A cantar no autobús
27 Abril 2008
Enfariñado da cabeza aos pés do traballiño que lle debeu dar facer a bola de pan que nos traía e despois dunha siesta de dúas horas, opedro relatou as aventuras na súa primeira excursión no colexio.
Dubido que se lle pasara pola cabeza que o porco Lucas ou o pato Renato han pasar por unha cociña, coma as ceboliñas que dixo que prantaron ou o que fose que sementaron, pois a emoción era tan grande e as explicacións eran tan longas ao nos contar o que fixera na excursión que parecía que nunca un día dera para tanto.
E como en todas as excursións, no autobús houbo cancións, malia que só se deixou grabar a cantar unha soa vez, cunha calidade non moi boa, co maemo recorder, moi util para grabar notas de voz,
agás que á volta non houbo cancións, o autobús voltaba cheo de nenos de tres anos a durmir, ata que os espertou a profe facéndolles cóxegas.
Chegada dun bebé, papeis e matrimonio
16 Abril 2008
No tempo que levamos aquí xa perdín a conta dos cativos que viñeron a esta nosa terra cun blo baixo o brazo; nun exercicio neuronal o último do que teño noticia é a pequena da que dá conta o senhor desorde, e parece que a próxima a chegar será a que vén da man da senhora Colombo e da que nos vai dando conta o ghanito na súa Apocalipse do porco; se teñen noticia dalgún outro, fagan o favor de corrixirme.
En Vaitraballar e a petición duns amigos veñen de facer unha pequena e útil guía de todo o papeleo que hai que facer na hora da chegada do bebé:
A ver, situémonos no hospital. Acaba de nacer o voso retoño: ¡¡¡ Bieennnn!!!. Alegría, felicitacións, visitas, cansancio da pobre mamá, as nosas babas caíndo a chorro, vendo pó noso filliño. Si, pero ¿que teño que facer agora?. ¿Os 2500 euros?, ¿Que teño que facer coa miña empresa?, ¿e a miña muller?…
Paga a pena lelo ou gardalo pois nunca se sabe cando pode ser de utilidade, e como apuntan que serán ben recibidas as correccións, aí vai unha:
O autor do post ao falar de que hai que levar ao Rexistro Civil o Libro de Familia para rexistrar ao neno, dá por feito de que o bebé é fillo dun matrimonio constituido legalmente; de non selo, a única persoa que pode inscribir ao bebé é a súa nai, aportando o certificado de maternidade, tendo a potestade para recoñecer e incluir ou non ao pai nun Libro de Familia que non ten e que lle darán, así que hai que agardar a que lle dean a alta á nai para que esta vaia ao Rexistro a inscribir ao seu fillo e, de ser o caso, ao seu pai.
Hoxe os fillos nacidos fóra do matrimonio xa non son ilegais nin van marcados con estigmas sociais e así, creo no matrimonio como unha institución en extinción, unha institución que só ten consecuencias civís sobre a súa propia disolución, o divorcio; así que, de non ser porque a reivindicación do matrimonio polo colectivo homosexual agocha algunha outra relacionada cos dereitos individuais das persoas, me resultaría sorprendente que hoxe sexan os homosexuais quen aparentan ser os maiores partidarios do matrimonio.
E vós como o vedes? Non credes que cando os nosos dereitos veñen protexidos por camiños diferentes xa non ten moito sentido, fóra da vontade de convivir, que exista unha institución coma esta?
Saúdos desde a marxinalidade institucional.
Segunda avaliación
30 Marzo 2008
E se cando a primeira avaliación non collía ben o lapis, disque aínda non deu conseguido.

No que che anda opedro é en aprender as letras e mais os números, a lelos e mais a os escribir; as letras, todas maiúsculas elas, e os números, enormes. Mentres os le no teclado penso se non vai sendo hora de cambiar a orde alfabética pola qwerty.
Die Analyse
5 Marzo 2008
Andaban opedro e mais a súa nai no hospital, á procura do laboratorio de análises, non daban co sitio e foron preguntar ao mostrador máis próximo; ao indicárenlles que non era alí senón no andar superior, opedro dille á súa nai,
Mami, estas chicas no quieren mis cacas!
ao que unha delas, mentres ría, apuntoulle,
Chao, guapo… e cando traias outra cousa, tráenola por aquí.
e creo que non fai falta que diga o que foi que levaron analisar.
