Un bar en Fisterra, na televisión está a piques de comezar o futbol e, ao fondo, xa se oe o chunda chunda de España; apúntolle ao meu interlocutor que xa me é tarde pero, antes de despedirme, vén un home falando español a saudar e intercambiar unhas palabras de cortesía con el.

fondeados en Fisterra

Cando marcha o forasteiro, dime que é da competencia e mais viciño meu, malia dubidalo pola súa fala:

-Ha ser inmigrante, fala demasiado ben o castellano para ser do País

A rir dígolle que non o coñezo e despídome dicíndolle que goce do futbol e que gane o mellor, ao que con cara de sorpresa comenta:

-Eló? ti de que país es? que gane España, non somos españoles?

Agora tamén cavilo en enviar un escrito á RAG solicitando a pertinencia ortográfica de País para denominar o noso País.

Tres traballos publicados, dúas mulleres e un mesmo apelido, e onte era a primeira vez que as viamos en directo a Cocorosie; nas súas dúas últimas visitas o noso cativo fora a excusa que nos impedira ir velas e, desta vez, nada o ía impedir.

Chegados ao Pazo da Cultura, o primeiro foi topar co L, involucrado na organización e sorprendido con que venderan as máis de 700 entradas; o seu comentario irónico foi o de isto é Pontevedra, e moi desencamiñado non ía, pois hoxe non fun quen de atopar ningunha liña nas follas parroquiais locais facendo referencia ao evento.

cocorosie

Sentados case ao pé do escenario e baixo o espectro visible daquela luz ultravioleta que apenas deixaba adiviñar os aparellos que había nel, non tardou nadiña en aparecer Rio en Medio, que xa me gañara á súa causa co pouco que tiña escoitado dela nesta semana pasada, pero que en directo non acabou por convencerme a pesares dos seus prometedores e recomendables Tiger’s ear e Let’s groove.

Logo apuntouse á festa o Quinn Walker, do que non sabía absolutamente nada, pero que coa súa voz enorme, a súa guitarra e mais os aparellos que arrastrou ao escenario deixou un moi bo regusto nos meus oidos que confirmaría máis tarde cando acompañou, tamén con Rio en Medio, ás irmás Casady no escenario.

E despois dun descansiño xusto para engadirlle uns aditivos ao tabaco que nos mantivesen naquel estado de gloria entraron a Bianca (Coco) e mais a Sierra (Rosie) a comezar co que remataría nun concerto impresionante no que foron quen de levarnos ao seu mundo, no que din que God has a voice, and she speaks throgh me. Unha experiencia a lembrar, onde o directo deixa as súas grabacións a anos luz, con sons oníricos e perversos, ruidos de xoguete e voces próximas á perfección; e acompañadas por un baterista, espera, que non tiñan batería nin caixa de ritmos nin nada parecido, senon que era TEZ, un crack que, cando o deixaron só deu unha auténtica exhibición de beatboxing, cuns ritmos e uns sons que parecía increible que puidesen sair polo seus fociños e cos que conseguiu meter aos espectadores no peto.

Despois dun par de bises, unha hora e media de concerto quedara atrás e marchabamos para a nosa casa coa sensación de presenciar algo único, encantadísimos e felices de termos comprado os billetes para a fila 4 cando Bianca pediu que nos puxesemos en pe para acompañalas no fin de festa.

Actualización: a información do Diario de Pontevedra na súa edición en papel, Como dos gatas maullando en plan Billie Holiday.

Férias galegas

26 Marzo 2008

Foron moitos quilómetros polas autoestradas do Atlántico e mais do Atlântico ata chegar ao cabo de São Vicente. Atrás quedaron os momentos de descanso, os paseos pola praia, o dicir que non somos castelhanos, o pasamento de John Balan, as evolucións de opedro no bambán e a tranquilidade.

De volta ao rebumbio aínda dou en botarlle un ollo á última anotación dos planos da Baedeker ao fio do apuntamento de dot no que comenta a curiosidade de ver o plano de Barcelona sen a Vía Laietana ou o de Madrid se a Gran Vía.

Así, vendo os planos do Porto e mais de Lisboa, chamou a miña atención o de Lisboa e arredores, no que non aparece aínda ponte ningunha sobre o rio Tejo, pero máis curioso aínda foi a existencia dun lugar en Estoril chamado Galiza, Galliza no mapa, que ata ten a súa escolinha de rugby da Galiza, e a aparición dunha Aldea Gallega na outra beira do rio, cousa que para un galego sempre chama a atención e dá lugar a especulacións sobre a súa orixe.

arredores de Lisboa en 1901

Desde a publicación deste plano en 1901 ata os nosos días moito cambiou, tanto que ata lle cambiaron o nome á vila que pasou de ser a Vila de Aldeia Galega ou Aldegalega do
Ribatejo a chamarse, a partires de 1930, Montijo. Sobre a súa orixe non atopei grande cousa, apenas que foi considerada como a terra máis republicana de Portugal e pouco máis na Corografia Portugueza, na que se menciona que a vila tomou o nome dunha muller chamada Alda a Galega, por ser oriunda das partes da Galiza, e que o nome ficou como Aldagalega de Ribatejo por diferenciarse da veciña vila de Aldeia Galega da Merceana.

Quizais con algo máis de tempo daba para ter algunha información máis sobre a súa orixe, agora estamos de volta no choio.

Arnaoutchot

24 Agosto 2007

Ao tempo que tento voltar á normalidade dixital, despois desta cura de inforxicación na que o único acceso ao mundo exterior foron as noticias que chegaban de RNE e da Cadena Ser a través da OM e dun par de xornais; á vista de case 6.000 posts que o bloglines me di que teño a espera de lectura, só podo pensar que foi bonito mentres durou.

