Reis

5 Xaneiro 2006

Opedro ainda non agarda polos reis. O peor ou, agardo que, o mellor chegará de aquí nun ano. Namentras xoga cos clicks dos seus tíos, se se lle pregunta di que os reis hanlle traer unha MO-TO.

Vexo con envexa nos seus ollos a ilusión por xogar, correr, gabear e a súa inocencia sen fin.

O seu pai postea desde a Treo e agardando que remate toda esta falsedade para voltar á rotina, óense de fondo as súas risadas.

Feliz falsedade. Hoxe non foi un bo día, só hai que comparar e botarlle un ollo aos arquivos, que foi un dos motivos para o que isto naceu. Que chegue mañá xa. Qué será, será?

torrents, rss e dvr

4 Xaneiro 2006

Ademais de recibir unha chea de felicitacións, tanto virtuais coma reais, este ano foi a primeira vez que un programa me felicitaba polo Nadal; xa teño falado do µTorrent, unha maravilla de apenas 115Kb, que non consume máis que 6 megas na memoria do PC e engade prestacións de clientes torrent moito máis desenrolados. E se hai algo que lle faltaba, Ludvig, o seu creador, vén de engadirlle soporte RSS á súa derradeira versión beta, isto é, agora permite a descarga automática de contidos.

Tendo apenas un feed RSS que me notifique cando, por exemplo, sae un novo capítulo de Lost, non teño a necesidade de andar pendente de comprobar diferentes páxinas para saber cando é que sae. E do mesmo xeito foi que souben do estreo nas redes p2p da selección galega, como tamén contan na aranheira e mais no galego de seu, de man doutro feed rss que me conta o que anda polas redes de pares e fai mención á nosa terra.

Así que, se hai uns días contaba que co Tvtad, a creación dun pequeno Tivo made in feitonacasa púñase fácil, pouco a pouco vaise avanzando máis neste eido. E, como son noticia estes días, se che gustan os Coldplay, desde aquí, recomendo o uso do µTorrent para baixar a súa música se non queres que a súa discográfica che engane.

Non lembro onde o lin, pero xa o sabes, a liberdade vén en paquetes pequenos, nomeadamente TCP/IP e o µTorrent é unha boa mostra.

Fume de facho

30 Decembro 2005

Contaba con chegar a tempo para poder ver o comezo desde o sofá do salón, pero os quilómetros e mais a chuva pesaban nas nosas zocas. Levaba percorridos catrocentos corenta e tantos cando, pola radio, comezaban a escoitarse os hinos nacionais dos dous equipos. Era o quilómetro trinta e seis da AP9, quedaba moito para Santiago e por moito que lle pisase ao gas non ía chegar para escoitar, desde a autoestrada, o noso hino ruxindo no estadio. Deu igual, ía eu só no coche, pero da radio sairon os acordes creados por Pascual Veiga e miña gorxa sentiu algo que apretaba forte, era a emoción, a emoción de escoitar o noso hino nun campo de futbol, un deporte que non me movilizara desde o vinte de abril de 1994, día en que o celtiña perdía unha final da copa do rei e eu ía, por primeira vez na miña vida, …á ópera.

A�nda ecoaban as letras dos pinos cando comezaron a chegar os goles, logo do primeiro gol pasaba á altura do San Lázaro e, desde a autoestrada, ollaba cun pouco de envexa cara á dereita, entre o fumo albiscábanse as luces do estadio e un lixeiro ruxe ruxe apagado polo son do motor, cheiraba a fume de facho, o campo fervía.

Quizais, nuns anos, opedro tamén me agardará para ver os partidos da selección, pero paciencia, que o que entra é o 2006.

April Fool’s Day

28 Decembro 2005

Hoxe é o día dos Inocentes, no que segundo a tradición cristiá tal día coma hoxe, Herodes mandou matar a todos os nenos menores de dous anos nacidos en Belén por medo a que un deles, o neno Xesús, se convertise en rei dos xudeus e o botase do seu trono. É tamén día de gastar bromas (ou inocentadas) e aínda que eu son máis do primeiro de abril, día en que os burros van onde non deben ir, non puiden deixar de rir ao chegar á dos Aduaneiros e toparme con isto

Intervenido Guardia Civil

Porque isto será unha inocentada, nonsí?

