Eisberg

15 Decembro 2005

Son moitas as lideiras a ferver nos meus neuronios e as máis delas teñen relación co mundo virtual, pero é ao mundo laboral a quen me debo, así que aínda que teño capacidade de proceso dabondo, os traballos manuais non me deixan voar como quixese.

Quería contar números, falar do traballo de ascárida, de calidonia, de lantania, que, por certo, é impresionante e según isto vive a só 884 metros en liña recta da casa dos meus pais, e doutros tantos anónimos que se atopan baixando ao fondo da rede. E é aí abaixo, chegando ás profundidades inexploradas onde se pode decatar un da grande explosión que se está a dar na arañeira e que só dá para ver a punta do eisberg, e como nun destes, onde a parte sumerxida e moito maior do que queda na superficie, sempre haberá lugares por explorar, e cada día máis. É sangue novo, os máis deles saltan desde o messenger ao blogomillo e, ás mesmas portas do inverno, é de agradecer que dun ano para acó a blogaliza está a abrollar nunha primavera que comeza a ser difícil de abranguer nun mesmo planeta.

Pero o mundo real non se move como na rede así, que volvendo ao mundo onde

o 46% dos entrevistados dixeron que o ADSL é unha sustancia alucinóxena; ou no que o 63,9% dos entrevistados asociaron Bluetooth cunha pasta de dentes

tentamos animar a mamá; opedro consígueo só cun sorriso, pero eu téñoo máis difícil sabendo o mesmo que ela, que pediu unha reducción de xornada (sen resposta) hai máis dun ano para poder compatibilizar a vida laboral coa familiar, que leva tres anos cun contrato de obra para implantación dun sistema informático que non ten nada que ver co seu traballo, que durante a xornada laboral o seu rendemento é intachable, que traballa nunha empresa que tenta ser grande pero non dá feito por mor dos administrativos-rémoras que levan aderidos, que… mellor calo.

E os lexisladores seguen a vivir nun conto de fadas non tendo en conta a realidade do mercado nin a realidade das novas situacións familiares. E os xefes de mamá viven noutro planeta, un planeta onde se prima máis a disponibilidade horaria que o rendemento e onde as súas mulleres son señoras da súa casa e xefas das súas chachas, nun planeta disque de iguais, onde o goberno converte en privilexios (para uns poucos) o que non pode converter en dereitos (para todos).

A ver quen se atreve a dicirme que, des que naceu opedro, mamá reduciu o seu rendemento

79,5mm x 95,6mm

13 Decembro 2005

Pistóns percorrendo distancias milimétricas en cilindros de tamén medidas milimétricas cubicando case os dous litros forman o corazón dunha máquina e como máquina que é non se pode laiar. Sen cambios de aceite, nin de filtros, o aire que agora lle entraba polas válvulas era un aire pobre que se tiña que abrir paso por un filtro suxo para misturarse cun gasoil que non ía ben peneirado. E notábaselle, notábaselle no cu, aquelas fumegadas delatábano.

Se falase diríalle que aínda lle podía ofrecer moitos apoios ao límite subvirando lixeiramente só para avisarlle de que levantase o pé do gas para logo, ao saír da curva, darlle todo o que tiña, subindo de voltas coma un lóstrego, facéndolle ver que aquelas cifras do par motor que viñan no catálogo non eran cousa de fachenda.

Si, era ruidoso e pequeno, pero sempre fora así, ofrecía o mellor que tiña coa idea de algún día chegar a ser un VH e estar sempre á súa beira. Era consciente de que non era o mellor, nin moito menos o carro máis lindo do mundo. Non era que fose feo, pero o tempo pasara por el e a súa fasquía xa non era tan atrainte, e aínda sabendo que tiñan un carro novo, non tiña ciumes ningúns por non podérense comparar. El apenas pediría que lle fixesen un mantemento axeitado e algún que outro lavado.

E aí o está, á mañá, baixo unha manta de xelo xirarán a chave do contacto e non dirá nada. Tremerá un pouco co frío e subirá de voltas a modiño, coma o primeiro día.

