Neoxeografía
11 Abril 2008
Se ben xa coñecía o proxecto de OpenStreetMap, ou OSM, o meu primeiro contacto cos seus mapas foi a través do Maemo Mapper, unha aplicación imprescindible para os Nokia Internet Tablets que permite utilizar repositorios públicos de mapas online, como google maps, live maps, ou mesmo os do Catastro.
De OpenStreetMap sabía que utilizaban mapas libres, sen carga ningunha de dereitos de copia ou copyrights e feitos desde a nada, nutríndose das aportacións e das colaboracións dos seus usuarios. A mesma filosofía da wikipedia dá a entrada a que calquera usuario incorpore ou rectifique os datos que considere oportunos, ben sexa unha autoestrada, unha vila, un parque ou un camposanto.

Á vista do pouco cartografiada que está Galiza en comparación con outras zonas do planeta e do fácil que é recoller os datos dun gps no maemo mapper e ir grabando a traza do percorrido foi que me animei e din en explorar lugares nunca cartografiados (en OSM); logo de subir os datos recollidos, editalos e etiquetalos ves que vai aparecendo o que tes baixo os pés, que o teu mundo está no mapa. Supoño que así se sentirían os primeiros exploradores.
A idea é evitar as restriccións para o uso e a modificación de mapas gratuitos pero non libres como os da mesma google ou microsoft. Calquera persoa pode colaborar nun dos varios procesos que conforman o proxecto, ben subindo trazas de percorridos feitos cun gps ou editando trazas e etiquetando lugares coñecidos, pero nunca copiando doutras fontes pois é norma e existencia de erros nos mapas a xeito de marcas de auga, firmas, ou ovos de pascua para aínda máis facer valer o seu copyright.
Se tes un gps non supón moito choio recolectar trazas; hai programas para capturar os datos desde o gps a calquera sistema operativo, pda, móbil con soporte java, palm, symbian,… E se non tes gps tamén podes colaborar editando as trazas doutros; o punto de partida é a wiki de OSM, e o resultado será un mapa cartografiando calquera cousa que se poida etiquetar, sexan regatos, petroglifos, estradas, camiños, carrís-bici ou bares.
E se chegaches a ler ata aquí non poderás pasar por alto o que foi a noticia da semana; a información xeográfica xerada polo Instituto Geográfico Nacional foi liberada para uso non-comercial. Por fin, unhas cartografías que financiamos cos nosos impostos e que ata o de agora tiñamos que pagar por utilizala é liberada na práctica e será de acceso público a través de internet.
Mentres sigo explorando só queda agardar para apuntarse a unha desas mapping parties para xeo-frikis.
In an Absolut World
6 Abril 2008
Non sei se o obxetivo último dunha campaña publicitaria é que falen do producto anunciado, pero abofé que a última campaña publicitaria desenvolvida en México polo vodka Absolut está conseguindo que falen del; sobre todo, ao norte da súa fronteira, nos Estados Unidos de América.
E é que o anuncio amosa un mapa que describe as fronteiras de como sería Norteamérica nun mundo Absolut, onde México recuperaría territorios que unha vez estiveron dentro das súas fronteiras.

Habendo como haberá moitos entre os chamados a si mesmos americanos que non coñezan nin a historia nin a xeografía do seu continente, a estas alturas xa sabemos que despois de anunciárense boicots a esta marca de vodka, Absolut no seu blog deu explicacións, coas que recolleu máis de 1.300 comentarios dicíndolle que non van consumir o seu vodka, para, na súa última entrada pedir disculpas e confirmar que retiraba a publicidade o pasado catro de abril.
Por algo as fronteiras actuais foron o resultado do que no norte se coñece como Guerra mexico-americana e no sur coñecen como Intevención estadounidense en México, unha diferencia de matices que supuxeron que México perdese un 51% do seu territorio. Mentres discuten polo vodka, vai un tequila?
Férias galegas
26 Marzo 2008
Foron moitos quilómetros polas autoestradas do Atlántico e mais do Atlântico ata chegar ao cabo de São Vicente. Atrás quedaron os momentos de descanso, os paseos pola praia, o dicir que non somos castelhanos, o pasamento de John Balan, as evolucións de opedro no bambán e a tranquilidade.
De volta ao rebumbio aínda dou en botarlle un ollo á última anotación dos planos da Baedeker ao fio do apuntamento de dot no que comenta a curiosidade de ver o plano de Barcelona sen a Vía Laietana ou o de Madrid se a Gran Vía.
Así, vendo os planos do Porto e mais de Lisboa, chamou a miña atención o de Lisboa e arredores, no que non aparece aínda ponte ningunha sobre o rio Tejo, pero máis curioso aínda foi a existencia dun lugar en Estoril chamado Galiza, Galliza no mapa, que ata ten a súa escolinha de rugby da Galiza, e a aparición dunha Aldea Gallega na outra beira do rio, cousa que para un galego sempre chama a atención e dá lugar a especulacións sobre a súa orixe.

