A Guía Michelin do século IV
29 Abril 2008
Polo apunte da senhora dot a falar do mapa Cough, un mapa de estradas dos máis antigos que se conservan da Europa Atlántica, lembrei que tiña por algures agochada algunha información da Tabula Peutingeriana ou Táboa de Peutinger, chamada así na honra do humanista alemán do século XVI, Konrad Peutinger, que non é máis que unha copia medieval dun mapa que podería datar do século IV, o único mapa de estradas conservado da época romana.

Como mapa, a Tabula Peutingeriana resulta estraña para o ollo moderno, xa que co fin de amosar a rede romana de estradas desde a Península Ibérica ata Asia, o pergamino está orientado de oeste a este, e tanto as extensións de terra coma os mares e mais os rios aparecen distorsionados, de xeito que o Mediterráneo, por exemplo, semella máis un longo río.
Pero é precisamente ese esquematismo que amosa as distancias entre as diferentes paradas ao longo de camiños en liña recta o que o convertiría nunha útil ferramenta para os viaxeiros que seguían o cursus publicus, como fan hoxe os planos das redes de metro nas grandes cidades, coa salvedade de que tamén inclúe información práctica sobre os lugares máis cómodos para pasar a noite ou tomar un baño, toda unha Guía Michelin de hai case dous milleiros de anos.
Orixinalmente rollo de pergamino de 34 centímetros de alto por 6,75 metros de longo, e dividido en doce segmentos, dos que se perdeu o primeiro, consérvase na Österreichische Nationalbibliothek de Viena onde foi exhibido durante un só día o ano pasado para celebrar a súa inclusión entre os documentos que forman parte da Memoria do Mundo.



Paga a pena facer a viaxe indo desde o primeiro segmento perdido, e reconstruido a comezos do século XX, que amosa as Hispaniae romanas que comparte segmento co norte de África e mais con Britannia para chegar, no segmento XII, ata a India e ás fronteiras da China, a Sera Maior; desde Tude ata o rio Ganges pasando por Roma, representada como tal aos ollos dos romanos, ou por Constantinopla ou mesmo Pompeia, desaparecida anos antes. Preparados para unha viaxe no tempo por cidades descoñecidas?
O prezo da privacidade
23 Abril 2008
Estou a aproveitar as viaxes destes días, como apuntei o outro día ao falar de openstreetmap, para explorar a xeografía galega coa compaña dun GPS que vai grabando o percorrido nun Nokia Internet Tablet e o carro convértese nun fervedoiro de direccións MAC falando entre elas en bluetooth; o Treo co Holux 236 e mais co Parrot, e o N800 co Holux M1000 e mais cun Samsung que fai de modem 3G . Aínda non o vexo todo azul, pero ha de se chegar.
A imaxe de abaixo pouco di, non é máis que a representación gráfica dun cachiño dos meus traxectos pola AP9 arriba e abaixo. Os puntiños son as marcas que graba o meu GPS dos lugares onde fixou unha posición, isto é, a vista que dá o editor JOSM de por onde ando eu; puntiños que logo haberá que unir para trazar as estradas no mapa de openstreetmap, que nesta imaxe saen de cor azul.