Telenova

9 Decembro 2005

Vai cambiando o xeito en que vemos a televisión. Onte foi unha das conversas que tivemos con parte da tripulación dos mediateletipos, que viñan para ver a opedro, pero coa demora da entrada na ría e máis co retraso do práctico por mor das condicións climatolóxicas, amarraron os cabos aos norais cando opedriño xa ía no segundo sono. Na esencia pouco cambiou desde os tempos en que perdiamos un capítulo dos Novos e tiñamos que pedirllo a alguén que o grabara nunha daquelas cintas VHS. E o mesmo pasa agora, só que en lugar de VHS, o amigo é a rede e o soporte é dixital. Así, mentres a televisión avanza a pasos lentos e o exemplo máis claro témolo aquí mesmo, onde a TDT non se pode sintonizar en moitos lugares debido a instalacións comunitarias non preparadas e falta de cobertura en moitas outras zonas do país e R, os da fibra óptica, segundo eles a tecnoloxía con maior capacidade de transmisión de información, que segue a ser unha das poucas cableiras no mundo, si, no mundo, que ofrece sinal de televisión analóxico, imposibilitando ofrecer aos seus clientes acceso á TDT, como xa anunciou ONO que o faría cos seus clientes, engadindo á súa actual oferta, todos os canais que se emiten dese xeito, sen necesidade de modificar ou engadir nada á súa instalación e polo mesmo prezo. Neste panorama, somos os usuarios da rede de redes os que imos por diante, podendo acceder a servizos de televisión que hai uns anos non serían posibles. Agora, cando perdemos algún capítulo daquela serie á que andamos enganchados, ou ben, para ver as series de televisión que botan por aí fóra, só temos que procurar nos regatos de datos que transitan pola rede e poñer o noso video a grabar. E a pesares de que o noso video apenas pesa cento e pico de kilobytes, é configurable até os máis pequenos detalles, rápido e consume moi poucos recursos do sistema; atreveríame a dicir que é o mellor e ademáis é de balde. E se para localizar aos amigos que tiñan as grabacións deses programas que nos interesan había que procurar por diferentes páxinas, agora co TVTAD a cousa é aínda máis sinxela. O TVTAD é un lector de feeds, só hai que indicarlle as páxinas que dispoñen das series de televisión e dicirlle as que temos interese en ver e, logo que algún capítulo novo está dispoñible na rede, liga co noso cliente bitTorrent (o noso video) para comezar a baixalo á nosa computadora.

Así de fácil, logo todo dependerá da nosa conexión á rede; e como ben di a Sra. dot é o acontecemento do ano en moitas casas. E o non sabermos inglés xa non é problema, só hai que guglear un pouco e até podemos ver Lost con subtítulos en galego, xentileza de Endurance.

A pesares de ter que ir traballar hoxe, non teño queixa ningunha por ese motivo, a queixa vén polo frío e pola humidade que me come a pel. Sempre fun de verán, de praia, de mar. Co remate do verán a miña pel avísame días antes da chegada dos fríos secándose e, algunha vez, poñéndose encarnada, como dicíndome que comeze a botarlle cremiñas para protexela das xeadas. Todo isto é como un rito do que son o continuador e herdeiro pola parte materna por mor do seu código xenético. Este inverno descobrimos que xa temos continuador nestas tradicións, pois opedriño vese tamén afectado polas xeadas do mesmo xeito que disque sofría unha tataravó que veu casar para aquén do Miño a unhas terras máis mornas, e quero pensar que un dos seus fillos emigrou para o Brasil apenas á procura dun mellor clima e non do futuro que labrou aló. Do Brasil é de onde chegan as imaxes da caloriña, só para darnos envexa, dun blo descoberto a través do de Xouba, do Naturista, que está a facer unha campaña para descubrírenlle aos demais das vantaxes da práctica do naturismo. Nun país onde as tetas pódense usar para reclamo turístico, teñen aínda que reclamar o topless como un dereito feminino, así que desde aquí, nós aderimos á campaña. Experimente o naturismo, viva as diferencias, é o natural.

Limpe a mente

E iso sí, que chegue o verán xa.

Pais analóxicos

1 Decembro 2005

Antes de saber do del.iciou.us ía gardando cousas que me interesaban cun copiacola no correo electrónico. Estes días fríos aproveitei para a limpeza nas diferentes caixas e asi foi que recuperei comunicados que van para os dez anos. A sensación é estraña, daquela a rede víase a a través dun netscape 2.0, e agora a rede é a Arañeira 2.0, ten vida propia.

Foi evolucionando conforme a xente que se integraba nela e neste século é a xente nova a que se vai incorporando, rapaces que medraron rodeados de tecnoloxía, xente que vai eliminando a televisión, ou a televisión como se viña coñecendo até o de agora, para vivir na rede.