Dos días que botamos aló, ningunha queixa, nin polo tempo, só un par de detalles, que a conexión a internet, ademáis de ser cara (8€/1h. ou 15€ para dúas horas), a súa cobertura chegaba só uns metros fóra da recepción, así que o portátil só estivo no bungalow reproducindo capítulos de Weeds e a Dumbo… e que para ter sabas de algodón custounos un bo traballiño, xa que cando as fomos reclamar non había ninguén na recepción que entendese o de cotton sheets nin o de Bettlaken aus Baumwolle, nin moito menos, sábanas de algodón, para, ao fin, ter que alugalas, ao prezo de 10€ a semana para durmir sobre algo mellor que unhas sabas de papel para desbotar.

Malia iso, foi que tanto nos prestou, alí, no centro da nada e a uns 12km da civilización máis próxima, que a única visita que tiñamos prevista, ás, disque, dunas máis altas de Europa, as dunas do Pyla, para logo ir tomarlle algo, quedou para outra ocasión.

Deixando o par de detalles comentados, o camping non podemos menos que recomendalo, xa que desde a equipación do bungalow ata a limpeza dos milleiros de metros cadrados que ocupa, pasando pola organización de actividades, só en francés e neerlandés, ou das súas piscinas, parques de xogos, locais de restauración (caros, iso si), supermercado ben fornecido, tranquilidade e mais unha marabillosa praia chea de ondas dun bravo océano e, para quen o precise, sen cobertura de ningún operador móbil…

O que si nos chamou a atención foi a obrigatoriedade do nudismo na piscina e o celo do vixiante no cumprimento do seu traballo for quen for o da toalla á cintura ou a do tanga ridículo, así como a discrecionalidade no resto das instalacións, recepción, restaurantes e supermercado incluidos, lugares nos que noutros campings si que hai que acceder vestidos. Con todo, desde a praia ás piscinas, o ambiente é moi familiar, non sei se será no mesmo sentido que lle dan os de haztelomirar, e estivemos rodeados de parellas co seu bebé e mais a avóa, familias clásicas cunha maior ou menor recua de fillos, grupos de amigos, ou o noso viciño venezolano que todas as noites saía fóra co telemóvel para contarlle a alguén que fora pasar uns días a unha casiña que alugaran uns amigos do seu mozo e que o luns regresaba a París, e mais de xente nova xogando por todas partes, aos que pola tardiña se unía opedro, que xa soubo o que é ter problema de comunicación, malia que ao final os picariños descobren que para andar as carreiras calquera xesto chega.

apanpanado co dumbo

E cando opedro xa andaba co bonjour e co au revoir no bico, mamá xa lera o cargamento de libros que levaba e eu a piques de apuntarme a unha pachanga de rugby praia, foi hora de voltar e, de súpeto, o bloglines xa marcaba 0 posts por ler.

Boa viaxe

10 Agosto 2007

Ou Vuen biage, se se prefere, en castelhano, pois coma se non chegase co milleiro longo de quilómetros que rodei pola ghalleira adiante esta semana, como di o outro, mañá… sete cuncas ata acó.

asfalto.jpg

E malia ir acompañados de sete aparellos co bluetooth, pois nin o roaming de datos, a uns 900€ a baixada de 100MB, nin as prepago francesas, conformándose cuns poucos euros menos, son opcións a valorar, e así que se esvaeza a cobertura de vomistar e dubidando que aló haxa wifi, … voltaremos ao século XX.

E este blo nin queda en automático nin en reposo, nin con entradas programadas… isto é un blo e os blos non descansan, e onde non chega internet, non chega el, nin el, nin el, así que síntanse libres de comentar, insultar, ou spamear aquí, que o amo non está.

Por certo, se andan por na noite do venres para o sábado, denme leria, e agarden por un safe and sound antes de que se acabe o azul do mar, será bo sinal.

Vacalouras

5 Xullo 2007

Disque están protexidas pola lexislación europea debido ao perigo de extinción que as ameaza por mor da desaparición dos seus hábitats, pero por estas alturas de ano e contra a tardiña, e coma todos os anos na casa dos meus pais, hai que andar con ollo para non esmagalas con só dar un paseo polo xardín e cometer un xenocidio.

Así, mentres o avó contaba como de cativo as collían para atarlles un fío e facer voar aos machos a xeito de papaventos, estivemos observando como un grupo delas andaban por entre a froita que apodrecía no chan e, non moi lonxe de alí e ao redor dunha femia, un macho e mais un machiño comezaban unha loita na que non soubemos se o seu obxetivo era o zume das froitas ou a femia que facía coma se non fose con ela. Para cando din chegado coa cámara o machiño xa marchaba por patas.

action vacalouras

Logo soubemos que o obxeto da loita era a femia, e botando man da galipedia tamén soubemos que, disque, outro dos motivos da súa desaparición é a caza para a súa venta, polos prezos aos que se cotizan, prezos que nos pareceron un pouco esaxerados. Digo eu que parecen confundir dólares con pesetas ou… hai algún entomólogo na sala?

A colonia

7 Xuño 2007

Cos grados que perdera polo camiño e a nortada que sopraba xa non tiña sentido andar á procura da praia, e por aló, entre canastros e a uns centos de metros de onde se supón debería estar a praia, din cunha comunidade ben curiosa.

abelleiro nacionalista?

Un abelleiro diferente, único, cos seus secretos e os seus símbolos, pero unha colonia ao fin.