Terceira avaliación
25 Xuño 2008
Ás veces os días rematan coa sensación de que o fas todo mal …e, moitas veces, é certo.
Pero pasa que, cando volves pola noite do choio, o teu fillo vén correndo cos brazos abertos e, a berros, cóntache o que fixo durante a tarde ou che amosa o avión que fixo coas pezas de Lego e, mentres compartides un único sorriso, cavilas se é posible ser tan feliz que xa non te decates.
E é que hai días, e semanas enteiras, nos que parece que son un actor (secundario) dentro dunha obra de teatro, saltando entre actos deslavazados, nunha trama tan cotiá coma sen sentido que se diría sacada do teatro do absurdo.
Cae o telón e, mentres agardo polo seguinte acto, escaneo as notas de opedriño, sorrío e penso nun final feliz.

Logo chegou o catro
18 Xuño 2008
Pasamos xa por catro aniversarios. Xuntando os catro dedos dunha man marca as velas que ha de precisar, unha, dúas, tres, catro…





e nun blufff alá van catro anos con cadanseu aniversario, que nos fan a nós máis vellos e, que nel producen, de seguido, enormes momentos de maxia.
Cráteres en Marte e lixo no espazo
13 Xuño 2008
Nunha das visitas á pediatra nestes días de calor e mais de Ventolin ía opedro laretando historias de monstros e alieníxenas cando, de súpeto, parou co lercheo que viña contando para preguntar:
-Papi, verdad que en el planeta Marte hay muchos catres?
O certo é que ás primeiras non sabía do que me falaba, pero ao repetilo debuxando círculos no aire souben, facendo por que non me vise rir, que falaba de cráteres e non de catres.
E é que se algún día damos saido deste planeta para chegar ao planeta bermello teremos onde deitármonos. E digo se damos saido, pois á vista dos satélites e mais do lixo que orbita ao redor do noso planeta semella que a cousa vai ser difícil.
Foi na Cartoteca que din con esta imaxe, facilitada pola Axencia Espacial Europea (ESA), que preparou uns gráficos que amosan a cantidade de chatarra espacial que orbita por riba das nosas casas. Desde o Sputnik foron uns 6.000 satélites os que sairon ao espazo, dos que aínda andan operativos uns 800 acompañados polo lixo que fomos deixando aló.
Aconséllase ampliar as imaxes, como a que acompaña este post e amosa os obxetos que andan en órbita baixa vistos por riba do Polo Norte, para ver o que ronda o noso planeta. Sorprendente.
Reanimando á ratiña Lola
2 Xuño 2008
En casa fomos usuarios activos da ratiña Lola durante un tempo pero case a tiñamos esquecida ata que vin publicado en Chuza que a ratiña Lola morrera. Ao saber da súa morte tiña sentido o que dun tempo para acó notara nesta casa, que google traía unha chea de visitas ata aquí na procura dela.

Accesible durante moito tempo a través do dominio cativadas.com é unha aplicación en flash creada desde a Xunta polas consellerías de familia e deporte e mais a de innovación e industria que se podía reproducir desde calquera navegador e que ofrecía unha achega aos cativos ás novas tecnoloxías, ben nas aulas ou na casa a través do ordenador, na que ratiña Lola vai guiando aos nenos a través de diferentes actividades, todas moi sinxelas, nas que as imaxes e mais os sons levan da man aos cativos a realizar as diferentes e atractivas actividades.
Pero parece que o desleixo dos responsables da ratiña Lola fixo que o seu dominio caducase e que alguén máis espilido ca eles rexistrase e okupase o dominio para agardar, supoño, por un rescate; así que polo de agora, calquera que se dirixa ao dominio comentado só dará cunha páxina chea de publicidade e mais spam.
Para tentar resolvelo, ancho de banda mediante, veño de subir ao meu servidor tanto a aplicación flash para vela a través do navegador, aínda que desactivando a opción para os mestres, que se pode visitar en cativadas.opaco.org, así como a aplicación completa que distribuía a Xunta de balde, que puxen nun arquivo zip e que se pode baixar desde acó, cativadas.zip, ben para grabar nun cd ou instalala nun pc con windows.
Malia todo, agardo que os responsables da criatura, arranxen a desfeita e os cativos poidan ir visitar á ratiña Lola na súa casa de sempre, que aquí só está de paso.
Moruncha & Co.
28 Maio 2008
Non podía deixar de comentar no feliz acontecemento social do blogomillo, ou como queiran dar en chamar á chegada da filla do ghanito e mais da señora Colombo, da que o ghanito nos viña poñendo ao día desde novembro pasado cando fixera público o Comunicado Oficial da casa Ghanites, pois ao ler destas cousas decátome da razón que levaba a autora do desaparecido todonada cando falaba nas marabillas da tecnoloxía ao servizo das marabillas do ser humano.
A chegada da Moruncha non fixo máis que aumentar o número de pais e nais que falan a través dun blog das aventuras e desventuras dos seus cativos. Mesmo vai case para dous anos que se nos dera por contabilizar o que daquela chamara blogomilhinho, no que entraran o dos Pelachos, o do Xan, o do Roi e mais o do Leo.
Logo daquilo houbo algún que outro blog a falar dos seus cativos; de memoria lembro ao folerpa e mais ao pereiro, pero seguro que hai algún outro por aí fóra que queda sen mencionar (se é que saben de algún máis agradeceriase deixen un comentario), e xa máis próximos no tempo deste baby boom (a escala) están a chegada da N de desorde ou o bló de l&m, na que o premiado ohqtomr e mais a eli comezaron a contarnos da laura e mais do mati.
E o seguinte seica será o Brais, ao que, mentres nos van contando dos preparativos, apenas lle faltan dous meses para vir canda nós. Estean atentos.