Desde a publicación deste plano en 1901 ata os nosos días moito cambiou, tanto que ata lle cambiaron o nome á vila que pasou de ser a Vila de Aldeia Galega ou Aldegalega do
Ribatejo a chamarse, a partires de 1930, Montijo. Sobre a súa orixe non atopei grande cousa, apenas que foi considerada como a terra máis republicana de Portugal e pouco máis na Corografia Portugueza, na que se menciona que a vila tomou o nome dunha muller chamada Alda a Galega, por ser oriunda das partes da Galiza, e que o nome ficou como Aldagalega de Ribatejo por diferenciarse da veciña vila de Aldeia Galega da Merceana.
Quizais con algo máis de tempo daba para ter algunha información máis sobre a súa orixe, agora estamos de volta no choio.
Unha viaxe no tempo
18 Marzo 2008
Xusto cando andaba a actualizar os poi ante a inminente viaxe, o vello Holux parece que non está moi ben, de cando en vez deixa de falar en bluetooth cos seus compañeiros de viaxes e tarda en recuperar a comunicación. Non sabemos que lle pasa, tampouco temos claro se comprar outro para sustituilo ou se actualizar os mapas de estradas que sempre nos acompañan e que xa non renovamos tan decote.
Ningunha destas dúbidas as poderían ter os usuarios da Baedeker, a guía de viaxes por excelencia de comezos do século pasado. Foron quen primeiro utilizaron estrelas para valorar os monumentos que pagaban a pena visitar nun momento no que Baedeker era sinónimo de guía de viaxe, ata que os bombardeos aliados durante a Segunda Guerra Mundial destruiron por completo as súas instalacións… e si, agora hai unha outra Baedeker, moi apreciada polos alemáns, pero xa non é o mesmo.
O conto é que souben por, coma non, a Cartoteca que a Baedeker’s old guide books puxo á nosa disposición algunha que outra cousa digna de ver, unha chea de planos e rueiros escaneados dos Baedekers de hai cen anos, entre eles o Santiago de Compostela da edición en inglés de 1901,

e acompañando a Santiago, corenta e seis planos máis baixo o Spain and Portugal 1901, by Karl Baedeker. Non ten prezo albiscar por entre os destinos da época ou levar os ollos de paseo polo Campo de los Inferniños.
As mellores ferramentas de visualización
15 Marzo 2008
Dos moitos xeitos que hai para representar datos, se estes son moitos ou abstractos, hai veces que se precisa máis que un gráfico de barras, e aí é onde unha boa representación gráfica pode axudar a que sexan máis fáciles de ler e comprender. Na rede existen unha chea de técnicas gráficas que nos permiten visualizar os datos de xeitos moi diferentes, tanto utilizando aplicacións de escritorio coma aplicacións web. Moitas delas serán tan habituais coma os gráficos que puxeron nos debates entre o zapatero e mais o rajoy.

O catálogo de aplicacións é tan amplo que o post da Readwriter Sarah Perez sobre as mellores ferramentas para visualización de datos pode ser considerado como fascinante; ela mesmo xa falara sobre o asunto con anterioridade, como fixera Calidonia apuntando ao catálogo de Visual Complexity.
E se teñen tempo, pérdanse por entre canto link atopen, abran os ollos, e asómbrense.
Machuco electoral
7 Marzo 2008
Outro que se apunta a facer un trebello electoral é a xente de google, que botando man dos seus mapas preparou un machuco para poder visualizar sobre eles os resultados das eleccións xerais deste próximo domingo.
Cunha capa de datos sobre o mapa poderanse ver, case en tempo real, cales son os partidos máis votados nas respectivas circunscripcións electorais segundo os códigos de cores resultado de misturar datos ofrecidos pola páxina de resultados do Ministerio do Interior cos mapas de google, amosándoos dun xeito moi atractivo.

Para consultarmos os datos hai que ir a Google Maps e clicar na pestaña Os Meus Mapas, alí poderase ver a aplicación do mapa electoral dentro de Contido destacado, onde ademais xa mesmo se poden consultar os resultados de todas as eleccións ao Congreso celebradas desde 1977.
Hai moitas máis opcións para o seguemento en directo, das que xa deron conta na do pawley ou en eCuaderno, ademais das que xa se converteron en habituais para estas ocasións, como o twitter ou chuza. Lémonos.
Unha imaxe vale máis que un milleiro de números
29 Febreiro 2008
Como ben apuntan desde a Cartoteca, que foi onde atopei esta representación, esta imaxe é unha desas que explican un concepto mellor ca un milleiro de palabras ou, coma neste caso, ca un milleiro de números.

Na representación da esquerda sobre o noso planeta, a esfera amosa toda a auga do mundo, isto é, a dos océanos, a xeada, a dos lagos e mais ríos, a subterránea ou a das nubes que, xuntadas todas, fan unha masa de 1,4×1021 kg.
E na da dereita, represéntase todo o aire que hai na atmósfera considerando unha densidade uniforme ao nivel do mar dando unha masa de 5,1×1018 kg.
Á vista do tamaño dos océanos sobre a superficie terrestre e a concepción que tiña na miña cabeza da cantidade de auga e aire que hai na Terra, estas esferas poden parecer cativas, pero seica Adam Nieman aínda tivo tempo de facer unha serie de cálculos explicando a recreación da imaxe, dos que quedaron constancia nun pdf que o archive da rede foi quen de conservar.
Por certo, non está de máis comentar que as esferas están representadas á mesma escala que a Terra.
