Nov 10 2009

Mapas de densidade de radares de Tráfico

De El mundo de los mapas é de onde tirei as imaxes; nas dúas represéntanse os mesmos datos, os puntos onde se ubican os  radares que Tráfico espalla polas estradas a controlar a velocidade,

EScalor_radares

EScalor_radares2

O resultado son dous mapas de calor, dúas perspectivas de análise dos datos sobre o mapa nos que o criterio de elección dun ou doutro dependerá do proceso que se estea a observar, segundo queiramos ver a fraga ou as árbores.

E que cadaquén saque as súas conclusións.


Xul 23 2009

Pola estrada da vía

Hoxe volvín dar cun video que hai uns meses lle amosaba aos meus pais, un video que amosa os nosos lugares comúns ao redor dun tranvía que foi o medio de transporte de toda unha xeración e que se nos repetía nas historias de cando os meus pais eran novos, de como se coñeceron cruzando as súas miradas camiño do choio neses tranvías que unían a Baiona con Vigo, ou de como se subían por fóra del para aforrar os cartos do billete, ou de tantos bailes que foron botar a tantas outras verbenas…

Toda unha historia desmantelada do mesmo xeito que se fixo coas vías e, máis tarde, cunhas paisaxes que son case irrecoñecibles; a “feraz campiña” é agora un campo de especulación de chalés, adosados e pareados que chegan ata a mesma liña de costa. O único que quedou do tranvía, ademáis dalgunha estación e apeadeiro, foi o nome da estrada que une Vigo e A Ramallosa pola costa, que aínda segue a ser a estrada da vía.

Malia que o video xa fora publicado por A vella e nobre Gallaecia, cómpre volvelo postear por aquí para lembrar onde vivimos e ver o que lle fixemos ao noso.


Mai 29 2009

Imaxes da construcción da Ponte de Rande

De preguntarlle aos meus pais, haberían dicir que a Ponte de Rande lles cambiou a vida. Daquela obra que nos cambiou a vida é esta impresionante  galería de imaxes da Ponte de Rande desde o inicio da súa construcción ata a súa apertura para o tránsito en 1981, galería publicada hai un tempo polo Faro de Vigo e recuperada por  tecnoloxia.org

A que quizais máis me impresionou foi esta do Estreito de Rande sen a ponte,

estreito_rande

De cando se abriu para o tránsito, en 1981, lembro que no Faro de Vigo, durante un tempo, sairon uns vales para circular gratis, só había que entregar na peaxe o cachiño do Faro co cupón, cupóns que a miña nai se encargaba de recolectar entre os coñecidos que compraban o Faro e non eran usuarios da autoestrada.

ponte_rande

Daqueles días é esta foto, unha marcha ciclista que se fixera pouco antes da inauguración do tramo Pontevedra – Vigo. Boto contas e levamos 28 anos pagando peaxes, unha vergoña!


Mai 6 2009

Troles e tranvías da Coruña

Documental grabado na década dos 60 e 70 do século pasado por un grupo de ingleses patrocinado por The London Trolleybus Preservation Society e titulado The Q1`s in Spain, Q1 é o modelo de autobús, o BUT-AEC-Leyland-Q1 fabricado e carrozado por The Britsh Leyland para operar en Londres, e que foron comprados de segunda man en varias ciudades españolas, entre elas a Compañía de Tranvías de Coruña.

Subido a Youtube por pelouro100 e atopado n’as uvas da solaina


Feb 24 2009

Hofmeister kink

Moita xente é quen de recoñecer un BMW por calquera dos seus rasgos distintivos máis característicos, xa sexa o seu característico logo (Roundel) coas cores da bandeira bávara, ou polos riles da súa grella frontal que, con diferentes formas, acompañan aos seus carros desde 1933, ou ben polos catro faros circulares dianteiros que, malia aparecer nos seus coches na década pasada dos 80, xa supoñen un elemento diferenciador respecto a outros fabricantes.

Pero a que quizais o que mellor caracteriza aos BMWs é algo que moitos dos seus propietarios non coñecen, ou se o coñecen probablemente non saiban do seu nome, e que apareceu por primeira vez nos seus deseños no ano 1961 co gallo da presentación do BMW 1500 e que foi acompañando aos diferentes deseños na maioría dos seus coches desde entón.

hofmeisterknick-e36

Ese remate que lle deu o seu deseñador á xanela traseira facendo esa curva cara o frontal en lugar de rematala nun ángulo agudo contra o cu do coche foi chamado Hofmeister kink, pois así se chamaba o Director de Deseño da BMW, Wilhelm Hofmeister, converténdose no elemento de deseño máis característicos dos carros saidos da casa bávara.

hoffmeister-history1

Desde BMW sinalan que a curva Hofmeister destaca dun xeito sutil que os seus carros teñen propulsión traseira e quedoulles coma un sinal da calidade dos seus deseños, tanto que outros fabricantes teñen asumido o deseño dese remate da xanela para diferenciar aos seus coches con aspiracións elitistas. Para máis información, na fonte, new media campaigns.


