Neoxeografía
11 Abril 2008
Se ben xa coñecía o proxecto de OpenStreetMap, ou OSM, o meu primeiro contacto cos seus mapas foi a través do Maemo Mapper, unha aplicación imprescindible para os Nokia Internet Tablets que permite utilizar repositorios públicos de mapas online, como google maps, live maps, ou mesmo os do Catastro.
De OpenStreetMap sabía que utilizaban mapas libres, sen carga ningunha de dereitos de copia ou copyrights e feitos desde a nada, nutríndose das aportacións e das colaboracións dos seus usuarios. A mesma filosofía da wikipedia dá a entrada a que calquera usuario incorpore ou rectifique os datos que considere oportunos, ben sexa unha autoestrada, unha vila, un parque ou un camposanto.

Á vista do pouco cartografiada que está Galiza en comparación con outras zonas do planeta e do fácil que é recoller os datos dun gps no maemo mapper e ir grabando a traza do percorrido foi que me animei e din en explorar lugares nunca cartografiados (en OSM); logo de subir os datos recollidos, editalos e etiquetalos ves que vai aparecendo o que tes baixo os pés, que o teu mundo está no mapa. Supoño que así se sentirían os primeiros exploradores.
A idea é evitar as restriccións para o uso e a modificación de mapas gratuitos pero non libres como os da mesma google ou microsoft. Calquera persoa pode colaborar nun dos varios procesos que conforman o proxecto, ben subindo trazas de percorridos feitos cun gps ou editando trazas e etiquetando lugares coñecidos, pero nunca copiando doutras fontes pois é norma e existencia de erros nos mapas a xeito de marcas de auga, firmas, ou ovos de pascua para aínda máis facer valer o seu copyright.
Se tes un gps non supón moito choio recolectar trazas; hai programas para capturar os datos desde o gps a calquera sistema operativo, pda, móbil con soporte java, palm, symbian,… E se non tes gps tamén podes colaborar editando as trazas doutros; o punto de partida é a wiki de OSM, e o resultado será un mapa cartografiando calquera cousa que se poida etiquetar, sexan regatos, petroglifos, estradas, camiños, carrís-bici ou bares.
E se chegaches a ler ata aquí non poderás pasar por alto o que foi a noticia da semana; a información xeográfica xerada polo Instituto Geográfico Nacional foi liberada para uso non-comercial. Por fin, unhas cartografías que financiamos cos nosos impostos e que ata o de agora tiñamos que pagar por utilizala é liberada na práctica e será de acceso público a través de internet.
Mentres sigo explorando só queda agardar para apuntarse a unha desas mapping parties para xeo-frikis.
As mellores ferramentas de visualización
15 Marzo 2008
Dos moitos xeitos que hai para representar datos, se estes son moitos ou abstractos, hai veces que se precisa máis que un gráfico de barras, e aí é onde unha boa representación gráfica pode axudar a que sexan máis fáciles de ler e comprender. Na rede existen unha chea de técnicas gráficas que nos permiten visualizar os datos de xeitos moi diferentes, tanto utilizando aplicacións de escritorio coma aplicacións web. Moitas delas serán tan habituais coma os gráficos que puxeron nos debates entre o zapatero e mais o rajoy.

O catálogo de aplicacións é tan amplo que o post da Readwriter Sarah Perez sobre as mellores ferramentas para visualización de datos pode ser considerado como fascinante; ela mesmo xa falara sobre o asunto con anterioridade, como fixera Calidonia apuntando ao catálogo de Visual Complexity.
E se teñen tempo, pérdanse por entre canto link atopen, abran os ollos, e asómbrense.
Machuco electoral
7 Marzo 2008
Outro que se apunta a facer un trebello electoral é a xente de google, que botando man dos seus mapas preparou un machuco para poder visualizar sobre eles os resultados das eleccións xerais deste próximo domingo.
Cunha capa de datos sobre o mapa poderanse ver, case en tempo real, cales son os partidos máis votados nas respectivas circunscripcións electorais segundo os códigos de cores resultado de misturar datos ofrecidos pola páxina de resultados do Ministerio do Interior cos mapas de google, amosándoos dun xeito moi atractivo.

