Xa lera que o Dreambox non había de levarse ben co MacOs, pero iso tiña que velo cos meus propios ollos.
O choio vai así, o Dreambox é un aparello que por fóra parece un decodificador dixital de TV satélite cos seus euroconectores e control remoto, pero por dentro é unha máquina linux montada ao redor dun procesador PowerPC, coa súa memoria RAM, porto USB, conexión a rede, servidor ftp e http, e a posibilidade de engadir un disco duro para grabar os programas de televisión.
Xunto cos seus viciños do salón, a xbox e mais o receptor tdt, están os tres conectados ao router para ter saída a internet e verme a min, na nosa rede, na parte wifi.
A idea era ter en MacOs algo tan sinxelo como o que hai para Windows, o Dreambox Control Center, unha aplicación que une todas as ferramentas que poden ser de utilidade para controlar o aparello: instalación de novas imaxes (o seu sistema operativo), subir e baixar plugins, skins, emus, listas de canais, películas, montar discos da rede, clientes ftp e telnet,… e mais o DreamboxEdit, do mellor que existe cando se fala de poñer orde entre máis de 2000 canais. Postos á procura din con Faqintosh, a referencia para dreambox & mac.
Comecei co DreamXman, co que só fun quen de conectar co dreambox pero sen poder facer nada máis que agardar a que a aplicación abortase soa.
Co DreamStreamX as cousas pintaban mellor, parecendo unha aplicación máis seria, pero o primeiro que me dixo foi connection refused. Ben, os rapaces dos foros de infosat xa sabían do tema e a solución pasaba por crear un arquivo en branco, chamalo de_preferences e poñelo en …/teudirectorio/librería/preferences/dsx_data , que é o lugar onde gardará as preferencias da túa conexión e mais as listas de canais.

Prometendo case as mesmas características que os que veño utilizando sobre windows a realidade é que está pouco depurado e que, á hora de xestionar as grabacións ou tentar poñer orde nos canais, peta de vez. Iso si, combinado co vlc dá para unha capturas ben chulas facendo streaming, pero iso tamén se pode facer conectando ao seu servidor web e instalando o plugin vlc para o teu navegador.
Que para que serve isto? Pois para ver a tele no teu portatil alá onde chegue a cobertura da túa rede wifi… ou mesmo en calquera outro ordenador, se é que tes contratado largo de banda abondo para subir mpeg2.
Así, despois de levar un susto, para prescindir da parte pc, só preciso consumir, e para ver a tele, tempo.