Á escola
12 Setembro 2007
Case mes e medio despois do seu derradeiro día de gardería e dun verán coma ningún, élle a hora de ir á escola. Rebuldeiro a máis non poder e falangueiro cando a el lle convén, di que vai ir ao cole dos maiores, xogar ao futbol e facer unha carreira. A cousa promete, malia que, de volta a casa depois de pasar a tarde xogando no parque, largoulle á súa nai pola boquiña,
mami… quiero un hermanito
para que?
para xogar
Despois de recuperarse, mamá segue a pensar que se eu teño agora outro fillo, non vai ser con ela, e a min deume en cavilar que… a baixa frecuencia de posteo destas semanas vén dada por apenas un par de circunstancias, unha nova serie que botan no noso canal temático favorito e que non podo deixar de recomendar, e mais polo novo carteiro, un vello coñecido que veu cubrir as vacacións do habitual, que non é un soccer dad, pero tamén ten outras ocupacións.
Primeiro a maxia, despois o inferno
18 Abril 2007
Hoxe foi día de encontros con compañeiros da escola, o primeiro, logo de deixar ao pequerrecho na gardería e o segundo, ao ir recollelo. Cos dous compartín aulas e mais xogos e fomos medrando xuntos ata que as nosas vidas colleron diferentes camiños.
Ao primeiro deles había anos que non o vía, a última vez que nos atoparamos déralle catrocentas pesetas para un buco e só pouco despois souben que o xulgaran. Disque estes anos no cárcere foron duros pero polo menos deulle para deixar o que o levou alí, que o pasou mal cando o fácil era pechar os ollos e deixarse ir, que estaba recuperado e que leva catro meses traballando malia que aínda teña que ir polo xulgado cando pasan lista.
Atopeino moi gastado, coa voz rota, os ollos cansos e os dentes podres, pero ilusionado coa vida e tentando que o seu futuro non se parecese ao seu pasado.
Marchei apurado, case sen falar, e pasei a mañá cavilando no que nos tocou vivir, cando ao ir á busca de opedro tiven outro encontro. El, unha persoa vital que pasaba o ano traballando nas plataformas do Mar do Norte e do que as súas visitas significaban cita case que inescusable para ir tomar algo canda el e escoitar os plans de todo o que ía facer nun futuro non moi lonxano acompañados polas súas risadas contaxiosas.
Os rumores que chegaran aos meus oídos animáranme a chamalo hai cousa dun mes pero o seu teléfono non respostaba e, agora, o seu aspecto delatábao. A conversa, triste, levouna ben rápido ao seu campo. Disque precisaba cartos, ao que lle preguntei para qué os quería. Os meus tres euros e corenta e tantos céntimos, mais o que tiña, valeríanlle para unhas micras de jaco que coa súa base de perico darían para pasar o mono, pero que non temese que disque sabe o que hai e que xa está alongando o tempo entre chino e chino.

Sabendo o que sabe por experiencias pasadas dígolle que aínda me sorprende máis que ande nestas a estas alturas e entón é cando os seus ollos evitan aos meus e comeza a falar do vacío, de que todo é unha merda e que non sabe onde ha pasar a noite…
Agora é el o que ten apuro por marchar, irá facer a súa única compra, pero antes lémbrolle que o mono paga apena sufrilo, que era o que el dicía, que o jaco quita máis vida da que dá… pero xa non me escoita. Apalpa nos seus bolsillos, saca papeis, un chisqueiro, un tutelo de metal, e un chaveiro cunha navalliña e mais unhas chaves pendurando, pídeme un cigarro, mellor dous, e mentres se alonxa di que hei ver que me chamará. Oxalá.
De la piel para adentro…
27 Marzo 2007
Foi en outubro pasado nun programa de TVE chamado Carta Blanca que, como ben di o seu nome, foi o que lle deron a Antonio Escohotado para amosar, nunhas charlas cos seus convidados, o mundo das drogas desde o seu coñecemento e experiencia, nunha posición nas antípodas da demonización e o prohibicionismo imperante.
Menos mal que temos o youtube e aí está o programa completiño dividido en oito cachiños; Antonio Escohotado en Carta Blanca,
e o resto deles como sigue, na súa segunda, terceira, cuarta, quinta, sexta, séptima e oitava parte.
Paga a pena botarlle unha ollada, abstéñanse prexuizosos. Eu reteño as últimas palabras que leu dunha chuleta,
…toda prevención que queiramos ensinar aos nosos fillos será ineficaz se non é unha prevención calculada para o uso en lugar de para a abstemia…
Total, setenta e tantos minutos, por mor dos convidados, uns mellores, outros peores, pero todos eles sen afán ningún de moralizar nin de estigmatizar a ninguén.
Máis sabor
20 Febreiro 2007
Ás veces, neses blos nos que van probando os aparellos máis avanzados do mercado non todo é dixital, tal como fixeron en Gizmodo,

