Videochat ao chou, Chatroulette

De cando en vez xorde na rede algún novo servizo que se convirte nunha sensación, e nunha destas é no que se está convertindo Chatroulette, que naceu en novembro pasado e que con apenas tres meses de vida e sen publicidade ningunha vai vendo como a cantidade de usuarios online medra día a día, e do que só uns días atrás se soubo quen era o seu creador, un rapaz ruso de 17 anos.

E que vén sendo? Detrás de http://chatroulette.com hai unha web cun videochat. Na parte inferior esquerda a nosa webcam, e xusto enriba dela outra pantalla coa webcam da persoa coa que contactamos e, á dereita, o clásico chat a través de texto.

Pero con quen contactamos? Sinxelo e simple, Chatroulette é unha ruleta, un videochat ao chou. Ao entrar non hai rexistro, só indica que para usar o servizo debes ser maior de 16 anos e non emitir material obsceno, pornográfico,…, advertencia que non se respeta, e ao darlle ao Play nos pide permiso para acceder á nosa webcam e automaticamente nos conecta con outro usuario escollido de xeito aleatorio co que podemos interactuar ou, se non nos gusta o que vemos, darlle a Next para pasar ao seguinte usuario e así ata o infinito, asomándonos por fiestras tamén case que infinitas.

Xogando a baza da simplicidade de acceso e da propia curiosidade humana nunha rede como é internet, que anda contra os dous mil millóns de usuarios, está claro que atrás da outra webcam de chatroulette pódese atopar de todo e así o comprobei. Nunca sabes quen, ou que, vai aparecer logo de premer no rato, o lugar co que soñaron os exhibicionistas e voyeurs de todo o mundo, na súa maioría homes de todas as razas, moitos amosando as pirolas e a facerse peras, parellas fodendo, xente disfrazada, algún tocando algún instrumento ou bailando, grupos de xente nova saudando, familias enteiras, xente coas súas mascotas,… todos coa curiosidade de interactuar cun descoñecido.

Visto o visto non teño idea de canto tempo vai permanecer aberto este servizo nin en que vai derivar, pero concordo con Willy cando comenta que mola dunha forma enfermiza e é que dubido que na historia da humanidade houbese nunca posibilidade coma esta de contactar cun estraño ao chou, un humano coma nós, e quizais por iso mesmo a experiencia podería ser ben surrealista.

No Comments

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *