Nov
30
2007
O certo é que estou alucinando co novo aparello. Como exemplo das súas posibilidades, adicado a Spav e só por fedellar, xa que sería máis cómodo facelo no portátil, esta entrada vai feita desde o N800.
Despois duns días a facerme preguntas estrañas, o conto foi que opedro e mais a súa mamá tiñan unha sorpresa para min, un agasallo en forma do teclado bluetooth ao que xa lle puxera data. Tiña pensado nel para primeiros de ano, pero aquí deron sabido das miñas preferencias e logo de chegar a casa estaba vendo como configurar o teclado bluetooth dun Dell Axim no N800.
Teclado conectado, abro o navegador. Quero editar unha foto da tarxeta coa que lle sacara unha foto a opedro. Poño a tarxeta no N, vou a snipshot, unha páxina lixeira para subir e editar imaxes online; súboa, recórtoa e póñolle o ancho deste blo e gárdoa. Abro o wordpy, comezo a escribir e, sen romper a cabeza a configurar o teclado nin a conexión a internet, estoulle dando a Publish.

E só por uns cantos textos coma este paga a pena.
p.s. agardo saiban desculpar estas entradas filogeeks :D
3 comments | posted in móbil, n800, opedrinho
Nov
21
2007
Apenas comentar que, por fin, me decidín a actualizar o deseño do blo e mais a actualizar á última versión do wordpress. Atrás queda un deseño que nos acompañou durante case dous anos, pero non era, sen tempo, hora de lavarlle a cara.

O certo é que contaba con que me dese máis problemas dos que me está a dar. Houbo moitos cambios des que non actualizaba o cms e malia que por fóra parece que todo vai ben, por dentro ten algún mal que tardarei en reparar.
Para gabanzas ou críticas ao novo deseño diríxanse ao seu autor, Magnus Jepson, ou se lles presta, deixen comentario acó, que para os nostálxicos dos antigos deseños sempre nos quedará archive.org
7 comments | posted in hospedaxe, lideiras, opedrinho
Nov
15
2007
O sinal máis evidente do choio destes últimos días foi a necesidade cotiá de prender á rede eléctrica a miña ventana ao mundo. E é por ese medio que vou recibindo teletipos conforme van acontecendo.
Un correo, onde me dan por asignado e rexistrado un dominio .es con ñ de Esparta que non vou usar. Só quero que nunca vexa unhas DNS.
Unha chamada, para dicir que opedriño foi expulsado de clase por primeira vez na súa vida. Agredido por un compañeiro, respostou trabándolle nas costas. Resultado, moitos choros e opedro rematou na clase da profepaula. Por máis voltas que lle dou, non o entendo. Teñen só tres aniños.
Unha semente rss, dun xornal impreso, na que leo o que pouco despois me confirman por teléfono, que o meu irmán pequeno vai ser operado dun xeonllo a finais deste mes. Cousas veredes.

Xa na casa, acumulo amperes mentres se confirma que a miña ventana ao mundo queda pequena. O futuro máis próximo chegou a unha resolución de 800×480 e a transición chámase Garnet VM.
3 comments | posted in lideiras, móbil, opedrinho
Nov
12
2007
Na mesa, os bocatas de nocilla e mais os sandwiches de xamón, queixo e chourizo. As patatillas, espachurradas polo chan. Galdrumadas por todas partes, coma os globos, o papel dos agasallos e as serpentinas, e todo regado cunha mistura de cocacola e fanta.
Pero chegou un día que os pais quedaron cheos de que as casas quedasen como quedaban e agradeceron a un señor que era colega do que inventou os macdonalds, de que inventase os parques de bolas.
Logo chegou outro día no que opedro foi convidado a unha festa de cumpreanos desas por primeira vez, e alí quedou, durantes dúas estrañas horas e media.

E de entre as bolas foi de onde tivemos que o rescatar, convertido nun dos reis do parque. Sentado na súa silla, pasou de rei a lindo durminte en só cincuenta segundos, o tempo que nos levou sair á rúa. Que grandes son os parques de bolas.
7 comments | posted in opedrinho
Out
31
2007
Vanse cumprindo os prazos, e no tempo no que solta polo bico algo parecido a
os rabudos que dicen me cago en la conecha van castigados,
ou algunha outra palabra que a mamá e o papá están tentando eliminar do seu vocabulario, pasan coma un lóstrego as imaxes das chupetas, dos biberóns, da batidora, ou a daquel cachorriño quen de quedar durmido no colo para logo, cando remata coa frase, ver ao animaliño no que se convertiu.
Superada xa a barreira do metro de altura e entre empurróns, carreiras, pelexas e mais chimpos van quedando atrás lembranzas do que nunca voltará ser, malia que de cando en vez e despois dalgunha trasnada, ao mirar para min, busca nos meus ollos quizais respostas inocentes coa súa mesma ollada inocente que lembro de sempre.

E logo diremos, que tempos aqueles!
1 comment | posted in lideiras, opedrinho
Out
24
2007
Tanto ten que sexa cun lapis, boli, rotulador ou a cores. Todos os colle coa punta dos dedos, así, para que estes queden agochados, e percorre quilómetros sobre follas que limitan os seus trazos.
Trazos que teñen formas, formas que teñen nome, mesmos nomes para diferentes garabatos, ningún igual, hai tiburóns redondos, coches como agullas, ou mesmo esquíos cadrados con cadansúa historia que, do xeito que son contadas, non poden ser máis reais.
E de súpeto, estando de visita a uns senpapeis e canso xa de xogar coa cadela, sentou na mesa a debuxar nunha libreta e un boli que lle roubara ao roger, veu amosarnos o seu novo monigote.

Disque é un tal papito con zapatos masticando chicle. Agora durme ao seu carón.
4 comments | posted in opedrinho
Set
23
2007
Ao ir recoller a opedro nun dos días que pasou na casa dos avós neste verán, contaron que a miña tiarosa levouno case que con nocturnidade á capela onde ela é unha das que ten a encomenda de manter as flores e o resto da parafernalia que conlevan os ritos que alí se celebran e, así, cando cheguei falaron en que o meu fillo ía darme unha alegría, pero que para iso tiña que tirarlle da lingua onde foi que estivera e o que aló vira.
Non tardou moito en dicir que foran a unha casa moi grande e…
…dentro había moitos monecos e un dragón que botaba mooooito lume…
unha resposta coa que non puiden máis que botar unha risada ao ver que fora quen de decatarse do que había dentro da igrexa, e ata identificar o boneco que máis lle chamou a atención, a do san Xurxo a cabalo loitando co dragón.

E hoxe, que era vez de ir de novo a unha igrexa, por terceira vez na súa vida e para unha desas que lle xogaron a unha curmá súa, estabamos agardando na porta para entrarmos para o ritual cando nos chamaron a dicir que era a hora e que tiñamos que ir para adentro, ao que opedro preguntou,
vamos ver una película?
As gargalladas seica se escoitaron en Sada.
4 comments | posted in opedrinho