Desde que o teléfonos móbiles comezaron a incluir receptores GPS volveuse un costume entre os coñecidos o de chamarme desde algún lugar lonxe do seu lugar de residencia para contar que o seu GPS non funcionaba logo de agardar durante minutos a que dea unha posición sobre a cartografía do software que leve o aparello.
E que se o normal é que o chip GPS obteña unha posición válida nuns 20 segundos, o certo é que para que obteña esas coordenadas nese curto periodo de tempo precisa dunha información que é transmitida polos satélites da rede GPS que flotan por riba das nosas cabezas e que, segundo as condicións, pode supoñer máis ou menos tempo.

Así, un arranque en frío dun chip GPS que non almacena información ningunha da súa posible situación, velocidade, hora, ou información dos satélites da rede GPS, precisa primeiro obter o sinal dun satélite, tarefa que pode ser máis ou menos complicada segundo a cantidade de ceo que teñamos á vista. Dese primeiro satélite debe obter, de entre os sinais GPS, o almanaque, que é o conxunto de datos que axuda ao GPS a determinar que satélites buscar segundo a ubicación dese primeiro, para o que precisa de 12 minutos e medio para recibir eses datos enteiriños e que teñen información válida para os seguintes 180 días.
A seguir, de cada un deses satélites que localiza cos datos do almanaque debe agardar a recibir as efemérides, os datos relativos á órbita detallada dese satélite, que son emitidos cada 30 segundos e con validez para 4 horas, co que só queda recibir o sinal de, como mínimo, 3 satélites na teoría, e na práctica ao redor de 5 para obter unha posición válida.
Así, segundo o tempo preciso para obter unha posición válida, Time To First Fix [TTTF], que é a que adoita aparecer nos manuais dos aparellos, danse tres situacións,
- Cando o GPS leva menos de 4 horas apagado e, polo tanto, conserva o almanaque e as efemérides, o seu reloxo está sincronizado co da rede de satélites e ten á vista os satélites previstos polo almanaque, isto é, nun lugar próximo ao de cando se apagou o receptor, é coñecido como arranque en quente, Hot, ou Standby, no que a resposta do GPS é inmediata.
- Chámanlle Normal, ou Warm cando o GPS aínda conserva un almanaque válido, está nun área de 100 km á redonda da última posición coñecida e a diferencia da hora estimada polo receptor e a da marcada polos satélites GPS non sexa de máis de 20 segundos, co que só lle queda agardar polo conxunto das efemérides que son enviadas cada 30 segundos.
- E, por último, o arranque en frío, que lle chaman Cold ou Factory, de fábrica, cando falla algún deses requisitos para coller un fix de contado, no caso de ser do trinque por vir dun lugar lonxano ou tamén coma no caso que poden ser os viaxes en avión, ao arrancalo ao baixar do avión a centos de quilómetros da súa última ubicación e á vista duns satélites que non agardaba no seu almanaque.
Mentres os fabricantes falan dun TTTF [Time To First Fix] de 15 minutos para un arranque en frío, a realidade é que de non ser a ceo aberto, pódese alongar moito máis, tanto que pode dar para pensar que o GPS está escarallado.
Para reducir ese tempo de espera naceu o GPS Asistido, Assisted-GPS ou A-GPS, que utiliza, nos máis dos casos, a conexión de datos do teléfono móbil para que, segundo a ubicación da antena celular que nos dá cobertura, reciba información a través de redes GPRS ou 3G, Internet móbil, dos satélites GPS para esa área e acelerar o tempo para obter a posición co GPS.
Ou, para o caso de aterrar nun lugar fóra das fronteiras de cobertura da nosa operadora móbil, ou para aforrar cartos na Internet móbil, o cómodo, máis rápido e recomendable é prender o receptor GPS en pleno voo na media hora previa á aterraxe ata que nos digan o de apagar os aparellos electrónicos pois, dese xeito, o noso receptor irá captando a información relativa aos satélites desa zona onde imos precisar dos datos do noso GPS e con plena operatividade só uns segundos despois de prendelo. Para que non digan logo que non llo expliquei.
Ilustrativo…