Futuras lembrazas

Está na piscina e vémolo a través dun cristal, van tres días e xa botou a nadar el só.

na_piscina

Aos poucos opedrinho vaise facendo un homiño, a toda velocidade e sen paraxe; dun día para outro sorpréndenos a facer cousas que hai apenas unhas semanas supuñan un reto.

Así, se hai uns días miraba como o seu pai conectaba vía wifi dúas Nintendo DS para botar unha partida ao Mario Kart, non foi sen tempo que ao día seguinte era el quen, sen saber ler o que puña na pantalla, guiaba a unha amiga, maior e analóxica, para botar unha carreira coas dúas NDS.

Ou de como se puña a xogar ao tenis cos seus tíos, non con moito acerto pero cun xeito para coller a raqueta a dúas mans e golpear a bola do revés que nos sorprendeu a todos os que alí estabamos. E á pregunta de que onde aprendera a golpear a bola, non tiña resposta, só dixo que aprendera cando tiña tres anos. Pero a resposta tíñana os seus tíos, que son os que lle meten o vicio electrónico no corpo; fora xogando á Wii co Wiimote.

E foi logo dunha tarde na casa cos seus tíos, con sesión Wii incluída, que nos contou que estivera a xogar coa avoa e que lle ganara. O meu corazón deu un salto, ata que me decatei, un par de segundos máis tarde, que malia que a avoa non estea con nós, o seu Mii aínda segue dentro do aparello, xogando co seu netiño.

P.S. ao sairmos da piscina non puiden escoitar toda a conversa de opedrinho cun amigo seu. Seica opedro lle dicía que a súa avoa estaba no ceo, o amigo mirou para arriba e preguntoulle se estaba naquel avión que pasaba por riba das nosas cabezas, …e nós rimos sen poder escoitar a resposta do noso fillo.

2 Comments

  • A nosa cativa xa camiña e bota as súas primeiras verbas. É abraiante o seu cerebro, o axiña que van dominando o mundo cos seus pequenos pasiños.

    E por se fora pouco son nativos dixitais! Para eles todas os nosas lembranzas van ser arqueolóxicas :D

  • Nom sei que é máis fermosso, se que jogue co Mii da súa avoa ou o amigo que preguntaba polo avióm

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *