Nakedness
3 Xullo 2007
Se a estas alturas de ano estamos normalmente cheos de ir poñer o cu ao sol, parece que este ano temos que andar a aproveitar as raiolas que van saindo por entre as nubes para poñermos en bolas sen temer unha pulmonía, e foi así que o venres estabamos aproveitando o último sol que se viu polas terras do Morrazo. Veu conosco aeva, que é a responsable de opedro cando a súa nai ou eu non podemos selo por mor das obrigas laborais. Malia a saber que iamos a unha praia nudista nin dixo nada nin nada nós lle dixemos, e cando, xa na praia, ía comentarlle que podía estar como ela quixese, ela xa estaba baixando as bragas tal e como faría na ducha da súa casa, facéndonos a competencia a opedro e mais a min por ver quen era o primeiro en quedar libre de farrapos.

E aínda que ao comezo podo crer que pareza estraño o estar espido con alguén coñecido, non leva dez minutos que sexa a maior das naturalidades do mundo, amosándonos tal coma somos, e así, entre xogos e conversas fomos quen de aproveitar a tarde case que ata o solpor. Logo comezou un fin de semana chuviñento e sen paraxe, no que houbo furancho, viño tinto, churrasco, ducha ás tantas da noite, choio de sábado á mañá, autoestrada a baiona, casa dos avós, bambán, carreiras, vacalouras, regreso, volta a deixarme ver na noite, cervexas, herbas aromáticas, rencontros, caciquecolas, aceites aromáticos, caciquecolas, piloto automático, espertar con dor de cabeza, resaca quinindiós, café, café, café, autoestrada a curuña, casa de la yaya, papar, siesta con opedro, cochiños do xardín, carreiras, autoestrada, casa, e de súpeto, ao espertar, era luns de novo…
…e alá foi o luns.
Ostalgisch
4 Agosto 2006
Algunha vez lera de que fora ao redor de 1960 cando comezaron, no que daquela era Iugoslavia, a abrir os primeiros campings nudistas. Os mais deles estaban en Istria e Dalmacia, en Croacia, e só un estaba en Montenegro, en Ulcinj, o Ada Bojana.
E precisamente ese foi o obxeto da miña curiosidade. Funcionando ata 1990, era un dos centros naturistas máis sobranceiros de Europa, con milleiros de visitantes todos os anos. Coa guerra nos Balcáns permaneceu pechado ata o ano 2002, en que algunhas das instalacións foron reparadas e outras quedaron abandoadas ao estaren en malas condicións ou por non teren servizos, hoxe, esenciais, nomeadamente duchas e cuartos de baño nos apartamentos.
Coa mente cavilando en ir pasar uns días aló, ilusióname o ter que ir aló a través do aeroporto de Podgorica, a anteriormente coñecida como Titogrado, pero o prezo e a duración da viaxe bótannos para atrás, pero aínda así sigo sachando por ver que atopo. Conforme as opinións de quen foi aló, o camping non ten nada que ver con eses resorts onde van as parellas en lúa de mel, nin pulseriñas con todo incluido, nin buffets, nin piscinas, nin excursións en quad, nin en barco,… incluso hai quen se queixa de que a pesares de non precisar luxo ningún, agardaba atopar unhas instalacións máis coidadas e auga quente polo menos.

Navegando por páxinas que aínda teñen o .yu cando debesen ser .cg por mor da independencia do país en xuño deste ano, dou, por fin, coas fotos, de entre elas, choco coa das vacas na praia, as casas abandoadas, o parque a monte, e cunha páxina rusa que amosa en todo o seu esplendor todo ese aire decadente que cheira a Ostalgie, esa morriña polo que había atrás do telón de aceiro.
Para quen queira ir dar unha ollada e contar despois, parece o destino perfecto para desconectar do mundo nun complexo naturista que aínda hoxe amosa o mellor da industria turística promovida polo titoismo das repúblicas socialistas federais da Iugoslavia. Xa me contarán, nós seguimos buscando.
Combustión
26 Xullo 2006
Descobertas as claves da adicción, resulta que o problema podería estar no papel.

E mentres agardo pista para aterrar, penso en contar das excelencias do ocb premium, pero agardo paralisado diante do teclado a pensar nos castelos de area, os pozos na area, os tuneis na area, as bolas de area, as carreiras na area,… A auga, que non chegue aos xeonllos, el axuda coa area e iso dá moitas risas,…
Agora un rico aroma invade o aire, outro día falarei de abadie. Sigo agardando.
Cambio nos plans
9 Xullo 2006
A idea que se viña cocendo na cabeza durante a semana era pasar o día na illa, tomarlle un polbo á feira cheiño de pementa e botar a soneca e mais xogar nunha das praias máis lindas e salvaxes do noso mar.

Co cambio, trocamos o barco polo coche, o polbo polas navallas, e a praia, por outra en Mera que atrae moita xente. Debe ser polos seus charutos espichados na area, os rondos de homes feitos e dereitos xogando á bola e as súas mozas cos seus lindos bikinis mais os miróns, con bañador meyba, á procura dese entreteto que os provoca.