Set 11 2008

Carman, Nokia ao volante

Unha das aplicacións que me faltaban por instarlarlle ao tablet era Carman, unha aplicación para maemo que convirte o Nokia Tablet nun analisador OBD2, unha ferramenta de diagnose e monitorización do rendemento do motor; e foi só que a instalei ao fío dun apunte do brenlla no que falaba de LinuxICE, un sistema operativo baseado en Ubuntu e deseñado para ser implementado en coches (que teñan algún tipo de carputer) e que tamén bota man do proxecto Carman, software libre que chega desde o brasileiro Instituto Nokia de Tecnologia, o berce de Canola.

captura Carman por defecto

Se algunha vez te preguntaches pola luz que se prendía no cadro de instrumentos e se era importante, ou queres ter máis información do que pasa debaixo do capó, Carman ten a resposta ás túas preguntas sen ir polo taller a que lle conecten a “máquina” e ver porque dá ese erro.

Carman se comunica co sistema OBD do carro, que é o que monitoriza o motor, vía bluetooth (tamén evitando tirar cable) a través dun scanner OBD, un aparello que se conecta nun porto que a maioría dos coches, case todos desde finais dos 90 e obligatorio en Europa desde 2001, levan por riba dos pedais ou baixo do volante.

Se a información que che ofrece o carro che parece pouca, Carman é para ti, pois mide toda a información que dan os sensores do coche, desde as voltas ás que xira o motor ata a velocidade á que nos desprazamos, pasando pola temperatura do refrixerante, a carga á que traballa o motor, a presión que mandan os inxectores, un 0 a 100,…, ou mesmo o percorrido do pedal do gas e moitos máis, todo nunha interfaz moi coidada que se pode modificar conforme as necesidades de información de cada un.

evolución Carman

Fago unha lista

  • Nokia Internet Tablet
  • Coche con OBD-II
  • Scanner OBD-II  con bluetooth

e só me falta unha cousa e hai ducias de poxas en ebay que rematan nuns días.

mapas en Carman?

E a cousa promete,

In the future, we still want to connect Carman and Canola, have both as opensource and this is the first step.

P.S. de versións previas de Carman, con video, hai post en inglés, se é que non me sabes galego.


Ago 12 2008

Incidências em trânsito

Leo os feeds en áreas de servizo da A6, actualizo o twitter desde unha área de serviço da Trofa na A3, leo o correo nunha área de descanso da AP9, envío unha documentación na cuneta da AC-550 á vista da praia de Caldebarcos,…

desdocoche.jpg

Nos últimos vintepico días vaime pasando a toponimia de Galiza enteira polo parabrisas, desde Celeiro ata Tui en Highway Gothic e mais en Traffic Type Spain e ata Vila do Conde en Transport; paso á beira de desmontes, de viais en obras e de desvios alternativos onde os sinais con tipografía negra sobre fondo branco están en perigo de extinción, e o destino, coma se soubese iso e para que os puidese ver ben, chanta un camión trailer a dar a volta no medio da estrada, á esquerda vaise a Leganitos, á dereita cara o Chao de Perros. Foi uns días antes (que tamén é un lugar nas terras do Xallas), e por mor das verbenas á beira da estrada, que teño que parar onde os sinais de entrada a Gunxín e mais a Quintáns, onde coches suizos invaden as cunetas e as orquestas dan en romperme a cabeza.

Dentro do coche, en todos eses roteiros, acompáñame a mesma música, os decibelios dos pistonazos, o asubío do turbo, os ruidos aerodinámicos, os da propia rodadura,… e por un momento, cando apago o radio-cd por minguar o rebumbio, case son quen de oir á bomba de gasoil bombeando euros aos cilindros. O que non sinto son os seis aparellos que levo falando bluetooth entre eles, aos que, malia ir radiándome, agradézolles o silencio do bluetooth que inunda o carro.

Fóra do coche degusto o menú do día de a 8€ nunha parrillada de Teixeiro, falan no Telexornal dos accidentes de tráfico e botan imaxes de coches desfeitos con sabas brancas a tapar corpos e, malia non ter ningún accidente no último medio millón de quilómetros, véxome a min mesmo no chan rodeado polos do 061 preguntándose como é que o meu corpo está cheo de cocacola.

Na mesa teño o tablet co correo e mais o Mauku abertos, acéndese a luz do tablet e esquezo o Telexornal. Ao voltar ao coche póñolle o tapón á botella de cola, xa case estou na A8.