Xul 2 2010

Aniversarios varios

Entre tanto, desde a última actualización, pasamos por un sexto aniversario e por un primeiro cabodano,

P1040190

e a cativa xa ten dous meses e está no percentil 115.


Abr 28 2010

Habitación 111

Vai case para seis anos que, desde este mesmo lugar e só dúas portas máis alá, na habitación 109, lle pregoaba ao mundo que viña de ser pai do mellor que lle tiña pasado ás nosas vidas ata aquela, opedrinho.

Se daquela me acompañaban nesta aventura de escribir apenas un Palm Tungsten T saindo á rede a través da conexión GPRS dun Sony Ericsson Z600 e conectándose entre eles por bluetooth, nestes anos mudou moito o conto, e agora mesmo estou a escribir a través dun teclado bluetooth nun Nokia N800 que se conecta a internet a través da rede wifi creada cunha aplicación chamada Joikuspot para o Nokia E71 que o transforma nun punto de acceso wifi compartindo unha conexión 3G.

Pero é que tanto cambiou o conto, que esta aventura da vida xa a contei onde había que contala, en twitter, onde desde a miña conta fun largando tweets conforme podía, tiña gana e me petaba.
Só faltaba vir aquí para contarvos iso e mais vos dicir que sigo sendo o pai máis feliz do mundo, sobre todo ao ver a opedrinho a facerlle aloumiños á súa irmá recén nacida, Clara, de 3600gr. de peso e de 52cm. de longo

clarinha

Por ti, Clara, e pola túa avoa, que nos deixou hai case un ano e que, sen coñecerte, agardaba que este día chegase algunha vez, unha nena na familia para encher de amor, na lebranza e no presente.


Xan 9 2010

Seis

Hai seis anos a nosa wifi estaba aberta e chamábase Debalde e era a única ao alcance, hoxe a nosa wifi está protexida con WPA2 , cambiou o nome, o router ten tres portos RJ45 ocupados por aparellos que non son PCs e de seguir aparecendo wifis imos ter que tratar na próxima reunión de viciños a regulación do espacio radioeléctrico.

Hai seis anos e uns días nacía este blog, noutros seis anos estamos en 2016. Vértixe!

Obrigadísimo!


Dec 23 2009

De momento, abril

De pleno no Nadal o corpo pídeme falar de cousas tristes pero para iso xa terei tempo, así que si, que ha ser en abril e que, contra todo pronóstico, non se ha chamar Catuxa.

E é que a maioría desta casa deixoume só co meu único voto e deron en falar nunha tal Clara. Sospeito que houbo tongo e que xa tiñan amañado o seu voto; resultado, 2 a 1. Preguntámonos como será, digo que o único que desexo é que a súa saúde sexa de ferro, pero penso que se é tan fermosa como a canción que máis se repite entre as que anda a escoitar a súa nai, a min váleme; unha de La Bien Querida.


Nov 5 2009

Alegría

Xa foi hai máis de cinco anos cando comecei a deixar pegadas na rede, a escusa era deixar constancia da experiencia de como era aquilo de agardar por algo que non sabiamos sequera que ía ser opedro.
Tanto foi así que, por algunha estraña razón que non sabería explicar, contabamos que o noso cativo ía ser unha cativa e o blog naceu co nome de Catuxa, que sería o nome de opedro se non viñese con pirola incorporada. Pero a realidade foi outra e só soubemos que se chamaría como se chama a mesma mañá que saiu do ventre da súa nai.

E agora voltamos a estar nas mesmas, foron días de alegrías contidas pola expectación, alegrías contidas polo que vivimos estes últimos meses, alegrías engalanadas con bágoas ao contarllo ao meu pai e alegrías e risadas ao escoitar as preguntas de opedro a todas as dúbidas que lle xurden,

e como chegou o bebé á barriga de mamá?

E así, respostando preguntas foi como saimos da visita que lle fixemos á xinecóloga logo de escoitar os latexos do corazón dese carrouchiño de 9 cm. que a mamá de opedro leva dentro. Aínda non temos data marcada no calendario pero sabemos que  algún día do mes de abril debería ser un día de alegría.

20091015eco


Ago 31 2009

Agosto

Hai máis de dous anos escribía no twitter que este blog me servía para saber o que fixera tal día como aquel hai agora xa máis de cinco anos.

Desde aquela, a miña vida online pasa pola miña ración cotiá de tweets, cos que, entre outras utilidades, podería saber que é o que fixen tal día coma hoxe hai dous anos de non ser porque, este mes de agosto, twitter papou tweets, máis dos 5000 que levaba enviados desde marzo de 2007.

Só quedan aí á vista os deste último mes; o mesmo mes no que opedro aprendeu a nadar e a facer fotocopias, o mesmo mes que eu volvín xogar ao baloncesto, ou seguín percorrendo, ás veces coa familia, Galiza e o norte de Portugal e indo a praias nudistas e mais a algunha textil, ou o mesmo mes que a mamá de opedro, ademáis de darnos outras boas novas, conseguiu un choio novo no mesmo centro de traballo.

Para saber algo máis, twitpic ou mobypicture, e para o demais, o meu tumblr

cousas_opaco_archive


Xuñ 29 2009

No cemiterio

Intenso de máis para esquecelo, este mes e medio no que a miña nai non deu acordado leva o camiño de quedar gravado a ferro na memoria.

Ata aquela chamada do meu pai anunciando que mamá non espertaba nunca nos tocara a morte tan cerca e, malia unha mínima esperanza que disque non había que perder, mamá, a avoa de opedro, non deu recuperado e, o luns pasado, deixaba de respirar.

Convencida de que con 61 anos aínda lle quedaba unha vida por diante e sabendo dos seus medos a unha morte de dor gustaríame que sequera lle dese tempo a dicirnos que a súa despedida non foi como ela temía, que en ningún momento foi consciente de que marchaba, que lle dese tempo a contarnos que sentiu o noso amor e que sabe que nunca a esqueceremos mentres esteamos vivos, que, con todo o que lle tocou vivir, foi feliz e que lle pagou a pena vivir e crear a familia que somos, que sabe que, desde que lembra a memoria, llo debemos case todo, incluida a mesma vida, que tivese tempo para un consello, ou unha bronca, para unha ollada e un sorriso, tempo, malia que for só un segundo, para darlle un bico ao meu pai, que merece iso e máis.

Entre bágoas soño que estas semanas non existiron e que imos chegar a casa dos avós e ela vai recibir a opedro cunha aperta e un bico, sígueme a parecer imposible pero o certo é que lembro a UCI, a 4 do hospital, as noites ao seu carón, esa mañá do día 22, e como foi que chegamos desde o tanatorio ata o cemiterio, onde agora opedro corre e xoga ás agachadas por entre os nichos. Estamos co avó e o avó quere estar cerca dela.