Foi hai un par de meses que se laiaba a sobriña de mamá de que aínda non tiñan banda ancha na casa e tiña que compartir a liña cos demais da casa. Estaba a contarnos que tiña amigas con blo no spaces cando chegou o pai, que escoitara o último, que sen facer idea de que estaba a falar, pediu que lle traducísemos.

E non chega só con coñecer a lingua, tamén hai que saber un pouco da cultura. Estamos nun tempo que os nenos utilizan novos medios para crear un mundo propio, son quen de saberlle o nome a máis de trescentos pokemon e non teñen medios apropiados para nomear máis de dez ríos ou chegar á cultura escrita.

Logo, ela nos dicía que os seus pais eran analóxicos, así que o salto xeracional desta vez será evolutivo. Apúntome á mutación xenética.

Viva el Capital

29 Novembro 2005

Nuns anos opedriño preguntará como era que faciamos para ver a tele, se sempre tiñamos que ver o que nos puñan… E todo cambiará nestes próximos cinco anos, coa televisión vía satélite e vía internet, a IPTV, dixitalizada, comeza agora a dixitalización da terrestre (non para todos) e, nun tempo, a de cabo. Virán os receptores con discos duros conectados á rede. Desde o noso traballo conectarémonos á rede de casa para dicirlle o que nos ten que grabar, ou, conforme ás nosas preferencias, cando cheguemos, xa terá algo grabado e a publicidade ou o que é o mesmo, os cartos, será personalizada. Xa non haberá que agardar polos anuncios para irmos ao baño, só con premer o botón de pausa poderemos seguir a ver onde o deixamos, e opedro terá moitas preguntas… e será cando lle conte que había uns aparatos en branco e negro onde había que darlle voltas a unha rodiña para cambiar dun canal a outro. Que tempos aqueles… Así, non ía moi desencamiñado cando falaba o mes pasado dos canais que iamos ter na TDT, pois segundo El Mundo a cousa quedaría así,

Polo de agora seguimos sen información do que vai pasar por aquí, nin sabemos do segundo canal da galega nin das licencias que otorgou o anterior goberno na súa estampida, que parece que non imos saber delas até o 2007. Da oferta dispoñible, o novedoso, a falta de máis informacións, é que os de telecinco van potenciar o seu canal de deportes, que Sogecable vai acompañar a Cuatro con CNN+ e 40latino, que se incorpora a Sexta anque non emitirá até o ano que vén, esta tamén en analóxico (a ver onde a poñemos) e que TVE fai unha mistura dos seus canais temáticos excluindo, quizais o mellor que ten (de documentais), o DocuTVE e, tamén, o Canal Clásico. Teño interese en recuperar o Nostalgia, que agora se chamará 50 aniversario, que compartirá emisión con Klan TV como un dos cinco canais de TVE e nos permitirá recuperar programas que se emitían cando eramos novos. Por certo, a ver se é que os da galega recuperan aos Novos para o seu segundo canal…

Porque cando eramos novos nin falta que facía ser politicamente correcto e, daquela, nas televisións saía unha meiga berrando a prognosticar o futuro, Viva el mal, viva el capital! e se a tecnoloxía nolo permite, o día de fin de ano a programación de 50 aniversario anuncian cousas como esta,

23:55 LA BOLA DE CRISTAL RAMONCIN (1984) DIRECCION: LOLO RICO REALIZACION: ERNESTO QUINTANA PRESENTACION: RAMONCIN, OLVIDO GARA (ALASKA) INTERPRETE/S: LOS REBLEDES, HOMBRES G, LOS NIKIS, OBJETIVO BIRMANIA, EL ULTIMO DE LA FILA, SINIESTRO TOTAL, BURNING, ORQUESTA MONDRAGON Programa especial en el que Ramoncín presenta a los grupos que actúan. En la presentación, Lolo desea Feliz Año a todos. Sketch de los electroduendes que cantan “”el diablo sobre ruedas”.

e tamén La cometa blanca, Los gozos y las sombras,… éranche tempos de colonización, despois chegaría o Xabarín.

Isopropiltioxantona

24 Novembro 2005

Mentres opedro estivo uns dez meses bebendo dese leite, os da fábrica de chocolate, non dixeron nada e agora que xa se alimenta co leite da vaca disque levaba tinta do envase. Puxeron un teléfono para informaren aos consumidores do mesmo que levamos lido durante estes días.

E el segue tan contento ou máis e non lle saíron nin cornos nin rabo, pero namentras, habemos facerlle boicot ao chocolate, polo menos até que non atopemos do de verdade. Seica a cousa anda mal, segundo me contan os fornecedores.