son só 112 caracteres, faltan 12 para chegar aos 140 que é o límite que impón twitter, coma nos SMS, pero dan dabondo para comunicar. Tanto como que a frecuencia de actualización deste blog veu a menos, malia que para iso tamén teñen influido outros factores, incluso as miñas cousas.

Durante este tempo, ao redor do twitter foron aparecendo moitos servizos que, xogando coa súa API, crearon novas utilidades e conceptos, desde o tweetscan ata o, algunhas veces odioso, twitterfeed, pasando por moitos outros; pero foi hoxe que din co xefer, un machuco feito co yahoo pipes e mais coa google chart API, que parte da idea de darlle o nome dun usuario e recoller estatísticas de uso do twitter ao longo das horas, días, meses,… ata construir un gráfico de uso moi chulo, podendo incluso tirar conclusións sobre o xeito de utilizar o twitter e das relacións coa comunidade. A miña é esta,

o meu chart no twitter

Malia todo, o máis interesante é ver as gráficas dos outros; non vou dar nicks, pero semella que a vida dalgún é apenas unha grande mancha negra no twitter.

Polo apunte da senhora dot a falar do mapa Cough, un mapa de estradas dos máis antigos que se conservan da Europa Atlántica, lembrei que tiña por algures agochada algunha información da Tabula Peutingeriana ou Táboa de Peutinger, chamada así na honra do humanista alemán do século XVI, Konrad Peutinger, que non é máis que unha copia medieval dun mapa que podería datar do século IV, o único mapa de estradas conservado da época romana.

Tabula Peutingeriana Gallaecia

Como mapa, a Tabula Peutingeriana resulta estraña para o ollo moderno, xa que co fin de amosar a rede romana de estradas desde a Península Ibérica ata Asia, o pergamino está orientado de oeste a este, e tanto as extensións de terra coma os mares e mais os rios aparecen distorsionados, de xeito que o Mediterráneo, por exemplo, semella máis un longo río.

Pero é precisamente ese esquematismo que amosa as distancias entre as diferentes paradas ao longo de camiños en liña recta o que o convertiría nunha útil ferramenta para os viaxeiros que seguían o cursus publicus, como fan hoxe os planos das redes de metro nas grandes cidades, coa salvedade de que tamén inclúe información práctica sobre os lugares máis cómodos para pasar a noite ou tomar un baño, toda unha Guía Michelin de hai case dous milleiros de anos.

Orixinalmente rollo de pergamino de 34 centímetros de alto por 6,75 metros de longo, e dividido en doce segmentos, dos que se perdeu o primeiro, consérvase na Österreichische Nationalbibliothek de Viena onde foi exhibido durante un só día o ano pasado para celebrar a súa inclusión entre os documentos que forman parte da Memoria do Mundo.

Tabula Peutingeriana seccións I-IV

Tabula Peutingeriana seccións V-VIII

Tabula Peutingeriana seccións IX-XII

Paga a pena facer a viaxe indo desde o primeiro segmento perdido, e reconstruido a comezos do século XX, que amosa as Hispaniae romanas que comparte segmento co norte de África e mais con Britannia para chegar, no segmento XII, ata a India e ás fronteiras da China, a Sera Maior; desde Tude ata o rio Ganges pasando por Roma, representada como tal aos ollos dos romanos, ou por Constantinopla ou mesmo Pompeia, desaparecida anos antes. Preparados para unha viaxe no tempo por cidades descoñecidas?

A cantar no autobús

27 Abril 2008

Enfariñado da cabeza aos pés do traballiño que lle debeu dar facer a bola de pan que nos traía e despois dunha siesta de dúas horas, opedro relatou as aventuras na súa primeira excursión no colexio.

Dubido que se lle pasara pola cabeza que o porco Lucas ou o pato Renato han pasar por unha cociña, coma as ceboliñas que dixo que prantaron ou o que fose que sementaron, pois a emoción era tan grande e as explicacións eran tan longas ao nos contar o que fixera na excursión que parecía que nunca un día dera para tanto.

E como en todas as excursións, no autobús houbo cancións, malia que só se deixou grabar a cantar unha soa vez, cunha calidade non moi boa, co maemo recorder, moi util para grabar notas de voz,

agás que á volta non houbo cancións, o autobús voltaba cheo de nenos de tres anos a durmir, ata que os espertou a profe facéndolles cóxegas.

O prezo da privacidade

23 Abril 2008

Estou a aproveitar as viaxes destes días, como apuntei o outro día ao falar de openstreetmap, para explorar a xeografía galega coa compaña dun GPS que vai grabando o percorrido nun Nokia Internet Tablet e o carro convértese nun fervedoiro de direccións MAC falando entre elas en bluetooth; o Treo co Holux 236 e mais co Parrot, e o N800 co Holux M1000 e mais cun Samsung que fai de modem 3G . Aínda non o vexo todo azul, pero ha de se chegar.

A imaxe de abaixo pouco di, non é máis que a representación gráfica dun cachiño dos meus traxectos pola AP9 arriba e abaixo. Os puntiños son as marcas que graba o meu GPS dos lugares onde fixou unha posición, isto é, a vista que dá o editor JOSM de por onde ando eu; puntiños que logo haberá que unir para trazar as estradas no mapa de openstreetmap, que nesta imaxe saen de cor azul.

area de serviza do burgo no JOSM

E se estes datos, ou no editor ou trazados sobre o mapa non din nada, accedendo ao arquivo onde se gardan eses datos pódese saber a que hora foron grabados, a que velocidade se grabaron e, por suposto a ubicación, e dirían que un día de abril á tardiña ese GPS fixo unha parada na área de servizo do Burgo, na AP9, unha parada técnica, o tempo xusto para escribir unha twittérbole.

E mentres ía grabando datos nestes ir e vir pola autoestrada do Atlántico, na radio deron en falar da iniciativa da aseguradora Mapfre, que coa súa campaña de jóvenes desiguales tamén quere fozar cos datos que se poden obter dun GPS e é quen de poñerlle prezo á nosa privacidade. Nunha experiencia piloto, a aseguradora instala unha caixa cun receptor GPS no coche dos voluntarios para ir recollendo unha serie de datos, os percorridos (tempo e quilómetros), horarios en que os fai, velocidade… para, logo, transmitirllos á aseguradora.

Cun ¿Por qué tienes que pagar más por las imprudencias de otros? e cun desconto na póliza que pode chegar ata o 60% mais a posibilidade de localizar o carro en caso de roubo ou a chamada automática de emerxencia que realiza o aparello á aseguradora en caso de forte deceleración (semellante á necesaria para activar os airbags), a compañía anima á xente nova a instalar a “caixa negra”… disque 10.000 xa o levan. Moitos máis o deixarán de levar porque non os renovarán ou subiranlle tanto a póliza que cambiarán de compañía e, por moitas voltas que lle dou, non se me quita da cabeza a idea de que Mapfre só pretende coñecer mellor aos seus clientes para discriminalos mellor e darse un pouco de publicidade.

Aos que lles pareza boa idea, anímoos a cavilar en que as aseguradoras non só viven de seguros de coches…