As cores das ceras
Aquí sempre foron ceras, pero na maior parte do planeta son coñecidas polo seu nome inglés, crayon, e en moitos outros lugares tomaron o nome do seu primeiro nome comercial, Crayola, que foi como lle chamaron en 1903 na altura de sair ao mercado de consumo infantil a aqueles lápices de cera.

Do paquete orixinal de oito cores diferentes, Crayola comercializa hoxe ata 120 cores diferentes en caixas, polo normal, cun número de ceras múltiplo de 8 e que se identifican polo seu nome e mais a súa referencia hexadecimal.
Ao longo da historia fóronse engadindo novas cores, desaparecendo algunhas e outras cambiando de nome; hoxe distribúense en 23 tons de vermello, 20 de verde, 19 de azul, 16 de violeta, 14 de laranxa, 11 de marrón, 8 de amarelo, 2 de cincento, 2 de cobre, 2 tons de negro e 1 branco aos que se engaden 1 dourado e outro prateado que se poden atopar, coas súas referencias hexadecimais e RGB, nun post de Colour Lovers.

Por suposto, tamén hai a lista oficial de cores de Crayola, que non é tan vistosa pero recolle información histórica sobre as cores, algo que tamén se fai na entrada da wikipedia das cores das ceras crayola e na que se inclúen as 13 cores retiradas e mais as referencias que cambiaron de nome, ata dar para unha lista de 153.



