Out 11 2006

Herr Ferreiro

Limpando caixiñas dou coa dun VW Passat con toda a carrocería pintada cos nomes dos traballadores que formaban a súa liña de montaxe.

A comezos dos noventa, a Volkswagen celebraba os números millonarios dos seus Golf e Passat dese xeito.

Traballadores da VW nun Passat

Lembro que xa non buscaba nada, o meu non estaba e as letras ían pasando pola retina. Pareceume ver un ferreiro, parei, e tireille unha foto xunto cos fernandes.

P.S. A foto foi tirada nun museu, e visto que non me vai roubar ancho de banda, o cacho que vai desde Feldmann a Fricke, aquí, con máis detalle, cos seus Fernandes e Fernández.


Ago 10 2006

Safe and sound

Cheguei san e salvo, nunca mellor dito. Coma ben apuntaba engalego no post anterior, e aínda que a orixe e mais o destino mudaran desde que o escribira, a base de quilómetros apréndese que o mellor camiño para ir a Bergantiños ou terras de Fisterra e Soneira é atravesando Negreira e collendo cara a estrada AC552 por unha AC441 á que tarderei en esquecerlle o nome.

Coa lúa oculta tras o fume, puxéronme fóra da autoestrada antes de poder chegar a Padrón. Atravesando Valga, as voces das campás co seu tanxir confirmaban a tensión que se vivía en ambas as dúas bandas da estrada e así fun, todo o camiño escapando do terror por L.A. ata chegar ás terras da Barcala, onde vin por primeira vez á lúa chea alumeando a estrada.

A AC441 estaba despexada e con apenas tránsito, e aproveitei para aumentar a velocidade media do traxecto. Antes de chegar a unha curva á dereita, no quilómetro dezasete, intúo outro coche nos reflexos do pretil. Baixo as luces e amodero, e en cuestión duns segundos evito rebentar un Citroën C15 suicida que invade o meu carril. Cando parei bastante mais adiante, vin outro coche que seica batera co suicida. Foi el o que deu a volta para perseguilo; eu chamei á casa de Navarro e continuei a miña rota e mais a súa demora acumulada.

Citroën C15

Non foi chegar e encher, así que aproveitei para estar un bo cacho de palique coa casualidade que levara a uns amigos a escoller a terra dos montellóns como destino turístico.

Na volta, dou cos de atestados de tráfico, que teñen retido ao conductor suicida aínda borracho. Ofrézome a prestar declaración e, ao pasar onda el, dígolle que se chega a vir alguén polo outro carril iría dereitiño contra el e xa non estaría sequera respirando. Diferenciábannos dúas toneladas. Disque cando chegaron os sicarios de Navarro, estaba a durmir no coche, espertáronno e o primeiro que fixo foi preguntar se estaba en Corcubión, a uns vinte quilómetros de distancia. Eu sigo sen comprender como alguén así se atreve a coller un volante…

Vaise atrasando a hora de chegar á cama, á que ao fin chego, e cando opedriño me fai acordar, na radio contan a outra noticia do día. El debía estar chegando aló e escoito: ataque, terroristas, avións, Heathrow,… collo o teléfono e non hai resposta, fago máis chamadas e ninguén sabe nada. Sigo tentando e… sucesso, aínda está en terra.

Hidroavión Canadair 415

E a pesares da desfeita e de seguir a sentir os hidroavións a pasaren por riba miña, non foi unha noite tan mala.


Ago 9 2006

Feuer, Qualm und Wolken

Lonxe de terra, o aire era respirable e o sol queimaba. Como era visto, de volta para o continente, metémonos baixo un cobertor de fume e muxicas que nos abafa mentres opedro mira para o sol e di que a lúa está grande, grande.

Deixamos Ons atrás

Desde o carro, impotencia, que apenas dá para tirar algunha foto desde o lugar do copiloto.

Vilaboa desde a AP9

E cando o choio prometía rematar a semana tal e como comezou, sentado no escritorio e rodeado de papeis, a voz atrás do teléfono, dime que, hoxe, cando a lúa estea encarnada como todas estas noites, hei sair cara o norte atravesando os infernos varios.

Leo, dúas horas para dezaoito quilómetros, comprobo o percorrido que me deseña o google, e boto unha ollada á páxina do meu benquerido Navarro, que cos seus continuos cambios apunta a que haberá que deseñar unha estratexia para voltar a casa.


