Baixo os eucaliptos
21 Maio 2007
Destes días de descanso na Illa quedan atrás os largos pateos ata a praia, o esperar polo primeiro barco que trae o pan do continente, a tranquilidade dos poucos que quedamos despois de marchar o último barco, a ausencia de ruidos, a abundancia de estrelas na noite, as contadas horas de luz eléctrica, os pequenos almorzos de café e mais polbo e as clavadas que segue a meter a vella da tenda: un litro de leite, dúas mazás e un libriño, todo a 1€ a unidade.
Pero non foi ata o regreso a terra que nos decatamos da tranquilidade extraordinaria que gozaramos, xa que ao desembarcar no peirao foron unha chea de cartazes sorrintes os aparecían por todas partes amosando o mellor da súa dentamia para pediren o noso voto, e por se non chegase con ocupar farolas, valados, obras en construcción, locais abandoados, cruzamos con dúas furgonetas que a través dos altofalantes ían pedindo o voto para os parecidos candidatos sorrintes que levaban pegados nos seus laterais.
E é que non creo que estea entre as prioridades dos habitantes da illa, pero entre as vantaxes do atraso, a maior é que por non haber, nin hai mitins, nin papeis pisados polo chan coas facianas dos candidatos, nin hinos barateiros soando nos enormes altofalantes das furgonetas de candidatos sorrintes a pedir o voto como quen anuncia a sesión do circo ou o partido de futbol do equipo local.
O que si chega é a cobertura gsm, e porén a gprs, e así soubemos aló do grande sucesso do Projecto Mourente na salanasa no seu primeiro concerto ao vivo, e foi así que baixo os eucalitos, camiño da praia, opedro agasallounos coas súas músicas, que non fun quen de rexistrar ata que, con cámara en man, o pillei nun renuncio mentres andaba a xogar no foxo que fixeramos.
Entre os sons das ondas e mais o vento, queda claro cal é a favorita de opedro de todas elas pois ben se ve que no coche, camiño da gardería, agardo o día que se esqueza de dicir:
papá! a dos caranguexos
Mentres canta, penso que quizais opedro vexa algo parecido.
Obxetos desaparecidos
9 Outubro 2006
Nestes días de descanso, a prensa local falaba de trapos. Da bandeira que o clon do Aznar, incluso na súa soberbia, colocou en Las Palmas; 300 metros cadrados de bandeira de Gran Canaria nun mastro de 50 metros de altura a cambio de 360.000 euros que fan que as bandeiras de pacovazquez e mais federicotrillo sexan un lixo.
Cando a prensa se facía eco polo interés do su viciño en Tenerife, o candidato do PP, que pretende poñer a bandeira tinerfeña nun mastro de 51 metros por aquilo de poder dicir que el a ten máis grande,… o trapo grancanario desaparecía.

Xa diante dun monitor de seu, coas súas quince polegadas, lembrando o ben que se estaba na praia, veño de atopar unha ferramenta para obxetos perdidos. Non ha valer para bandeiras pero é unha extensión do máis recomendable para o firefox, Resurrect pages, que só cun click ofrece a opción de consultar unha páxina en distintas cachés da internet, incluindo Coral ademáis das cachés de google, yahoo ou msn, cando a páxina ben non aparece ou o seu contido nótase modificado. Unha boa ferramenta para paranoicos e espeleólogos da rede.
A Engraçada
5 Outubro 2006
Desde a terraza escoitase o trio formado por teclado, guitarra e moza cachonda con maracas. Herdeiros da peor tradición alemá, saben de todas as baladas que falan sobre o sol en Barbuda, dunha rapaza que marchou de Baviera para as Maldivas e dunha, ao parecer coñecida por todos (os alemáns), Laguna Romantica.
Finalizan as cancións cun Gracias, Thank you, Danke schoen.
Pechan o día cunha traición ao My way do Sinatra, un día no que demos, por fin, por visitada a illa de La Graciosa, que ven sendo como a illa de Ons pero en grande, deserta e con moito calor.
Escollemos mal o día para a visita, un forte vento impediunos gozar das súas mellores praias e, refuxiados na praia da vila (e opedro e eu sen bañadores), onde o exército español amenizou a sobremesa coa pasada de cazas de combate que seica andan de maniobras por estas terras coa súa contaminación sonora ás costas.
Logo foi o estado do mar o que puxo a mamá en apuros a base de pantocazos que logo facían descer o barco un par de metros, e mentres mamá tentaba equilibrarse, opedro ía feliz coa vida e mais coas ondas, que el está no paraiso. Todo o día a xogar, comer e durmir.
E como en Ons teñen polbo, en La Graciosa, é un peixe que acó chaman la vieja, que ten nome galego de seu (e que non lembro). Agora quédame unha dúbida sobre a illa que terei que respostar. O seu equipo de futbol será A Engraçada?
Out of range
1 Outubro 2006
Sin servicio é o que pon o teléfono. Iso vén sendo que non hai cobertura móvil de operador ningún, nin para facer chamadas ao 112.
Iso é na praia. Aquí, no hotel a cousa cambia. Agora, exilado na terraza por mor da calor, recibo unha chamada na mesma língua que usaban tres dos camareiros que nos atenderon. Dinme que apenas parou de chover e están tentados a acender a calefacción.
Aínda non nos rematou o verán, estamos a gozar do que a natureza lle deu a esta illa, alongando este tempo o máis que podemos, e xa me tarda o próximo verán.
Mañá, outro día sen cobertura.
Must have more
27 Setembro 2006
Nacido para protexer obxetos inanimados, acabou reducindo o stress e aliviando tensións nalgún momento das nosas vidas.

Falta a sensación do estourar nos dedos, pero pola proba non hai que pagar, así que fagan como na vida real, aproveiten para desconectar. Aquí é.
Un pouco máis aló, anque tamén azul e máis quentiño, é o atlántico onde imos desconectar nós. Hoxe chamou o M desde o choio e, sabendo como sabe en que praias paramos, preguntou.
Non nos colle de novo, así que predigo que os máis dos días andaremos por acó, sen cobertura de ningunha clase, e, aproveitando a baixamar, algún día habemos de ir acolá, para xogar coas ondas.
Opedriño tuse no seu cuarto, é a segunda vez… non podo evitar pensar en ter que quedar. Vou desconectar.
Nice background
20 Agosto 2006
A pesares de que os novos viciños están a afogar o son das ondas a base de Amaral e o acordar está máis próximo, estase ben aquí.
Conxuguemos, eu son feliz, ela é feliz e el é máis feliz, se cadra. E mañá, antes de cambiar o fondo, temos outra sesión de praia.
E agora pasa un avión por entre a miña leira de estrelas cara o sur metres soa o Bisbal quizais?
Time out
15 Agosto 2006
Disque coa choiva notarei a falta de wifi, ou do umts.
Pero polo de agora xa levamos catro días na praia case incomunicados e só se ve algún barco fondeado e o sol marchando por atrás das nuves que entran desde o Atlántico, e que nos tapan as vistas das perseidas como as de onte e antes de onte.
Menos mal que me queda o gprs e opedrinho durme.