Avaliación e ilusións

Este ano non somos quen de escapar do Nadal, algo está a cambiar. Todos os días hai pregunta, se cantos son os días que van para que cheguen os Reis, se xa estamos no inverno, se naceu o Nenoxesús, se vén aí o 2009 e marcha o 2008,… e así ata o infinito.

Recoñezo, e lembro, nos seus ollos aquela ilusión coa que viviamos estes días hai moitos anos; no seu mundo de fantasía só hai lugar para xogos, panxoliñas, carreiras e emocións, moitas emocións.

E polo medio, á vista da súa última avaliación e dos comentarios da profesora, un pouco de orde.

primeira avaliación, decembro 2008

Ela mesma recoñece que é intelixente e que non ten problemas coa lectoescritura. Sabemos que o mundo non acaba nas fichas que veñen sen rematar, ou rematadas ao xeito del e que ninguén máis entende, e os debuxos da escola apuntan a que a creatividade artística non vai ser o seu, malia que quizais o conto cambiaría algo se en lugar de lapis e papel lles deixasen construir robots e naves con pezas de Lego.

Así, mentres fai con mamá unha páxina do seu caderno rubio por facerlle ver que non todo é unha carreira para rematar o primeiro, eu tento facerlle tracking á encarga aos Reis Magos, que este ano veñen dalgún punto próximo a Belén fóra dos Territorios Ocupados, que foi onde houbo que ir encargar a súa ilusión de todos os días, Thomas e os seus amigos da illa de Sodor.

One Comment

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *