Galiza tropical

12 Febreiro 2008

Nada, nin fedellando na caixa de búsqueda de aí enriba nin forzando os neuronios podo lembrar ter ido á praia nesta altura do mes de febreiro, mais aló estabamos onte coma se fose o máis normal.

Despois de achegarnos no sábado, sentir as condicións óptimas e comprobado o pronóstico, o domingo estabamos no areal de Viñó, que había de minguar como nunca tiña visto por mor dunha das marés máis cheas do ano.

Xa pode vir a chover outra vez, valeu como unha desconexión temporal do inverno e os seus horarios, da chuva, do frío e mais do vento. Era a primeira vez que tocaba decidir se ir á praia ou ao entroido, coma supoño que farán no Brasil, e non aquí, onde nunca se me presentara esa opción.

area da praia

E ata, como nas mellores alturas do verán, viñeron avisarnos de que había un pajillero por entre os piñeiros. Así como cho digo, cun chandal azul.

Oito praias (nudistas)

3 Novembro 2007

A encarga de Calidonia é a do último meme a andar pola rede, quizais un dos menos imaxinativos á hora de poñerlle un nome, o meme das oito cousas. Seica vai así,

-Oito cousas a listar, as que sexan.
-Escribir esas 8 cousas no blogue e explicar como vai o meme.
-Seleccionar a 8 persoas para que o sigan e poñelos no blogue.
-Deixar un comentario no blogue conforme foron convidados a xogar e facendo referencia ao propio -post “O meme das 8 cousas”

Así que vou aproveitar o meme para facer unha anotación de servizo público e deixar aquí unha listaxe de oito praias galegas, todas elas de tradición nudista, que adoitamos visitar e nas que non sería difícil toparse connosco calquera día de calor.

  1. Arealonga, tamén coñecida por ser a de Baroña.
  2. Viñó, pegadiña á de Barra e onde chega moita xente pensado estar en Barra.
  3. Barra, quizais a praia nudista máis coñecida fóra de Galiza.
  4. Figueiras, coñecina como a dos Alemáns, nas illas Cíes.
  5. Carreirón, calquera praíña da banda oeste do parque do Carreirón da illa de Arousa.
  6. Combouzas, tamén coñecida por Barrañán, á que se une coa maré baixa.
  7. Fortiñón, ou a dos Muíños, malia ser coñecida como a de Saiáns.
  8. Melide, na illa de Ons.

Colocadas sen ningún orde establecido, de ter que ordealas faríao segundo fose a distancia máis longa a percorrer desde a praia para atopar un coche estacionado. Hai máis praias nudistas que estas, pero na encarga deixan claro que só queren oito cousas, como oito deben ser os convidados condenados a seguir co meme.

E tamén ao chou saen Spav, Desorde, Marialado, Sonia, Cossimo, Dot, Nuno e mais o Boss.

Arnaoutchot

24 Agosto 2007

Ao tempo que tento voltar á normalidade dixital, despois desta cura de inforxicación na que o único acceso ao mundo exterior foron as noticias que chegaban de RNE e da Cadena Ser a través da OM e dun par de xornais; á vista de case 6.000 posts que o bloglines me di que teño a espera de lectura, só podo pensar que foi bonito mentres durou.

Dos días que botamos aló, ningunha queixa, nin polo tempo, só un par de detalles, que a conexión a internet, ademáis de ser cara (8€/1h. ou 15€ para dúas horas), a súa cobertura chegaba só uns metros fóra da recepción, así que o portátil só estivo no bungalow reproducindo capítulos de Weeds e a Dumbo… e que para ter sabas de algodón custounos un bo traballiño, xa que cando as fomos reclamar non había ninguén na recepción que entendese o de cotton sheets nin o de Bettlaken aus Baumwolle, nin moito menos, sábanas de algodón, para, ao fin, ter que alugalas, ao prezo de 10€ a semana para durmir sobre algo mellor que unhas sabas de papel para desbotar.

Malia iso, foi que tanto nos prestou, alí, no centro da nada e a uns 12km da civilización máis próxima, que a única visita que tiñamos prevista, ás, disque, dunas máis altas de Europa, as dunas do Pyla, para logo ir tomarlle algo, quedou para outra ocasión.

Deixando o par de detalles comentados, o camping non podemos menos que recomendalo, xa que desde a equipación do bungalow ata a limpeza dos milleiros de metros cadrados que ocupa, pasando pola organización de actividades, só en francés e neerlandés, ou das súas piscinas, parques de xogos, locais de restauración (caros, iso si), supermercado ben fornecido, tranquilidade e mais unha marabillosa praia chea de ondas dun bravo océano e, para quen o precise, sen cobertura de ningún operador móbil…

O que si nos chamou a atención foi a obrigatoriedade do nudismo na piscina e o celo do vixiante no cumprimento do seu traballo for quen for o da toalla á cintura ou a do tanga ridículo, así como a discrecionalidade no resto das instalacións, recepción, restaurantes e supermercado incluidos, lugares nos que noutros campings si que hai que acceder vestidos. Con todo, desde a praia ás piscinas, o ambiente é moi familiar, non sei se será no mesmo sentido que lle dan os de haztelomirar, e estivemos rodeados de parellas co seu bebé e mais a avóa, familias clásicas cunha maior ou menor recua de fillos, grupos de amigos, ou o noso viciño venezolano que todas as noites saía fóra co telemóvel para contarlle a alguén que fora pasar uns días a unha casiña que alugaran uns amigos do seu mozo e que o luns regresaba a París, e mais de xente nova xogando por todas partes, aos que pola tardiña se unía opedro, que xa soubo o que é ter problema de comunicación, malia que ao final os picariños descobren que para andar as carreiras calquera xesto chega.

apanpanado co dumbo

E cando opedro xa andaba co bonjour e co au revoir no bico, mamá xa lera o cargamento de libros que levaba e eu a piques de apuntarme a unha pachanga de rugby praia, foi hora de voltar e, de súpeto, o bloglines xa marcaba 0 posts por ler.

Nus in Frankrijk

30 Xullo 2007

Vimos de confirmar hoxe mesmo que a tunda, que imos levar este verán, vai ser duns oitocentos quilómetros, que é a distancia que hai desde acó ata un pobo das Landas, paraiso para os surfeiros e non tanto para os parrulos, coñecido polo seu camping naturista, que é o que nos leva aló.

Calvin, coma Hobbes

Despois de estar barallando diferentes posibilidades de viaxe e, antes de ter que quedar na casa, decidímonos, e á volta dun correo xa nos estaban a chamar ao telemóvel para confirmarnos que a reserva ía avante, pedirnos o número da visa, e lembrarnos que precisariamos dun carné da FNI, para o que teremos que renovar por terceira vez a nosa carte FFN, coma xa fixeramos noutras visitas.

Outra das curiosidades que relatou, ao teléfono e en inglés, foi que as linguas oficiais no centro son o francés e o neerlandés, que non está de máis lembrar para todos aqueles que nos intentan convencer da superioridade dunhas linguas sobre outras baseándose en número de falantes, facendo pouco útil aquilo de que non é o mesmo unha que permita facelo con tres millóns de persoas que outra que serve para falar con 400 millóns, pois desta, e dado o noso recoñecido analfabetismo en francés fóra das similitudes coa nosa lingua, vai ser máis práctico coñecer unha lingua falada por apenas vintedous millóns de persoas e que, como di un colega que sabe do que fala, sabendo inglés e alemán, o neerlandés é pataca minuta.

E para os que non lles vai o do nudismo e si a fotografía, dicir que este centro é tamén coñecido por unha das fotografías de Yann Arthus-Bertrand, un francés recoñecido polos seus traballos e os seus proxectos, segundo as súas propias palabras, testemuñando a través da fotografía que o noso planeta é arte,

Arnaoutchot

como esta tirada no camping no que andaremos nuns días e roubada de aquí, a Terra desde arriba

Harmonía

11 Xullo 2007

Non lembro como era aquilo, cando neno, de andar espido todo o día ignorando ao resto do mundo sen deixar de xogar e de rir. De seguro que ninguén, ou moi poucos, o lembran, pero terán visto a nenos facéndoo sen que a ninguén lle importe nin, moito menos, que alguén lles diga que se teñen que vestir.

Polo que me contan, o primeiro que facía ao chegar á praia era quitar toda a roupa quedando tal e coma nacera, e así foi ata que chegou a pubertade, cando me unín ao grupo consumidor da moda primavera-verano do corteinglés. Naquela mesma praia lembro que non todo era bañador, sempre había quen nas rochas ou na praia que hai ao carón, ou por mor das mareas vivas na preamar, viña para o areal a gozar do sol e mais do mar en bolas.

Praia dos Muíños de Fortiñón

E así foi como se compartía o mesmo areal entre os que estabamos na banda dos textiles e os da banda dos nudistas sen que lembre ningún enfrontamento polo feito estar nu ou vestido. Cambiei de praias e, co tempo, aquel tabú foi desaparecendo da miña cabeza. Anos máis tarde volvía á praia da miña nenez, aínda que xa sempre me poría na banda dos espidos.

Todo isto vén a conto de que onte, esa praia, era mencionada na prensa escrita como exemplo do que debesen ser as praias, un exemplo de convivencia entre nudistas e textiles, na que ninguén impón nada a ninguén e cadaquén vai como lle peta.

Por certo, este próximo domingo, convocados polo Club Català de Naturisme é a data escollida para reivindicar a tolerancia social cara ao espido en todas as praias, promovendo, así, a convivencia entre as diferentes opcións de tomar o sol e a definitiva normalización do espido en todas as praias.

roupa fóra

Participar no día sen bañadores é tan fácil como acudir o domingo 15 de xullo sen bañador a unha praia na normalmente non se practica nudismo e exercer a túa liberdade de tomar o sol espido, que este día se poida practicar o nudismo no máximo número de praias nun ambiente de tolerancia e respecto, para que o nudismo sexa unha opción máis, tal coma o é o bañador, o biquini, o topless ou o tanga.

Agardamos que o tempo acompañe.

Nakedness

3 Xullo 2007

Se a estas alturas de ano estamos normalmente cheos de ir poñer o cu ao sol, parece que este ano temos que andar a aproveitar as raiolas que van saindo por entre as nubes para poñermos en bolas sen temer unha pulmonía, e foi así que o venres estabamos aproveitando o último sol que se viu polas terras do Morrazo. Veu conosco aeva, que é a responsable de opedro cando a súa nai ou eu non podemos selo por mor das obrigas laborais. Malia a saber que iamos a unha praia nudista nin dixo nada nin nada nós lle dixemos, e cando, xa na praia, ía comentarlle que podía estar como ela quixese, ela xa estaba baixando as bragas tal e como faría na ducha da súa casa, facéndonos a competencia a opedro e mais a min por ver quen era o primeiro en quedar libre de farrapos.

espidos con naturalidade

E aínda que ao comezo podo crer que pareza estraño o estar espido con alguén coñecido, non leva dez minutos que sexa a maior das naturalidades do mundo, amosándonos tal coma somos, e así, entre xogos e conversas fomos quen de aproveitar a tarde case que ata o solpor. Logo comezou un fin de semana chuviñento e sen paraxe, no que houbo furancho, viño tinto, churrasco, ducha ás tantas da noite, choio de sábado á mañá, autoestrada a baiona, casa dos avós, bambán, carreiras, vacalouras, regreso, volta a deixarme ver na noite, cervexas, herbas aromáticas, rencontros, caciquecolas, aceites aromáticos, caciquecolas, piloto automático, espertar con dor de cabeza, resaca quinindiós, café, café, café, autoestrada a curuña, casa de la yaya, papar, siesta con opedro, cochiños do xardín, carreiras, autoestrada, casa, e de súpeto, ao espertar, era luns de novo…

…e alá foi o luns.

Ostalgisch

4 Agosto 2006

Algunha vez lera de que fora ao redor de 1960 cando comezaron, no que daquela era Iugoslavia, a abrir os primeiros campings nudistas. Os mais deles estaban en Istria e Dalmacia, en Croacia, e só un estaba en Montenegro, en Ulcinj, o Ada Bojana.

E precisamente ese foi o obxeto da miña curiosidade. Funcionando ata 1990, era un dos centros naturistas máis sobranceiros de Europa, con milleiros de visitantes todos os anos. Coa guerra nos Balcáns permaneceu pechado ata o ano 2002, en que algunhas das instalacións foron reparadas e outras quedaron abandoadas ao estaren en malas condicións ou por non teren servizos, hoxe, esenciais, nomeadamente duchas e cuartos de baño nos apartamentos.

Coa mente cavilando en ir pasar uns días aló, ilusióname o ter que ir aló a través do aeroporto de Podgorica, a anteriormente coñecida como Titogrado, pero o prezo e a duración da viaxe bótannos para atrás, pero aínda así sigo sachando por ver que atopo. Conforme as opinións de quen foi aló, o camping non ten nada que ver con eses resorts onde van as parellas en lúa de mel, nin pulseriñas con todo incluido, nin buffets, nin piscinas, nin excursións en quad, nin en barco,… incluso hai quen se queixa de que a pesares de non precisar luxo ningún, agardaba atopar unhas instalacións máis coidadas e auga quente polo menos.

Ada Bojana en Montenegro

Navegando por páxinas que aínda teñen o .yu cando debesen ser .cg por mor da independencia do país en xuño deste ano, dou, por fin, coas fotos, de entre elas, choco coa das vacas na praia, as casas abandoadas, o parque a monte, e cunha páxina rusa que amosa en todo o seu esplendor todo ese aire decadente que cheira a Ostalgie, esa morriña polo que había atrás do telón de aceiro.

Para quen queira ir dar unha ollada e contar despois, parece o destino perfecto para desconectar do mundo nun complexo naturista que aínda hoxe amosa o mellor da industria turística promovida polo titoismo das repúblicas socialistas federais da Iugoslavia. Xa me contarán, nós seguimos buscando.