Para consultarmos os datos hai que ir a Google Maps e clicar na pestaña Os Meus Mapas, alí poderase ver a aplicación do mapa electoral dentro de Contido destacado, onde ademais xa mesmo se poden consultar os resultados de todas as eleccións ao Congreso celebradas desde 1977.
Hai moitas máis opcións para o seguemento en directo, das que xa deron conta na do pawley ou en eCuaderno, ademais das que xa se converteron en habituais para estas ocasións, como o twitter ou chuza. Lémonos.
403day.org
28 Febreiro 2008
Vaise achegando o día, xa se lanzou o sitio 403day, onde se explica o porqué este día se vai denegar o acceso ao Internet Explorer.
Se queres apuntarte, alí vas atopar diferentes opcións para poñer na túa páxina, desde un .htaccess ata un plugin para Drupal ou, mesmo se non queres denegar o acceso pero apoias a iniciativa, un banner para informar do día 403.
Ao fin foi que eu me decidín polo plugin para wordpress baseado no do Choan Gálvez, pero en galego e sen redireccionar, así que os que cheguen acó este día co IE atoparán algo coma isto,

A iniciativa é simple, moita xente deixa os cornos para desenvolver sitios web lindos, accesibles e funcionais seguindo os estándares, pero hai quen ignora todo ese traballo e implementa os estándares como lle convén, adiviñan quen? Si, a Microsoft.
Eu non vou perder nada este día, eu utilizo Firefox, e ti?
Día 403 para o Internet Explorer
17 Febreiro 2008
Os que chegan acó utilizando o Internet Explorer déanse por avisados. Un erro 403 será o que recibirá a ese navegador cando chame a esta porta o día 4 do mes 03.
Veño de ler na de ascárida que nunha xuntanza de desenvolvedores web en Barcelona comentaron a idea de prohibir o acceso ás súas web ese día ao explorer de microsoft. Tal e como comenta, hai unha receita para rexeitalo co .htaccess e un plugin para o wordpress co mesmo fin.
Non son desenvolvedor web, pero teño que sufrilo como usuario para acceder a servizos tanto públicos como privados, así que, mentres agardamos polo 403day.org, saiban que o catro de marzo quen veña montado nun Internet Explorer, aquí non entra.
Privacidade vs. Seguridade
7 Febreiro 2008
Comunicando a diferencia entre seguridade e privacidade desde a sinxeleza dunha ilustración.

Porque a loita contra o que sexa non é a causa, senón o pretexto, onde está o límite?
A ilustración é de Clay Bennet, seica xa coñecido por ser gañador dun premio Pulitzar e o seu achádego débollo ao feed de Rick’s HideOut.
18 no 14!
21 Xaneiro 2008
Nas xuntanzas de coches clásicos é costume que haxa un premio para o participante que chega desde máis lonxe, pero a cita do 18 no 14! non ía diso, así que os 560 que lle sumei á cifra do tacómetro quedaron en nada, xa que non contaban para o sorteo que alí se celebrou.
Como xa deron conta e documentaron en casa ghanito e mais en casa besbe, só podo dicir que foi un pracer estar noutra destas, navegando entre o blogmillo nun espazo reducido e sen necesidade de aparellos electrónicos, indo de blog en blog apenas dando uns pasos.
Houbo risas, moitas risas, palique, empanada, bolachas, puxemos a feder aos que non asistiron, coma sempre ;-), boa música, libro de visitas, momentos frikis, fotos, moitas fotos, moitísimas fotos e máis risadas.
A mágoa foi non poder, ou non saber, saudar a unha manchea de caras descoñecidas que se vían por alí, pois probablemente as súas letras fosen coñecidas mais non parecía un bo plan o de ir preguntando; e a túa url, cal é?
E malia que o(s) día(s) seguinte(s) sufrín as consecuencias do esforzo non só quilométrico, saiban que o volvería facer.