e se o do título é tal e é certo que facilita rachar co tabaco, non é tan caro. E non digo nada máis, non vaia ser o conto e diga algunha parvada.
Para anotar, chámase Volcano e serve para non fumar marihuana.
E pasa outra noite, e outra tamén.
2 Xaneiro 2007
Opedro rematou o ano contento coma un cuco, durmindo despois de cear centola e mais o leite, de mamá lembro a imaxe dela a rir mentres comía as uvas, eu rematei tan ben o ano como o comecei, ou aínda máis contento.
E anque me apuntaran que o plan era ver aos morancos e mais ao gayoso, non fun quen de ver a tele, as chamadas de voz seguen sendo máis cálidas que os SMS, e así, as risadas déronlle unha boa entrada ao aninovo. Lembren,

Combustión
26 Xullo 2006
Descobertas as claves da adicción, resulta que o problema podería estar no papel.

E mentres agardo pista para aterrar, penso en contar das excelencias do ocb premium, pero agardo paralisado diante do teclado a pensar nos castelos de area, os pozos na area, os tuneis na area, as bolas de area, as carreiras na area,… A auga, que non chegue aos xeonllos, el axuda coa area e iso dá moitas risas,…
Agora un rico aroma invade o aire, outro día falarei de abadie. Sigo agardando.
Por esquecer e pola liberdade
6 Maio 2006
Por mor de recoller unha encarga, baixei tomar unha cervexa e falar un chisco. Eles pasábano ben, eu tamén,
Tes que saír máis!
pero eu contáballes o que facía en casa despois de deitar a opedro, que non se haberían aburrir, e así, estrañoume que alguén non soubese da Cultura Circula; logo, puxemos a cair dun burro aos que faltaban e, de seguido, confirmamos o boas persoas que eran e seguen a ser; botámoslle adubo comentando detalles da última noite que saín, e volveron a insistir en que tiñamos que falar todos de vez, unha xuntanza.
Ao pouco, estou vendo se mamá tiña lindos soños. E tíñachos bos. O polo, que xa fervera antes de sair, seguía a ferver na tarteira. Co lume apagado, descúbrome escribindo para esquecer que nuns días non verei ao xefe da casa, que, nesta semana, comezou a pedir por caca tanto para mexar coma para cagar, anque fóra de casa segue a mexar no cueiro… e iso, que mañá farei turismo aeroportuario. Quizais aproveite para sair de alí nas horas de espera para pedir por algo decente, pero desde CDG,
Por qué?, ¿por vaguería?, ¿porque ahí sólo van los porreros y nosotros somos más guais?. La verdad es que no lo sé. Fumo maría o chocolate de vez en cuando, estoy a favor de la “legalización” de todas las drogas, pero nunca he ido a una manifetación ni he firmado ninguna petición para conseguirla.
e, outra vez roubado de historia de dúas irmanciñas, pensar que o fago pola liberdade,

e, anque en lugar de Madrid, estarei en París devecendo por estar na de Vigo, por estar ao seu carón e ver como está o ambiente despois da semana de kale borroka, por dicir algo, que xa estou espeso… a durmir. Bicos grandes.