Carman, Nokia ao volante

11 Setembro 2008

Unha das aplicacións que me faltaban por instarlarlle ao tablet era Carman, unha aplicación para maemo que convirte o Nokia Tablet nun analisador OBD2, unha ferramenta de diagnose e monitorización do rendemento do motor; e foi só que a instalei ao fío dun apunte do brenlla no que falaba de LinuxICE, un sistema operativo baseado en Ubuntu e deseñado para ser implementado en coches (que teñan algún tipo de carputer) e que tamén bota man do proxecto Carman, software libre que chega desde o brasileiro Instituto Nokia de Tecnologia, o berce de Canola.

captura Carman por defecto

Se algunha vez te preguntaches pola luz que se prendía no cadro de instrumentos e se era importante, ou queres ter máis información do que pasa debaixo do capó, Carman ten a resposta ás túas preguntas sen ir polo taller a que lle conecten a “máquina” e ver porque dá ese erro.

Carman se comunica co sistema OBD do carro, que é o que monitoriza o motor, vía bluetooth (tamén evitando tirar cable) a través dun scanner OBD, un aparello que se conecta nun porto que a maioría dos coches, case todos desde finais dos 90 e obligatorio en Europa desde 2001, levan por riba dos pedais ou baixo do volante.

Se a información que che ofrece o carro che parece pouca, Carman é para ti, pois mide toda a información que dan os sensores do coche, desde as voltas ás que xira o motor ata a velocidade á que nos desprazamos, pasando pola temperatura do refrixerante, a carga á que traballa o motor, a presión que mandan os inxectores, un 0 a 100,…, ou mesmo o percorrido do pedal do gas e moitos máis, todo nunha interfaz moi coidada que se pode modificar conforme as necesidades de información de cada un.

evolución Carman

Fago unha lista

  • Nokia Internet Tablet
  • Coche con OBD-II
  • Scanner OBD-II  con bluetooth

e só me falta unha cousa e hai ducias de poxas en ebay que rematan nuns días.

mapas en Carman?

E a cousa promete,

In the future, we still want to connect Carman and Canola, have both as opensource and this is the first step.

P.S. de versións previas de Carman, con video, hai post en inglés, se é que non me sabes galego.

Toleando con Movistar

16 Maio 2008

Só por poder acceder á rede a maior velocidade foi o motivo polo que se me deu por aproveitar o programa de puntos de Movistar para sustituir o telemóvel que facía as funcións de módem, un Samsung Z240 con só capacidade 3G (UMTS) por outro que permitise aproveitar a cobertura 3.5G (HSDPA).

Á hora de cambialo, o substituto debía de cumprir un par de requisitos, que se puidese conectar a HSDPA e que tivese bluetooth. Unha vez comprobado que se comunicaba sen problemas cos Nokia Internet Tablets, cos PCs, ben cun Windows ou cun Linux, e que había script para usalo co MacOsX Leopard, o módem elixido foi o Nokia 6120 classic, un pequerrechiño que tiña iso e máis.

Todo correcto agás que as conexións que nos días previos foran sen incidencias co Samsung, agora veñen chea de timeouts, con páxinas que non cargan imaxes, outras que cargan a medias, e algunhas que ata vai fluida, as menos,…

movistar internet proba velocidade

como esta captura no N800 conectado vía bluetooth co 6120, unha velocidade decente contra o servidor de mundo-r.com con conexión de Movistar móbil, agás que, nesa mesma sesión, só dou con timeouts nas páxinas da wikipedia.org, de blogspot.com, de elpais.com… cunha linda mensaxe de se ha superado el tiempo límite de espera para la conexión; e apuntar tamén que a páxina de movistar.es sempre vai, iso si, conectando desde unha máquina windows co explorer.

timeout desde o N800 con Movistar 3.5G

A falta de conectar por fóra das Rías Baixas, creo que non me queda nada por tentar; sen éxito probei con outros terminais, cun par de SIMs doutros clientes de Movistar, cambiei drivers, cambiei, DNSs, cambiei scripts e todo seguía igual.

Comprobado que con Vodafone e Simyo, ou mesmo co lento GPRS de Movistar, podía navegar con normalidade chamei ao Centro de Relación con el Cliente agardando que me dixesen que a súa rede caíra. Non foi así, seguimos todo o seu protocolo, conteille a miña viaxe, viu que estaba conectado, díxome de cambiar o nome e o contrasinal a MOVISTAR_DIRECTO, algo que ao instalar o Escritorio Movistar xa probara, disque polo aquel de desactivar a navegación optimizada, ou evitar proxies, que dirían outros; acabei de falarlle da miña experiencia e concluiu cun “le llamarán de un departamento superior a la mayor brevedad posible”.

A la mayor brevedad foi xa a semana pasada, e mentres agardo, preguntábame se alguén que pasase por aquí conecta con Movistar…

P.S. e sen saber como, nove días despois, todo volveu á normalidade, e supoño que non saberei o que pasou… e dos cartos, nin falemos.

Der perfekte Begleiter

30 Novembro 2007

O certo é que estou alucinando co novo aparello. Como exemplo das súas posibilidades, adicado a Spav e só por fedellar, xa que sería máis cómodo facelo no portátil, esta entrada vai feita desde o N800.

Despois duns días a facerme preguntas estrañas, o conto foi que opedro e mais a súa mamá tiñan unha sorpresa para min, un agasallo en forma do teclado bluetooth ao que xa lle puxera data. Tiña pensado nel para primeiros de ano, pero aquí deron sabido das miñas preferencias e logo de chegar a casa estaba vendo como configurar o teclado bluetooth dun Dell Axim no N800.

Teclado conectado, abro o navegador. Quero editar unha foto da tarxeta coa que lle sacara unha foto a opedro. Poño a tarxeta no N, vou a snipshot, unha páxina lixeira para subir e editar imaxes online; súboa, recórtoa e póñolle o ancho deste blo e gárdoa. Abro o wordpy, comezo a escribir e, sen romper a cabeza a configurar o teclado nin a conexión a internet, estoulle dando a Publish.

opedro co teclado bluetooth

E só por uns cantos textos coma este paga a pena.

p.s. agardo saiban desculpar estas entradas filogeeks :D

N800: primeiras respostas

26 Novembro 2007

Só hai que preguntar ao google para saber de toda a xente que xa ten falado do aparello novo que temos en casa, pero logo duns días de fedellar non podía deixar de comentar as primeiras impresións.

Ao primeiro de o coller nas mans, o N800 dá a impresión de ser ben forte e moi ben rematado, cun elegante frontal metálico e un tamaño non tan pequeno coma un móvil, pero pequeno abondo para metelo nun peto da chaqueta. E nada máis prendelo, o que máis chamou a atención foi a resolución e a nitidez da pantalla (800×480), lonxe das que dan outros aparellos de tamaño parecido, que se ben con toda a calidade que ofrece, non parece deseñada para ser utilizada en exteriores, xa que é pouco amigo da luz solar directa.

Nas mans, a súa pantalla táctil lévase bastante mellor co lapis que cos dedos, de xeito que se fai practicamente imposible utilizalo cunha soa man, como se fai cun móvil ou algún PDA. Con todo, co teclado a pantalla completa para utilizar cos dedos e mais un texto predictivo que aprende logo, a velocidade para escribir é maior que, por exemplo, nun Treo, aínda que este se poida utilizar mentres se camiña e para o n800 a postura máis cómoda sexa a de sentado suxeitándoo coas dúas mans, a esquerda para os botóns hardware e a dereita para o lapis e, en caso de desplazarse en carro ou en bus, que sexa sen tremellique ningún, pois sería moi difícil acertar coa tecla desexada.

Nokia N800

Unha vez en marcha, só respostar unhas preguntas para configuralo e xa estamos conectados a internet se é que estamos ao abeiro dalgunha rede wifi ou temos un móvil co que conectar via bluetooth. Polo que respecta á sensibilidade para captar redes wifi, sorprendeume pola súa capacidade de chegar a recibir sinais de redes que non son quen ver desde outras máquinas. E é que este aparello naceu para estar conectado a internet, así que os máis dos programas ao noso dispor aproveitan a conectividade que ofrece, desde os navegadores (Opera ou Microb), programas de correo electrónico, reproductores multimedia, clientes de mensaxería ou de VoIP, ou mesmo o Mauku, un cliente para o Jaiku ou o Vagalume, un cliente para last.fm, paradigmas estes dous últimos das posibilidades dun aparello deste tipo cuns programas que apenas pesan uns kilobytes.

Das preguntas que máis se me repetiron estes días sobre as posibilidades do aparello din respostas do tipo de… A batería dúrame unha media de 3-4 horas tirando de conexión wifi e tendo abertos tres ou catro ventanas do navegador á vez e en standby disque dura días e días ou, non, non ten unha axenda fiable que se poida sincronizar co outlook ou, non, non se poden ver os do office, pero se poden ler PDFs ou e-books, ou, si, pódese ver calquera páxina web que vexas no teu ordenador só que limitada ao tamaño da pantalla e si, pódese ver o Google Mail, Calendar, Maps, Reader, o Hotmail, o Bloglines, o Chuza, co seu fedello, sendo totalmente operativas, malia que moitas destas páxinas fanse un pouco grandes de máis e ralentizan ao aparello mentres cargan o seu contido. Os videos de Youtube tamén se poden ver con maior ou menor fluidez desde o navegador, pero a posibilidade de baixar os videos á propia máquina a través de software coma o Uktube ou ben cun script para greasemonkey desde o Microb fan que esa carencia deixe de ser tan importante.

No que respecta o navegador sorprendeume a capacidade para ter varias ventanas do navegador abertas de xeito simultáneo e manexalas con fluidez, ao contrario que en moitos outros aparellos onde só é posible ter unha aberta, ou varias, pero con moitas limitacións.

Espazo aparte merece a cantidade de software que hai na rede, moitas sorpresas, como Maemo Mapper, co que pasei horas e horas e, desde o momento que o Google Earth non se pode levar no peto, unha aplicación única para os que adoremos os mapas, a cartografía e calquera cousa que se poida facer cun GPS, ou o moito software dispoñible no aspecto multimedia, aínda con camiño por percorrer para chegar a unha boa usabilidade, pero que presta como máquina multimedia, tanto para reproducción de audio, video ou mesmo da radio FM.

En definitiva, polo que me custou este aparello (a través de ebay, menos da metade do prezo que tiña en Europa ata hai un mes) non hai nada parecido. Supoño que nuns anos será algo do cotío, pero hoxe o feito de poder ter nas mans a golpe de tap a mesma internet á que se ten acceso diante dunha máquina maior, sexa portátil ou de sobremesa, é sorprendente; é ter a wikipedia cando precisas consultar algo, o youtube, para amosar ese video, o unha foto en flickr que lle tes comentado ao compañeiro analóxico, o ebay nos últimos minutos das poxas, o meteogalicia cos seus mapas enteiriños, o DRAE, o Leo, ou o Estraviz,… a sensación é a de estar dando os primeiros pasos cara a ubicuidade móvil, e quizais de ver por onde vai o camiño cara a realidade aumentada.

Pregunten se teñen curiosidade …e non, non é un teléfono.

Novo inquilino, N800

5 Novembro 2007

Nokia non só fai teléfonos e un exemplo dun deses productos é o Nokia N800 Internet Tablet que, malia poder imitar un telemóvel, vén sendo un aparello inarámico nacido para estar online, conectado a internet ben vía wifi ou ben a través dun teléfono vía bluetooth, algo que tamén confirma o software instalado no aparello.

Pero o seu punto forte é o seu sistema operativo que, baseado nun Debian Linux, deixa a porta aberta a aplicacións desenrroladas por unha comunidade que vai aumentando a cativa achega de software oficial, adaptando a esta plataforma centos de aplicacións libres, entre as que se pode atopar algunha como Vagalume, nome que non deixa lugar a dúbidas sobre a súa procedencia.

Nokia N800

E foi nestas, lendo páxinas e máis páxinas sobre este aparello, que de súpeto xa estaba poxando por un par deles en ebay, tentado pola liquidación de stocks á vista da chegada ao mercado do seu sustituto, o N810, e mais polo baixo prezo do dólar.

Despois de estar seguindo varios artigos por uns días, fixen un par de poxas no último minuto sen éxito, sendo superado en ambas as dúas por unha cantidade importante de dólares. Decidido por un Cómprame Ya, recibo correo cunha oferta de venta ao segundo poxador, que no meu caso foi á terceira poxa máis alta e, tan tentadora foi, que non fun quen de rexeitar nin ao engadirlle os gastos de envío.

E si, malia que o N810 saia nuns días ao mercado e inclúa algunhas melloras, coma o GPS e mais o teclado físico integrado, o N800 será recibido en casa opaco por unha chea de tarxetas SD (o novo N810 só soporta tarxetas miniSD), un receptor GPS bluetooth e un teclado bluetooth que levo para comprar desde os tempos da Tungsten T, así que case que teño preferencia polo modelo a descatalogar. Con todo, o que me acabou por decidir a compra foi o barato que sae comprar dólares, que seguen a baixar de prezo.

Agora, xa me tarda… na espera, haberá que buscarlle nome.