E se estes datos, ou no editor ou trazados sobre o mapa non din nada, accedendo ao arquivo onde se gardan eses datos pódese saber a que hora foron grabados, a que velocidade se grabaron e, por suposto a ubicación, e dirían que un día de abril á tardiña ese GPS fixo unha parada na área de servizo do Burgo, na AP9, unha parada técnica, o tempo xusto para escribir unha twittérbole.
E mentres ía grabando datos nestes ir e vir pola autoestrada do Atlántico, na radio deron en falar da iniciativa da aseguradora Mapfre, que coa súa campaña de jóvenes desiguales tamén quere fozar cos datos que se poden obter dun GPS e é quen de poñerlle prezo á nosa privacidade. Nunha experiencia piloto, a aseguradora instala unha caixa cun receptor GPS no coche dos voluntarios para ir recollendo unha serie de datos, os percorridos (tempo e quilómetros), horarios en que os fai, velocidade… para, logo, transmitirllos á aseguradora.
Cun ¿Por qué tienes que pagar más por las imprudencias de otros? e cun desconto na póliza que pode chegar ata o 60% mais a posibilidade de localizar o carro en caso de roubo ou a chamada automática de emerxencia que realiza o aparello á aseguradora en caso de forte deceleración (semellante á necesaria para activar os airbags), a compañía anima á xente nova a instalar a “caixa negra”… disque 10.000 xa o levan. Moitos máis o deixarán de levar porque non os renovarán ou subiranlle tanto a póliza que cambiarán de compañía e, por moitas voltas que lle dou, non se me quita da cabeza a idea de que Mapfre só pretende coñecer mellor aos seus clientes para discriminalos mellor e darse un pouco de publicidade.
Aos que lles pareza boa idea, anímoos a cavilar en que as aseguradoras non só viven de seguros de coches…
Neoxeografía
11 Abril 2008
Se ben xa coñecía o proxecto de OpenStreetMap, ou OSM, o meu primeiro contacto cos seus mapas foi a través do Maemo Mapper, unha aplicación imprescindible para os Nokia Internet Tablets que permite utilizar repositorios públicos de mapas online, como google maps, live maps, ou mesmo os do Catastro.
De OpenStreetMap sabía que utilizaban mapas libres, sen carga ningunha de dereitos de copia ou copyrights e feitos desde a nada, nutríndose das aportacións e das colaboracións dos seus usuarios. A mesma filosofía da wikipedia dá a entrada a que calquera usuario incorpore ou rectifique os datos que considere oportunos, ben sexa unha autoestrada, unha vila, un parque ou un camposanto.

Á vista do pouco cartografiada que está Galiza en comparación con outras zonas do planeta e do fácil que é recoller os datos dun gps no maemo mapper e ir grabando a traza do percorrido foi que me animei e din en explorar lugares nunca cartografiados (en OSM); logo de subir os datos recollidos, editalos e etiquetalos ves que vai aparecendo o que tes baixo os pés, que o teu mundo está no mapa. Supoño que así se sentirían os primeiros exploradores.
A idea é evitar as restriccións para o uso e a modificación de mapas gratuitos pero non libres como os da mesma google ou microsoft. Calquera persoa pode colaborar nun dos varios procesos que conforman o proxecto, ben subindo trazas de percorridos feitos cun gps ou editando trazas e etiquetando lugares coñecidos, pero nunca copiando doutras fontes pois é norma e existencia de erros nos mapas a xeito de marcas de auga, firmas, ou ovos de pascua para aínda máis facer valer o seu copyright.
Se tes un gps non supón moito choio recolectar trazas; hai programas para capturar os datos desde o gps a calquera sistema operativo, pda, móbil con soporte java, palm, symbian,… E se non tes gps tamén podes colaborar editando as trazas doutros; o punto de partida é a wiki de OSM, e o resultado será un mapa cartografiando calquera cousa que se poida etiquetar, sexan regatos, petroglifos, estradas, camiños, carrís-bici ou bares.
E se chegaches a ler ata aquí non poderás pasar por alto o que foi a noticia da semana; a información xeográfica xerada polo Instituto Geográfico Nacional foi liberada para uso non-comercial. Por fin, unhas cartografías que financiamos cos nosos impostos e que ata o de agora tiñamos que pagar por utilizala é liberada na práctica e será de acceso público a través de internet.
Mentres sigo explorando só queda agardar para apuntarse a unha desas mapping parties para xeo-frikis.
In an Absolut World
6 Abril 2008
Non sei se o obxetivo último dunha campaña publicitaria é que falen do producto anunciado, pero abofé que a última campaña publicitaria desenvolvida en México polo vodka Absolut está conseguindo que falen del; sobre todo, ao norte da súa fronteira, nos Estados Unidos de América.
E é que o anuncio amosa un mapa que describe as fronteiras de como sería Norteamérica nun mundo Absolut, onde México recuperaría territorios que unha vez estiveron dentro das súas fronteiras.