Xul 4 2006

Love cars

Despois da mala fama que lle crearon ao Simca 1000, veño de saber polo motorpasión da resposta a cal é o mellor carro para chingar nel. E é que os de autocity fixeron unha reportaxe con candansúa ficha para cada coche, medicións e, quizais por falta de modelos reais, fotos con bonecos hichables, e incluso un making of. Non vou discutir a metodoloxía da proba, sobre todo, á vista de que, en edicións anteriores, o actual vencedor, o Fiat Stilo, era superado por outros modelos que tamén participaron este ano.

De entre os primeiros clasificados non me estraña nada o posto obtido polo Renault Twingo, todo un exemplo de modularidade para un coche tan pequeno e veterán, anque sen nada que facer frente a uns asentos do Stilo que se inclinan ata 160º E aínda que na proba só se limitan a compactos, outro conto sería se participasen a California, ou mesmo o Maybach 62, cuns asentos traseiros con función de masaxe incorporada.

os asentos do maybach

Por certo, a famosa lola só acadou o posto dezaoito e parece que van ser certas as incomodidades das que peca, e aquí si que temos motivos para preguntar porque lle dirán amor cando realmente queren dicir sexo?


Xul 2 2006

Semana quilométrica

Non repetín resposta. Tantas veces me preguntaron por onde andaba e tantas outras daba unha contestación distinta.

Tiro de neuronios e lembro, Baiona, Vigo, Marín, Rianxo, Ribeira, Baroña, Portosín, Noia, Santiago, Fisterra, Coruña, Mondoñedo e Burela, que dan para facer unha rota digna do que ben podería ser un promotor inmobiliario á procura de concellos adeptos ata un chofer dun camión do peixe coa súa pegata do Pensando en ti.

Tal e como fai o F.Míguez, apunto tres cousas por mor de non esquecer para outra semana destas,

A N643 desde o aeroporto cara a A6 está a converterse nun auténtico perigo; tanto como que mentres non arranxen o seu firme prefiro pagar a peaxe e ir dar unha volta a Galiza a aforrar tempo, cartos e quilómetros, todo iso por non arriscar a vida e torturar ao coche como os que van camiño do cárcere de Teixeiro aos tombos.

En Baroña, a súa praia dá un lindo lugar para botar unha soneca á beira do mar, sobre todo, os días do cotío, cando apenas hai xente e aínda menos textiles.

Acceso á praia de Baroña

Por certo, xa amañaron os anuncios do que agarda ao final do camiño. Así está mellor, sen bañador; os tempos de prohibir quedaron atrás. As correccións feitas aos graffitis pódense ver aquí.

E a derradeira anotación desta xeira é a dunha Fisterra chea de turistas, na que o ladrillo semella ir soterrando aos nativos. Facendo víveres nunha das miñas operación retorno, houbo un momento no que os meus neuronios só decodificaban sons en holandés e en inglés. Menos mal que alí estaban os tigretóns e mais os panterasrosas para devolverme á realidade. Ben, eles e a caixeira a reclamarme os seus seti euros.

Hoxe apenas me movín… e moito menos, en coche.


Xuñ 21 2006

Faísca McQueen

Coñeceuno o domingo pasado, vímolo por primeira vez os dous xuntos dando unha volta polo youtube

Catín aka Faísca McQueen

e agora temos un novo heroi na casa. Chámase Catín, tamén coñecido como Lighting McQueen.


Xuñ 15 2006

Pisca pisca

N550, AP9, N634, A6, e N642 veñen sendo moitos quilómetros e sempre hai momentos para perder a calma.

Perdo a calma por primeira vez na N634, os amortecedores fan un traballo extraordinario por manterme en contacto coa estrada e chego á A6 sen saber exactamente se é que os que teñen que utilizar esta estrada a cotío non pagan impostos ou se é que os funcionarios que traballan para nós teñen algún compló coas compañías de seguros.

Indicación de firme en mal estado

Logo xa non chego a perder a calma, son demasiadas as xuntas de dilatación que me faltan por atravesar para chegar a casa como para indignarme, pero, na autoestrada, non podo evitar preguntarme se todos eses carros que van adiantando a outros co intermitente esquerdo permanentemente encendido van a atravesar en algún momento a mediana para pasar a converterse en pilotos suicidas. Sorpendentemente, os mesmos conductores, cando regresan ao carril dereito non encenden o do lado dereito.

Falta de criterio ou descoñecemento do código de circulación? Coma estas, outras mil que teño que ver todos os días.