Como din no bló de l&m, isto non é máis que para paliar os efeitos do alzheimer e que algum dia os nossos filhos possam valorar o divertido que é partilhar os dias com eles.
Por iso e antes de que me esqueza, a piques de que chegue o cuarto aniversario de opedro, vou deixar a conversa de onte á tarde con opedro a conta dun libro de ilustracións na que saían un boi e mais unha vaca,
-Papá, qué es esto?
-É un boi
e opedro, sorrindo e sinalando á vaca di,
-y esto… mmm …es una girl?
Éche o que ten o plurilingüismo harmónico, que xa non nos vale o de se non é boi …será vaca.
Actualización: non fixo falta que ninguén mo lembrara e caín eu só da burra, esquecía nomear ao senhor porquinho que vai para case tres meses que contaba que alguén moi importante estaba a piques de chegar ás súas vidas, e, polo visto, debeulles comer o teclado… Alguén máis?
E outra actualización: apunta o paideleo nos comentarios a chokito, do que xa sabiamos pola do ghanito, e a lula e mais a flavia. Obrigadinho paideleo.
A cantar no autobús
27 Abril 2008
Enfariñado da cabeza aos pés do traballiño que lle debeu dar facer a bola de pan que nos traía e despois dunha siesta de dúas horas, opedro relatou as aventuras na súa primeira excursión no colexio.
Dubido que se lle pasara pola cabeza que o porco Lucas ou o pato Renato han pasar por unha cociña, coma as ceboliñas que dixo que prantaron ou o que fose que sementaron, pois a emoción era tan grande e as explicacións eran tan longas ao nos contar o que fixera na excursión que parecía que nunca un día dera para tanto.
E como en todas as excursións, no autobús houbo cancións, malia que só se deixou grabar a cantar unha soa vez, cunha calidade non moi boa, co maemo recorder, moi util para grabar notas de voz,
agás que á volta non houbo cancións, o autobús voltaba cheo de nenos de tres anos a durmir, ata que os espertou a profe facéndolles cóxegas.
Chegada dun bebé, papeis e matrimonio
16 Abril 2008
No tempo que levamos aquí xa perdín a conta dos cativos que viñeron a esta nosa terra cun blo baixo o brazo; nun exercicio neuronal o último do que teño noticia é a pequena da que dá conta o senhor desorde, e parece que a próxima a chegar será a que vén da man da senhora Colombo e da que nos vai dando conta o ghanito na súa Apocalipse do porco; se teñen noticia dalgún outro, fagan o favor de corrixirme.
En Vaitraballar e a petición duns amigos veñen de facer unha pequena e útil guía de todo o papeleo que hai que facer na hora da chegada do bebé:
A ver, situémonos no hospital. Acaba de nacer o voso retoño: ¡¡¡ Bieennnn!!!. Alegría, felicitacións, visitas, cansancio da pobre mamá, as nosas babas caíndo a chorro, vendo pó noso filliño. Si, pero ¿que teño que facer agora?. ¿Os 2500 euros?, ¿Que teño que facer coa miña empresa?, ¿e a miña muller?…
Paga a pena lelo ou gardalo pois nunca se sabe cando pode ser de utilidade, e como apuntan que serán ben recibidas as correccións, aí vai unha:
O autor do post ao falar de que hai que levar ao Rexistro Civil o Libro de Familia para rexistrar ao neno, dá por feito de que o bebé é fillo dun matrimonio constituido legalmente; de non selo, a única persoa que pode inscribir ao bebé é a súa nai, aportando o certificado de maternidade, tendo a potestade para recoñecer e incluir ou non ao pai nun Libro de Familia que non ten e que lle darán, así que hai que agardar a que lle dean a alta á nai para que esta vaia ao Rexistro a inscribir ao seu fillo e, de ser o caso, ao seu pai.
Hoxe os fillos nacidos fóra do matrimonio xa non son ilegais nin van marcados con estigmas sociais e así, creo no matrimonio como unha institución en extinción, unha institución que só ten consecuencias civís sobre a súa propia disolución, o divorcio; así que, de non ser porque a reivindicación do matrimonio polo colectivo homosexual agocha algunha outra relacionada cos dereitos individuais das persoas, me resultaría sorprendente que hoxe sexan os homosexuais quen aparentan ser os maiores partidarios do matrimonio.
E vós como o vedes? Non credes que cando os nosos dereitos veñen protexidos por camiños diferentes xa non ten moito sentido, fóra da vontade de convivir, que exista unha institución coma esta?
Saúdos desde a marxinalidade institucional.