Liebes Tagebuch

27 Decembro 2005

Hai uns anos, estes días eran días de vacacións e traían reunións familiares de tardes que se alongaban xogando cos curmáns e mais cos viciños mentres as panxoliñas soaban polos altofalantes do torreiro. Este ano, estes días son días de moito choio, de reunións con clientes e con apenas tempo para ver á familia máis próxima só nas datas encarnadas no calendario. E xa non hai panxoliñas, nas viaxes arriba e abaixo pola AP9, ecoan Sufjan Stevens, Antony & the Johnsons, os Flaming Lips, Andresiño co seu tren para opedro (laaa la la la laaa) e o cabrón do Nacho Vegas coas súas desgracias cantadas. O máis parecido a unha panxoliña é un CD recopilatorio no que teño que buscar ao Shane MacGowan cantando Fairytale of New York, que me fai lembrar a saudade de Sarah, unha rapaza irlandesa de perto de Galway, cantando con nós no coche dicíndonos, con bágoas nos ollos, que era a máis bonita canción de Nadal…

Aínda terei tempo para escoitala unhas cantas veces máis. Falta nada para que remate o ano e teño que facer paradas por Burela e mais Vila do Conde, así que teño que aproveitar o tempo que estou na casa, nunca se sabe…

Happy Christmas your arse I pray God it’s our last

hai que gozar dos nosos soños todo canto podamos, eu tamén teño saudade.

Vapor

22 Decembro 2005

Na escuridade da súa habitación, en lugar de durmir, oíaselle repetir en voz alta NE-NO, NE-NO, MAMAMÁ,… Parece que é agora cando o seu vocabulario comeza a expandirse e ten máis curiosidade polos sons e, anque o seu repertorio se reduce a unha ducia de palabras, ten onomatopeias pa dar e levar.

E procurando na rede por sons de animais, din co Bzzzpeek, unha páxina que garda rexistros de nenos de diferentes partes do mundo imitando sons de animais e mais de carros e, se ben, a risa disque é universal, seica os sons dos cans, dos camións de bombeiros ou dos porcos non o son. O resultado foi o descubrir que en Corea ou no Xapón parece que os animais soan coma doutro planeta. O que non din sabido foi a procedencia deses nenos españois que participaron no proxecto…

e admiten suxerencias e envíos de novos sons na busca de onomatopeias máis precisas. É unha mágoa que non teñan ningunha para pasar o ferro; fsssss, que é como lle di opedro.

Bailaches Carolina?

19 Decembro 2005

Os da mesa do lado amenizaban con cancións populares e mamá marchara con opedro para botar a soneca. Foi entón cando, quizais quentados polo licorka (case tan bo coma o orixinal), as conversas (nas que tamén se falou do mundo real) derivaron en falar dos blos, isto é, en metabloguear que seica es lo peor. Falouse do importante, do número; da grande cantidade deles que se están a abrir no blogger, dos tantos ou máis que se abren no Spaces, que supoño que a meirande parte deles será de xente nova que salta aos blos desde o Messenger e mais do Hotmail; tamén se falou do anonimato, dos blos galegos escritos en español, dos blogueiros que non asistiron e da formación dunha conciencia colectiva de sermos blos en galego. Nun momento en que o número de blos en galego chegou a ser incontrolable son só as ligazóns entre as páxinas e os seus contidos os que, de aquí en diante, poderán conformar a estructura dunha arañeira en galego. Como comentaba ascárida (you’re so web 2.0, baby) a blogosfera podería considerarse unha evolución do protocolo NNTP (o das news de Usenet) na rede, tal e como se está conformando hoxe en día, no que os lectores e mais os creadores de blos poden establecer conversacións en base ás ligazóns e aos comentarios (o famoso feedback) chegando a establecer unha auténtica rede con conciencia de seu, que se dá bombo ao referenciarse, aumentando deste xeito a súa visibilidade, anque, á vez, tamén poida ecoar de máis dentro da rede. E a xantanza foi iso e máis, poñerlle cara a blogueiros e comentadores cun bo churrasco e viño ao redor de aínda máis interesantes conversacións entre descoñecidos que se coñeceron no anonimato da rede. E de aquí nun ano eu diría que o blogmillo andará nos dez mil blos, así que chegará un día en que Carolina saia do seu anonimato e poida emular ao Orihuela no Pazo de Congresos falando para o blogmillo sobre o que é metabloguear, toda unha arte coa que se podería guguelatentar para comprobar a visibilidade real da blogaliza. Esquecía, como esquecín o sábado cando mamá marchou con opedro e os cartos, agradecer aos que quedaron ao café post-licorka cunha ligazón a súa invitación. E saiban que a ligazón deste blo cotiza a tres euros e medio, así que dense por pagados os que van a seguir,

seo tools

ohqtordv,
maria de mallou,
folerpa
,
dorfun,
ifrit,
paleon,
xosé antón
,
homedareia
,
ascárida,
emereci,
subcomediante H
,
martin pawley
,
dot
e
snob neurótico.

Agradecido tamén aos que marcharan antes polas súas conversas e con mágoa de non poder falar con todos nin quedar á sesión golfa, bicos para todos.