Cambio de frecuencias
24 Febreiro 2008
Parece que xa estamos todos adaptados, levamos máis dun mes cunha nova rotina, un cambio de horarios levoulle por diante todo aquilo que era seguro en casa, un lugar onde el era quen de anticipar todo o que ía ocorrer.
Tanto foi que perdeu ese poder, que esta noite foi durmir a casa dos avós. Así, era estraño estarmos xuntos naquela escuridade da rúa sen opedro e, ante a insistencia dela, non me quedou outra que enviar unha mensaxe a casa dos avós. A resposta do meu irmán pequeno non deixaba lugar a dúbidas, así que, malia poder connosco a preguiza e fallar ao concerto de la casa azul, era a nosa noite. A súa mensaxe dicía,
Está eliminando coellos e botando carreiras, disque non quere ir aínda para a cama.
Pouco máis tarde outra mensaxe confirmaba o seu sono. Mañá contará aventuras de Bowser e mais de Mario, e nós estaremos agardando para escoitalas. Agora para el todo é unha aventura, ou un arcade…
Revellos discopop
14 Xaneiro 2008
JB son as súas iniciais, pero nada que ver coa bebida alcólica. Así resposta o fillo duns amigos e, á vez, colega de xogos de opedro que levaba dando a vara toda a semana co conto de que o domingo ía vir xogar a casa de opedro.
Para que así fose e comezase o día de xogueta, fomos recollelo e, de camiño a casa, demos cun accidente de carro. Había coches da policía local dirixindo o tránsito e camións de bombeiros rescatando ao carro accidentado do río. Do coche, que estaba dado a volta, pouco se podía identificar, apenas as rodas daban para saber que o coche era un Seat, pero os dous, desde os seus asentos e obsesionados como están cos carros, deron en discutir, o JB a dicir que era un Toyota e opedro a dicir que era un BMW. A festa comezaba.
Despois do xantar, o JB, que aínda non chega aos tres anos, viña de cando en vez cun coche na man a preguntar pola marca e mais polo modelo do que opedro non lle daba datos. Alí, no salón, nun mesmo lugar pero interactuando o mínimo, só se facían caso para falar de coches e correr polo corredor en direccións opostas.Os aires da festa cambiaron cando decidimos poñer música e bailar. Unhas cantas cancións soaron sen pena nin gloria a través do ampli e desde o XBMC ata que houbo cambio de disco e soaron os primeiros acordes do random que tocaba. Coa mesma, o máis pequeno empezou a berrar,
LA CASA AZUL, LA CASA AZUL, LA CASA…
ao que opedro lle fixo os coros, e foi como comezamos con La revolución sexual e rematamos con No más Myolastan, e entre medias, bailes e partida de dominó. Unha mágoa que os concertos, tamén os próximos de La casa azul, son a unhas horas que non permiten excursións preescolares. Mentres tanto, sempre nos quedará youtube. Aí vai unha recomendación do JB e mais de opedro,
Viaxe en tren
14 Xaneiro 2008
Coa fin de semana chegou a primeira viaxe en tren de opedro, un percorrido curtiño no que quedamos coa sensación de que lle soubo a ben pouco.
Non oiu nada do tipo Pasaxeiros ao tren!…, ao pasar polos tuneis só dicía, Non se ve nada! Está todo oscuro!, e na viaxe de volta, máis do mesmo e, por riba, o revisor non lle furou os billetes cos que andaba a agardar na man para validar.
E entre a ida e a volta, nun local comercial, opedro sorprendéunos a xogar con eses mal chamados ordenadores de xoguete, eses cachos de plástico cheos de teclas de cores cunha pequena pantalla lcd, e esas pseudoconsolas con joystick. No mesmo expositor había catro ou cinco deses aparellos e opedro foi pasando de un a outro fozando en todo o que se podía fozar, ata que o descubrín apretando os dedos contra o monitor.

Pregúntolle que era o que pasaba e dime,
O ratón non funciona… y el monitor, tampoco
e era certo, o rato non estaba conectado, e o monitor… non era táctil, pero el dábao por feito.