Non che me gustan nadiña as praias con bandeira azul ou similar, aínda que á vista das fotos seica tampouco che me gusta nada o ladrillo.
Semana quilométrica
2 Xullo 2006
Non repetín resposta. Tantas veces me preguntaron por onde andaba e tantas outras daba unha contestación distinta.
Tiro de neuronios e lembro, Baiona, Vigo, Marín, Rianxo, Ribeira, Baroña, Portosín, Noia, Santiago, Fisterra, Coruña, Mondoñedo e Burela, que dan para facer unha rota digna do que ben podería ser un promotor inmobiliario á procura de concellos adeptos ata un chofer dun camión do peixe coa súa pegata do Pensando en ti.
Tal e como fai o F.Míguez, apunto tres cousas por mor de non esquecer para outra semana destas,
A N643 desde o aeroporto cara a A6 está a converterse nun auténtico perigo; tanto como que mentres non arranxen o seu firme prefiro pagar a peaxe e ir dar unha volta a Galiza a aforrar tempo, cartos e quilómetros, todo iso por non arriscar a vida e torturar ao coche como os que van camiño do cárcere de Teixeiro aos tombos.
En Baroña, a súa praia dá un lindo lugar para botar unha soneca á beira do mar, sobre todo, os días do cotío, cando apenas hai xente e aínda menos textiles.

Por certo, xa amañaron os anuncios do que agarda ao final do camiño. Así está mellor, sen bañador; os tempos de prohibir quedaron atrás. As correccións feitas aos graffitis pódense ver aquí.
E a derradeira anotación desta xeira é a dunha Fisterra chea de turistas, na que o ladrillo semella ir soterrando aos nativos. Facendo víveres nunha das miñas operación retorno, houbo un momento no que os meus neuronios só decodificaban sons en holandés e en inglés. Menos mal que alí estaban os tigretóns e mais os panterasrosas para devolverme á realidade. Ben, eles e a caixeira a reclamarme os seus seti euros.
Hoxe apenas me movín… e moito menos, en coche.
Bebedeira de libros
12 Xuño 2006
Na praia, mentres recuperaba o corpo da festa, a mente cavilaba no que falaramos entre copa e copa. Así, onte á noite case que estabamos os de sempre, aínda que o decorado, despois de tanto tempo sen saír, estaba cambiado.
Con apenas dúas cervexas bebidas, comezamos cos destilados e, nesas, parecía que el saira apenas para falar do seu libro, que vén de sair do prelo. Falamos dos libros, dos premios, de blogueiros, do pouco relevante que é a blogosfera e do aínda menos relevante que é o blogmillo fóra da rede.

Lembro que durante a noite falouse deses comprimidos que prometen evitar a resaca, pero, seica que para que funcionen, hai que tomarlle un par deles coa primeira copa e outros tres coa derradeira… e logo, xa non puidemos darlle remate á conversa nin botar conclusións. O alcol xa tomara posesión primeiro da súa língua e, despois, dos seus neuronios. Como comentaramos, el e outros tantos coma el, teñen un problema, saben cal é a primeira copa pero non saben, non lembran ou non teñen consciencia de cal é a derradeira, e así, non che hai pílula que poida ser efectiva.

De volta ao mundo real, aínda na praia e a falta de xornal, púxenme ao día do que se cocera na rede nestes días de ausencia. Cun blackberry prestado por un pater familias, o gprs traíame novas do bloglines que eu ía cuspíndolles. Nun momento technorati, comentei o blogueado que ía ser o dos premios Xerais. Só unha persoa parecía escoitarme, anque apenas para preguntarme se se falaba algo do partido do Pontevedra, da carreira de F1 ou do Roland Garros.
Dinlle cumprida resposta ás súas preguntas, apaguei o aparello e libre de ligazóns co mundo real mergulleime no atlántico, aquilo si que era real.
moin moin
17 Abril 2006
Comezamos as vacacións de Pascua co primeiro, e polo de agora único, día de praia do ano. Foi tal e como lembramos o do ano pasado, con opedro facendo cumprir a lei de costas; isto é, que os vintetantos castelos de area que construían os seus pais viñan sendo derrubados polo pequecho sen dar sequera opcións a alegacións pola nosa banda.

A auga, nin tocala, fría de máis para uns pes afeitos aos 37C dunha bañeira á que lle ten tomada a medida, así que o resto do serán estivemos a repartir bicos e conversacións pola conxestinada pouca area que deixaba a enchenta das mareas vivas destes días.
Os cus brancos e mais a area que non levamos da praia quedaron queimándose atrás nosa cando o sol estaba aínda por riba das nosas cabezas, pois opedro deu en amosar o malestar que o acompañou o resto dos días e que, aínda hoxe, fixo que quedase en casa sen ir á gardería.
E así pasamos o resto duns días que deberían ter sido dun descanso que desapareceu do noso diccionario, aproveitando as súas sonecas para botar as nosas e agochándolle as tentacións que, en forma de comida, farían que as súas cagadas fosen aínda menos pastosas. Así, o pan levouno un rato, a froita, agás a mazás, tamén, o leite, outro tanto,…
Co domingo chegou o día en que os fornos de medio país non dan feito a cocer tanta rosca, no que o seu padriño lle trouxo un agasallo e mais o roscón, da que seica non son o único que a ten polo melloriño que hai na terra, cunha mistura de fariñas e ovos que a fai única e, ano tras ano, na estrada de Camos, agora chamada rúa dos Pazos, ou no seu despacho a carón da Casa do Concello de Nigrán, congregan a ringleiras de devotos que xa quererían para si moitas das procesións de fanáticos que saen ás rúas nestes días.
A semana rematou con opedro pedindo pan por rosca, e non puidemos máis que dicirlle que a comeu todiña un rato, amosando o seu disgusto cun oooohh! …Cu, cu! dándonos a dicir que cando colla a ese rato diante vaille dar no cu.