Habendo como haberá moitos entre os chamados a si mesmos americanos que non coñezan nin a historia nin a xeografía do seu continente, a estas alturas xa sabemos que despois de anunciárense boicots a esta marca de vodka, Absolut no seu blog deu explicacións, coas que recolleu máis de 1.300 comentarios dicíndolle que non van consumir o seu vodka, para, na súa última entrada pedir disculpas e confirmar que retiraba a publicidade o pasado catro de abril.
Por algo as fronteiras actuais foron o resultado do que no norte se coñece como Guerra mexico-americana e no sur coñecen como Intevención estadounidense en México, unha diferencia de matices que supuxeron que México perdese un 51% do seu territorio. Mentres discuten polo vodka, vai un tequila?
Férias galegas
26 Marzo 2008
Foron moitos quilómetros polas autoestradas do Atlántico e mais do Atlântico ata chegar ao cabo de São Vicente. Atrás quedaron os momentos de descanso, os paseos pola praia, o dicir que non somos castelhanos, o pasamento de John Balan, as evolucións de opedro no bambán e a tranquilidade.
De volta ao rebumbio aínda dou en botarlle un ollo á última anotación dos planos da Baedeker ao fio do apuntamento de dot no que comenta a curiosidade de ver o plano de Barcelona sen a Vía Laietana ou o de Madrid se a Gran Vía.
Así, vendo os planos do Porto e mais de Lisboa, chamou a miña atención o de Lisboa e arredores, no que non aparece aínda ponte ningunha sobre o rio Tejo, pero máis curioso aínda foi a existencia dun lugar en Estoril chamado Galiza, Galliza no mapa, que ata ten a súa escolinha de rugby da Galiza, e a aparición dunha Aldea Gallega na outra beira do rio, cousa que para un galego sempre chama a atención e dá lugar a especulacións sobre a súa orixe.

Desde a publicación deste plano en 1901 ata os nosos días moito cambiou, tanto que ata lle cambiaron o nome á vila que pasou de ser a Vila de Aldeia Galega ou Aldegalega do
Ribatejo a chamarse, a partires de 1930, Montijo. Sobre a súa orixe non atopei grande cousa, apenas que foi considerada como a terra máis republicana de Portugal e pouco máis na Corografia Portugueza, na que se menciona que a vila tomou o nome dunha muller chamada Alda a Galega, por ser oriunda das partes da Galiza, e que o nome ficou como Aldagalega de Ribatejo por diferenciarse da veciña vila de Aldeia Galega da Merceana.
Quizais con algo máis de tempo daba para ter algunha información máis sobre a súa orixe, agora estamos de volta no choio.
Unha viaxe no tempo
18 Marzo 2008
Xusto cando andaba a actualizar os poi ante a inminente viaxe, o vello Holux parece que non está moi ben, de cando en vez deixa de falar en bluetooth cos seus compañeiros de viaxes e tarda en recuperar a comunicación. Non sabemos que lle pasa, tampouco temos claro se comprar outro para sustituilo ou se actualizar os mapas de estradas que sempre nos acompañan e que xa non renovamos tan decote.
Ningunha destas dúbidas as poderían ter os usuarios da Baedeker, a guía de viaxes por excelencia de comezos do século pasado. Foron quen primeiro utilizaron estrelas para valorar os monumentos que pagaban a pena visitar nun momento no que Baedeker era sinónimo de guía de viaxe, ata que os bombardeos aliados durante a Segunda Guerra Mundial destruiron por completo as súas instalacións… e si, agora hai unha outra Baedeker, moi apreciada polos alemáns, pero xa non é o mesmo.
O conto é que souben por, coma non, a Cartoteca que a Baedeker’s old guide books puxo á nosa disposición algunha que outra cousa digna de ver, unha chea de planos e rueiros escaneados dos Baedekers de hai cen anos, entre eles o Santiago de Compostela da edición en inglés de 1901,

e acompañando a Santiago, corenta e seis planos máis baixo o Spain and Portugal 1901, by Karl Baedeker. Non ten prezo albiscar por entre os destinos da época ou levar os ollos de paseo polo Campo de los Inferniños.
As mellores ferramentas de visualización
15 Marzo 2008
Dos moitos xeitos que hai para representar datos, se estes son moitos ou abstractos, hai veces que se precisa máis que un gráfico de barras, e aí é onde unha boa representación gráfica pode axudar a que sexan máis fáciles de ler e comprender. Na rede existen unha chea de técnicas gráficas que nos permiten visualizar os datos de xeitos moi diferentes, tanto utilizando aplicacións de escritorio coma aplicacións web. Moitas delas serán tan habituais coma os gráficos que puxeron nos debates entre o zapatero e mais o rajoy.

O catálogo de aplicacións é tan amplo que o post da Readwriter Sarah Perez sobre as mellores ferramentas para visualización de datos pode ser considerado como fascinante; ela mesmo xa falara sobre o asunto con anterioridade, como fixera Calidonia apuntando ao catálogo de Visual Complexity.
E se teñen tempo, pérdanse por entre canto link atopen, abran os ollos, e asómbrense.
